“Unhas 3000 granxas galegas, as que producen menos de 240.000 litros de leite, son discriminadas por Lactalis, CAPSA e Lence”

O Sindicato Labrego Galego ven de iniciar unha campaña para “visibilizar a discriminación de Lactalis, CAPSA e Lence  ás pequenas e medianas granxas galegas”. “Estas industrias están utilizando unha estratexia comercial que impón, por leite de idénticas calidades, un prezo inferior para as pequenas e medianas granxas e un máis favorábel para as grandes explotacións (….) un agravio na retribución económica que afecta a arredor de 3.000 granxas galegas”, denuncian dende a organización labrega.

En concreto, a través dunha gráfica explican como “nestes momentos todas as ganderías que producen menos de 240.000 litros/ano quedan fóra da prima por cantidades; na Galiza, o 48.60% das granxas de leite producen menos de 250.000 litros/ano. Aliás, aínda as máis grandes, coas primas, seguen por de baixo do prezo medio de Estado español e do prezo medio da UE-27”.

Exemplo_ContratosLeite

“Lactalis e Capsa non aumentaron o prezo base, Río subiuno lixeiramente. A suba de prezos que se percibe no caso destas tres industrias produciuse fundamentalmente polo cambio das primas e, sobre todo, pola introdución dunha prima por cantidades”, explica a gandeira e economista especializada en políticas agrarias Ana Rodríguez.

“A maior parte das persoas que producimos leite neste país asinamos con algunha destas tres industrias. O contrato é para catro meses: o 1 de agosto temos que asinar outro, así que o 1 de xuño temos que empezar coas novas ofertas. Estamos moi preocupadas pola posibilidade de que estas tres industrias insistan en privilexiar o modelo de grandes explotacións a través da prima de cantidade en detrimento do modelo familiar, que é o que realmente garante un medio rural vivo e medioambientalmente coidado e saudábel”, engade.

Dende o SLG insisten en que “non existe ningún motivo obxectivo polo que as pequenas granxas que producen en Galiza cobren menos polo leite”. “É máis, en todo caso deberían ser especialmente remuneradas polo seu aporte á vertebración social, desenvolvemento económico e coidado ecosistémico das zonas nas que se ubican, apostando por máis granxas no territorio e non por un número limitado con moitos animais concentrados nuns poucos concellos da franxa central de Galiza, que é o que está pasando nestes momentos”, advirten.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego solicitan novamente ás industrias Lactalis, CAPSA e Lence “que poñan fin a esta agresiva estratexia comercial que afecta precisamente ás unidades produtivas máis vulnerables do elo máis feble da cadea láctea, ao tempo que demandamos un incremento de prezos a tódalas granxas, acorde cos prezos medios estatais e europeos”.

Se non hai melloras no actual contexto comercial, o Sindicato Labrego Galego avanzará na realización dunha campaña informativa en superficies comerciais e con organizacións de consumidores e consumidoras que procure a complicidade e apoio destas ás pequenas e medianas granxas galegas.

PrezosIndustriasMaiorRecollida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información