A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu “Plan de apoio ao fortalecemento e consolidación das cooperativas agroalimentarias galegas”, unha nova iniciativa destinada a impulsar a profesionalización, competitividade, sustentabilidade e resiliencia das cooperativas do sector.
O plan, que comezou este ano e prolongarase ata o 2027, prevé accións directas sobre 260 explotacións gandeiras de vacún de leite, dunhas 10 cooperativas, e sumar 7.805 horas de asesoramento técnico especializado para garantir a súa competitividade. Ademais, o plan inclúe un sistema de seguimento continuado e chegar coas súas distintas accións a unhas 700 persoas do sector agrogandeiro.
Esta iniciativa, cofinanciada con algo máis de 360.000 euros polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través da Confederación Española da Economía Social (Cepes), contempla tres liñas de actuación nas que xa ese está a traballar.
En primeiro lugar, unhas 150 explotacións galegas recibirán asesoramento de Agaca co obxectivo de avanzar cara á redución tanto da súa pegada de carbono, como tamén da súa pegada hídrica. Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, destacou que as liñas de traballo “hai que analizalas en cada explotación”, aínda que algunhas medidas xerais para avanzar cara á descarbonización das ganderías de vacún de leite son lograr maiores lactacións vitalícias e número de partos por animal, reducindo así as necesidades de recría; mellorar a eficiencia alimentaria e a dixestibilidade das forraxes para reducir as emisións de metano e a necesidade de compra de concentrados, a instalación de enerxías renovables ou unha mellora na eficiencia na aplicación de fertilizantes químicos, entre outras. “A idea é que as medidas que se poñan en práctica reduzan de forma evidente a pegada de carbono e sexan replicables noutras explotacións, servindo como exemplo”, incidiu Higinio Mougán.
Unha segunda liña de traballo, na que se prevé que participen unhas 60 ganderías de vacún de leite, é a implantación e verificación da Guía de Boas Prácticas da Interprofesional Láctea (INLAC) e a terceira será a implantación dun plan de asesoramento en benestar animal certificado por Welfare Quality, que prevé chegar a outras 50 explotacións.
Tal e como explicou Víctor Coira, técnico de AGACA e responsable de Calidade, a iniciativa contempla a elaboración dun plan de empresa para cada explotación participante, baseado nun diagnóstico previo que determine as accións prioritarias.
Por último, Loli Couso, técnica de AGACA e responsable de Formación, destacou que “se trata dun plan con actuacións transversais e coordinadas que se realizarán ao longo de 2026; dirixido principalmente a gandeiros e agricultores en activo, así como aos seus traballadores, que sexan socios de cooperativas. O obxectivo é poder presentar os resultados en 2027, logrando unha mellora na sustentabilidade e na profesionalización das explotacións”.
Sobre CEPES
A Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES) é a entidade representativa da economía social en España, actuando como organismo intermedio de xestión de fondos europeos para proxectos estratéxicos con impacto socioeconómico. Entre as súas funcións está apoiar iniciativas que promovan o emprego, a cohesión territorial, o desenvolvemento sostible e a competitividade das entidades da economía social, entre elas as cooperativas agroalimentarias.
Financiamento
O Fondo Social Europeo Plus, a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), na súa calidade de organismo intermedio do programa EFESO, cofinancia con 360 335,34 euros o proxecto PLAN DE APOIO AO FORTALECEMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS GALEGAS da UNIÓN DE COOPERATIVAS ASOCIACIÓN GALEGA DE COOPERATIVAS AGRARIAS, que se desenvolverá entre 01/2025 e 12/2027 e que ten como finalidade apoiar o crecemento, o fortalecemento e a consolidación das cooperativas agroalimentarias galegas socias que desexen afrontar o reto de implantar melloras na xestión e nos sistemas de produción, incidindo especialmente en mellorar a competitividade, sustentabilidade e resiliencia das nosas organizacións, considerando o seu papel estratéxico no desenvolvemento económico, social e rural de Galicia.
Galego









Control OJD