Os obradoiros compartidos consolídanse como unha das principais ferramentas para impulsar o emprendemento agroalimentario de pequena escala e fortalecer a economía rural. Con este obxectivo, a Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego (SLG), vén de publicar unha guía práctica destinada a facilitar a creación e posta en marcha deste tipo de infraestruturas colectivas en todo o territorio.
A publicación está dirixida a administracións, entidades e colectivos interesados en promover espazos de transformación alimentaria compartidos, equipados e adaptados á normativa sanitaria. Estes obradoiros permiten que pequenas explotacións e pemes elaboren os seus produtos sen afrontar o elevado investimento que supón crear unha instalación propia, reducindo custos e facilitando o acceso ao mercado con produtos de maior valor engadido.
Segundo destaca a Rede RITA, este modelo resulta especialmente útil nun contexto marcado polo incremento dos custos de produción e polas dificultades que afrontan a agricultura familiar e os pequenos proxectos agroalimentarios para garantir a súa viabilidade e favorecer a remuda xeracional. Neste escenario, os obradoiros compartidos funcionan como auténticos viveiros de emprendemento, ofrecendo ás persoas produtoras a posibilidade de probar e consolidar a súa actividade antes de realizar grandes investimentos.
A guía recompila recomendacións prácticas sobre os aspectos que deben abordarse antes de impulsar un proxecto deste tipo, os diferentes modelos de gobernanza e xestión, as modalidades de rexistro sanitario existentes e unha selección de documentación de referencia. Ademais, incorpora exemplos de experiencias de éxito e un mapa actualizado cos 35 obradoiros compartidos que actualmente funcionan no Estado, aos que se sumarán outros seis que se atopan en fase de creación.
A Rede RITA subliña tamén que estes espazos favorecen a profesionalización de actividades que tradicionalmente se desenvolvían de forma artesanal ou doméstica, contribuíndo á creación de emprego, á cooperación entre produtores e á dinamización económica do medio rural. Ao mesmo tempo, permiten optimizar recursos, compartir coñecementos e fortalecer as cadeas alimentarias locais.
O proxecto RITA está integrado polo Sindicato Labrego Galego, ARCA, a Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica e Agroecoloxía (SEAE) e o Instituto de Estudos Campesiños da Universidade de Córdoba, contando co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso. Coa publicación desta guía, a rede pretende ofrecer unha ferramenta útil para que novos obradoiros compartidos poidan nacer con planificación, garantías e adaptados ás necesidades de cada territorio, contribuíndo así a un modelo agroalimentario máis sostible, cooperativo e resiliente.
Galego









Control OJD