A vaca Serrada Chantel Chief, propiedade da gandaría La Serrada & QuimS. & Agriber & Quality & Jose A.Hernandez, de Ávila (Castela-León), logrou este sábado o premio Vaca Gran Campioa no XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa, celebrado en Silleda no marco da IV Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Abanca Cimag-GandAgro 2023.
Trátase dun animal nado en 2018, de pai STANTONS CHIEF ET, e cun ICO de 3007 puntos. Non é a primeira vez que destaca en concursos, pois xa foi Vaca intermedia campioa do concurso nacional de CONAFE 2021.
Cualificada como MB 88 é a mascota desta granxa familiar de San Juan de la Encinilla (Ávila), a cuxo fronte está Álvaro Martín. Falamos con el para sobre a mellor vaca do XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa Gandagro23
Como é gandaría La Serrada?
É unha gandaría familiar, situada no centro de Ávila. Temos 75 animais en muxido e o leite vendémosllo á queixería Valle de San Juan, de Palencia.
Que destacarías da vaca gañadora, Serrada Chantel Chief?
Coideina desde pequena e decidímonos a participar en GandAgro23 porque a vaca estaba en forma.
É unha vaca que descende dunha familia canadense que leva na miña casa uns 18 anos, a familia Rudold. Esta familia fómola acoplando ao rabaño primeiro o meu pai e logo eu ata que logramos este animal especial, que decidimos coidalo e presentalo aos concursos.
Como son os seus datos produtivos?
É unha vaca con 3 partos, no primeiro parto produciu 11.000 litros, no segundo 13.000 e agora no terceiro aínda leva pouco tempo. É unha moi boa produtora, cunhas calidades de graxa do 4,1 % e proteína do 3,4%.
Non existe contradición, por tanto, entre que unha vaca triunfe nos concursos e sexa boa produtora de leite?
Unha vaca de concurso ten que producir porque do contrario non estaría en forma, non tería finura de ósos e non estaría tan bonita e tan angulosa.
Tedes descendencia dela na granxa?
Ten unha filla femia, que ten descendencia á súa vez, e seguimos traballando nesa familia.
Quen a preparou para Cimag-GandAgro 2023?
En casa, a base de traballo diario, e logo temos un equipo formado por Bonet Cid, Quim Serrabassa, Pol Colell, Iago…
Estades a sacar embrións para a súa comercialización?
De momento seguimos preparándoa para ir ao concurso nacional de CONAFE en Xixón que se celebrará en setembro.