Unha torre de secado de soro ou unha industria de obtención de almidón a partir da pataca, entre os proxectos subvencionados polo novo PDR

O Consello da Xunta aprobou onte as axudas superiores a 3 millóns de euros concedidas ás industrias agroalimentarias en 2016 no marco do PDR

Unha torre de secado de soro ou unha industria de obtención de almidón a partir da pataca, entre os proxectos subvencionados polo novo PDR

O Consello de Xunta vén de coñecer este xoves o informe da Consellería do Medio Rural sobre a previsión das axudas a conceder ás industrias agroalimentarias en 2016 no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, dando o seu visto bo á aprobación de tres axudas que teñen un importe superior aos 3 millóns de euros.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez publicou o pasado mes de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), cuxo orzamento ascendía a 25 millóns de euros.

Analizadas todas as solicitudes presentadas e unha vez avaliadas pola Comisión de valoración establecida nas bases reguladoras, son 59 as aprobadas cun investimento de 67.718.943 de euros.

Do total de solicitudes, tres delas teñen unha axuda superior aos 3 millóns de euros, polo que foi preciso que o Consello da Xunta autorizara a concesión de ditas subvencións, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sector lácteo: importantes axudas para Dairylac SL e para Proláctea SAU

Destacan pola súa importancia as axudas para conceder a proxectos de investimentos no sector lácteo por un importe de 14,5 millóns de euros, xa que representan preto do 58% do total de axudas.

Nese sector vanse aprobar 28 proxectos cun investimento total subvencionable de 38,3 millóns de euros. Destacan proxectos destinados á elaboración de queixos, soro en po e outros derivados lácteos. Neste caso, dúas das axudas foron superiores aos 3 millóns de euros. Trátase do proxecto presentado por DAIRYLAC, S.L., que pretende diversificar as súas producións elaborando soro e leite en po e especializándose na elaboración de manteiga e queixo, para así acadar un maior valor engadido nas súas producións. E PROLÁCTEA, S.A.U., que ten proxectado instalar unha torre de secado de soro procedente do proceso de elaboración de queixo da fábrica de Queserías Entrepinares S.A.U., coa que está vinculada.

Un novo matadoiro de aves de produción ecolóxica e para a creación dunha industria de procesado de patacas para obtención de amidón

No sector cárnico concederanse axudas por importe de 4,6 millóns de euros a 10 proxectos, cun investimento total subvencionable de 13 millóns de euros. Os investimentos a apoiar diríxense á modernización e melloras tecnolóxicas de matadoiros, salas de despezamento e industrias de elaborados cárnicos. Destacan en particular os investimentos destinados a potenciación de matadoiros de aves, coa creación ademais dun novo matadoiro de aves de produción ecolóxica.

No sector hortofrutícola apoiaranse 7 proxectos cun investimento de 14,7 millóns de euros e unha axuda total de 5,3 millóns de euros. Destaca neste sector o proxecto de EOLIMIA, S.L.U. destinado á creación dunha industria de procesado de patacas para obtención de amidón destinado principalmente á industria alimentaria, cuxa axuda supera os 3 millóns de euros.

Ademais dos proxectos dos sectores indicados, aprobaranse axudas a 14 proxectos doutros sectores de actividade, cun investimento subvencionado total de 1,7 millóns de euros. Os proxectos corresponden principalmente á fabricación de pensos, elaboración de mel, procesado de ovos e elaboración de augardente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información