Unha tese abre a porta a lograr verduras aínda máis saudables

Tamara Sotelo Pérez investigou na Misión Biolóxica de Galicia os xenes implicados na síntese e regulación de compostos biosaudables nas brásicas (verza, repolo, brócoli..) e observou que as follas destes cultivos posúen maior capacidade antioxidante e os brotes maior concentración de glucosinolatos.

Publicidade
Unha tese abre a porta a lograr verduras aínda máis saudables

Tamara Sotelo Pérez

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no marco da tese doutoral realizada por Tamara Sotelo Pérez na Misión Biolóxica de Galicia (MBG), avanzou no coñecemento dos xenes implicados na síntese e regulación de compostos biosaudables nas brásicas ( verza, repolo, brócoli..) e observou que as follas destes cultivos posúen maior capacidade antioxidante e os brotes maior concentración de glucosinolatos.

Estes resultados, que se publicaron en revistas científicas de impacto como “Plos One”, apuntan cara á recomendación dun consumo habitual de brásicas que inclúa diferentes partes destas e abren novas posibilidades para programas de mellora xenética enfocados a incrementar a calidade nutricional destes cultivos a través da modificación tanto do contido de glucosinolatos coma de compostos antioxidantes.

A tese, con mención internacional, “Brassica oleracea como fonte de compostos biosaudables: aproximación xenética”, realizouse baixo a dirección de Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, e Pilar Soengas Fernández, científica do CSIC. Defendeuse recentemente na Universidade de Vigo e obtivo a cualificación de Sobresaliente cum campa.

O xénero Brassica está integrado por 37 especies e numerosos cultivos, entre os cales destacan pola súa importancia económica o grelo, berza, repolo, coliflor ou brócoli. Constatouse que o seu consumo regular ten un efecto beneficioso para a saúde grazas ao seu contido en determinados compostos biosaudables.

“Ábrese a porta á mellora da calidade nutricional das brásicas”

Neste contexto, a tese centrouse en estudar e identificar os xenes implicados no contido nestes compostos, o que abre novas posibilidades aos programas de mellora xenética da especie, ata agora enfocados na produtividade, a resistencia a enfermidades, a uniformidade do produto e a calidade comercial,” explica Tamara Sotelo Pérez, autora da tese.

Por iso, un dos principais obxectivos da investigación foi incrementar o coñecemento das bases xenéticas da actividade antioxidante (fundamentalmente, compostos fenólicos e carotenoides) e dos compostos glucosinolatos para non só coñecer a súa síntese e regulación, senón para poder modificar a súa concentración en futuros programas de mellora xenética e obter cultivos cun perfil de antioxidantes e/ou glucosinolatos específico.

Por unha parte, realizouse un estudo e busca de rexións do xenoma implicadas na actividade antioxidante en brásicas e na acumulación e composición de glucosinolatos en diferentes órganos de Brassicaoleracea. Todo iso co fin último de identificar posibles xenes relacionados.

Os compoñentes saudables das brásicas son herdables e pódense mellorar

Por outra parte, a investigación mostrou que a concentración de glucosinolatos nas brásicas é un carácter altamente herdable e que pode modificarse mediante métodos de selección convencional. Ademais, ten visto que a modificación da concentración dun glucosinolato en particular ten un efecto, xa sexa en maior ou menor medida, sobre o resto de glucosinolatos da planta.

Tamén se realizou un estudo pioneiro que analizou a relación entre os diferentes métodos científicos empregados actualmente para medir a actividade antioxidante dun cultivo (entre eles, o ABTS,FRAP e DPPH) co contido en compostos fenólicos, carotenoides e antocianinas.

Os datos obtidos indican que aínda que os resultados dalgúns métodos son comparables entre si, é conveniente empregar varias técnicas para unha correcta avaliación da actividade antioxidante dun cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información