A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Unha pradaría biodiversa e con leguminosas é máis rendible económica e medioambientalmente”

Entrevista a Joel Presa, técnico comercial e xestor de produto de FERTIPRADO, empresa de referencia na Península Ibérica na produción de sementes pratenses

“Unha pradaría biodiversa e con leguminosas é máis rendible económica e medioambientalmente”

Falamos con Joel Presa, técnico comercial e xestor de produto de FERTIPRADO, a empresa portuguesa que logrou ser referencia na Península Ibérica na produción de sementes para pradarías.

Fertiprado cumpre neste 2020 o seu 30 aniversario. Que supón para a empresa lograr alcanzar 30 anos nun mercado tan competitivo?
Debémolo á confianza que nos dan os gandeiros e demais clientes. Con eles aprendemos, con eles evolucionamos e é para eles que traballamos con dedicación.

Temos unha misión que é engadir valor ás ganderías a través de pratenses e forraxes de calidade, baseadas na biodiversidade e uso de leguminosas. Non cremos na competitividade baseada exclusivamente en prezo, senón que no que cremos é na innovación constante, na obtención da mellor xenética vexetal, no crecemento con desenvolvemento e con evolución. Esta é a única forma de engadir competitividade ao sector. Nun mercado aberto, a competitividade ten que vir do coñecemento e da innovación.

Como e porqué se creou FERTIPRADO?
David Crespo, agrónomo investigador, a partir da súa experiencia ao servizo do Ministerio de Agricultura de Portugal, do Banco Mundial e da FAO, desenvolveu o concepto de mesturas biodiversas ricas en leguminosas para prados e forraxes. As vantaxes deste sistema eran tan obvias e grandes que as puxo en practica na leira da súa familia. Os seus fillos comprobaron que canto máis se aproveitaban os prados e as forraxes, máis a leira producía e por tanto máis carga animal sostiña. En conxunto, decidiron compartir co mercado estas vantaxes fundando FERTIPRADO no ano 1990.

“Con pradarías e forraxes biodiversas gañan os animais, gaña o gandeiro, gaña o medioambiente e gaña a sociedade”

Transcorridos estes 30 anos, concluímos que as vantaxes das nosas mesturas son cada vez máis e teñen outras repercusións. Con pradarías e forraxes biodiversas gañan os animais, gaña o gandeiro, gaña o medioambiente e gaña a sociedade dunha forma xeral.

Por que decidiron centrarse na produción de sementes de pratenses?
Por dous motivos principais. Primeiro pola necesidade de materiais para facer mellores produtos forraxeiros e pratenses. E en segundo lugar porque a península ibérica é moi diversa, ten un patrimonio de xenética vexetal incalculable, e usalo en proveito da gandaría é a forma máis intelixente de engadir valor dunha forma sustentable.

Que fitos máis relevantes destacarías destes 30 anos de actividade?
Conseguimos medrar e desenvolver en novos mercados; temos un rango de produtos capaces de satisfacer a maioría das necesidades do mercado; desenvolvemos conceptos e produtos novos; xenética propia…..

Pero o feito máis relevante, é conseguir manter a confianza dos nosos gandeiros e clientes; é manter relacións de longo prazo baseadas nesta confianza, é aprender todos os días e seguir mellorando paso a paso.

Cales son as principais cifras de FERTIPRADO como empresa a día de hoxe?
Fertiprado segue sendo unha empresa familiar. Ten un equipo novo e dinámico que desenvolve a súa actividade con moita ilusión, desde o sector técnico-comercial ao sector de Investigación e desenvolvemento.

Co concepto de mesturas biodiversas ricas en leguminosas, estamos presentes un pouco en toda a Europa Mediterránea, en Francia e en Uruguai; exportamos sementes de leguminosas anuais para o centro-norte de Europa, América e Oceanía.

Crecemos sempre apoiados en colaboracións con aqueles que teñen valores similares e que se identifican coa nosa filosofía.

Cales foron os principais avances que achegou FERTIPRADO ao sector agrogandero?
Achegamos sustentabilidade, a verdadeira sustentabilidade: agronómica, económica e ambiental. O nitróxeno gratuíto achegado polas leguminosas; o maior contido de proteína das forraxes; a súa maior dixestibilidade; a maior produción, a protección dos solos, dos acuíferos, da biodiversidade, o secuestro de CO2…, son algunhas das consecuencias beneficiosas do uso de mesturas biodiversas ricas en leguminosas.

Seguimos buscando máis innovación, como novas variedades (inscribimos 2 ou 3 ao ano), novos microrganismos para inocular as nosas sementes, e outras tecnoloxías que permitan cumprir o noso reto: engadir valor á agroganaderia.

 “No norte da Península a nosa mestura pratense máis vendida é o speedmix”

Que mesturas pratenses lograron maior éxito comercial?
En cada zona unha distinta. Nos mercados do norte da península, o Speedmix é unha mestura forraxeira moi popular, como o Avex ou o Fertifeno.

No sur, as mesturas para prados permanentes da gama Extensivo representan unha superficie moi importante. Por exemplo en Francia, os produtos máis vendidos son as cubertas de solo para os viñedos da gama Revin, onde vendemos máis de 5 000 ha ao ano.

A intensificación da gandaría de vacún de leite levou a un abandono e empobrecemento das pradarías?
As pradarías non existen sen gando. O gando é a mellor ferramenta para manexar ben unha pradaría. Pero nalgunhas zonas xa estamos a asistir ao regreso progresivo do pastoreo. O mercado esíxeo de dúas maneiras: por esixencia de calidade dos produtos, máis baseados no pastoreo e na ecoloxía; e en segundo lugar, pola economía das propias granxas, pois non interesa producir moitos litros, senón o que importa é producir litros con máis marxe para o gandeiro.

Existen alternativas rendibles para o gandeiro ao monocultivo de raigrás italiano para pradarías temporais en rotación con millo?
Claro, cada vez máis. As mesturas biodiversas teñen todas as vantaxes xa referidas antes. O segredo é saber en cada situación cal é a mellor composición desa mestura. Hai climas distintos, chans distintos, manexos distintos; en fin, cada leira é diferente. Hai que sacar o máximo potencial da conxugación de todos estes factores.

Cal sería para FERTIPRADO unha pradaría rendible economicamente para o gandeiro e medioambientalmente sustentable?
Para cada situación unha solución. Podo garantir que se mantemos os alicerces de biodiversidade e de leguminosas gañaremos máis pronto que tarde unha solución máis rendible e ambientalmente sustentable.

O consello que podo dar é que contacten cos técnicos de Fertiprado de cada zona e así recibir un asesoramento que levará a unha boa solución.

E para unha gandaría de vacún que realice pastoreo en Galicia, Asturias ou Cantabria ¿que tipo de pradaría aconsellaría?
Temos un rango moi amplo de leguminosas permanentes e anuais de ciclo longo; de raygrases italianos, híbridos e ingleses, de festucas, dáctilos, festulollium e outras que nos permiten facer pradarías de excelencia para as condicións desa conca leiteira. Insisto, para cada situación unha solución.

“Debido ao cambio climático en zonas máis ao norte, como en Francia e Alemaña, estamos xa con niveis de venda de leguminosas mediterráneas”

Como está a afectar o cambio climático ás pradarías Península Ibérica e que solucións pode achegar FERTIPRADO?
Afecta ao traballo de Fertiprado de dúas maneiras distintas: por unha banda é cada vez máis difícil obter solucións para as rexións de menor pluviometría da península ibérica. O noso departamento de I&D esta xa neste momento traballando en especies e variedades máis capaces de resistir a períodos de seca e a eventos de pluviometría excesiva.

Doutra banda, en zonas máis ao norte, como en Francia e Alemaña, estamos xa con niveis de venda de leguminosas mediterráneas moi interesantes. Isto tamén é debido ás temperaturas máis suaves dos últimos anos.

Que destacarías dos novos proxectos de I+D nos que está a traballar FERTIPRADO?
Como somos unha empresa de xenética vexetal, sempre temos que destacar este traballo. Estamos cun ritmo de inscrición de novas variedades moi interesante: de 2 a 4 novas ao ano. Isto é moi traballoso pois cada variedade tarda entre 6 a 10 anos en chegar á súa inscrición.

Ademais, temos outros proxectos moi interesantes. Así, estamos a desenvolver novas combinacións de microorganismos para inocular as nosas sementes. Isto vai permitir aproveitar mellor os nutrientes dispoñibles no chan, posto que vai permitir un maior desenvolvemento das raíces, garantindo maior capacidade de resistencia á seca e ao encharcamento. Vai garantir un maior desenvolvemento das plantas, é dicir maiores producións con menores inputs.

“Estamos a desenvolver novas combinacións de microorganismos para inocular as nosas sementes”

Sempre facemos estes proxectos en colaboración con institucións de investigación oficiais en España, en Portugal, en Francia e en Uruguai, ás cales estamos moi agradecidos.

Algo máis que queirades engadir?
Queremos agradecer estes 30 anos a todos os agricultores, gandeiros, distribuidores, investigadores, técnicos e demais amigos que en Fertiprado teñen depositada a súa confianza. Sen eles a nosa actividade non ten sentido. É con todos eles que aprendemos e todos eles sen excepción fan parte desta familia. Grazas.

FERTIPRADO ANUNCIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *