Unha tese confirma a maior calidade nutritiva da Galiña de Mos

A tese de presentada na USC polo veterinario Diego Rois Losada e dirixida por José Luis Benedito e Marta López Alonso aborda unha caracterización integral da raza autóctona

Unha tese confirma a maior calidade nutritiva da Galiña de Mos

Galiña de Mos. Autor: Galo Celta

A raza Galiña de Mos ofrece produtos de maior calidade nutritiva e organoléptica fronte ás estirpes industriais, aínda que de menores crecementos, segundo conclúe o veterinario lugués Diego Rois Losada na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo baixo o título ‘Caracterización da raza Galiña de Mos’ e que mereceu a cualificación de sobresaliente cun laude.

“A raza Galiña de Mós supón un cambio de cantidade por calidade”, sinala Diego Rois na súa investigación de doutoramento, un traballo desenvolvido baixo a dirección dos profesores da área de Cirurxía e Medicina Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC José Luis Benedito Castellote e Marta López Alonso.

Rois Losada, que na actualidade traballa como veterinario na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), acomete na súa investigación de doutoramento unha caracterización da raza Galiña de Mos. De feito, na tese analízase a orixe histórica desta raza avícola autóctona de Galicia, a súa morfoloxía e xenética, a estrutura da súa poboación, a caracterización produtiva dos exemplares e produtos máis comerciais da raza: galo, capón, pularda, galiña e ovos, ademais de facer unha serie de recomendacións para unha xestión eficiente.

Carne de maior calidade e ovos máis nutritivos

Respecto das características e calidades dos diferentes produtos que se comercializa, os resultados das pescudas desenvolvidas por Rois Losada indican que o ovo da raza Galiña de Mos ten unhas calidades nutritivas diferenzas, comparado cos de aves industriais, con gran cantidade de aminoácidos esenciais, con elevadas proporcións de xema e menor humidade que as estirpes industriais.

A produción cárnica destacou nos catro produtos analizados: galo, capón, pularda e galiña, en comparación coas estirpes industriais, por ser de elevado rendemento en partes nobres, cunha carne fina e cun sabor máis intenso. A pel mostra unha cor amarela uniforme sendo moi fina, con pouca graxa subcutánea.

As carnes da raza Galiña de Mos son moi nutritivas, zumarentas, tenras, pouco fibrosas, cunha cor máis intensa e boa intensidade de olor, salienta este investigador, quen precisa que se trata de carnes con pouca graxa, que ademais é de alta calidade e moi saudable, dado que presentan unha alta proporción de ácidos graxos poliinsaturados, de omega 6 e de omega 3.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información