Unha investigadora ourensá logra predicir a alternaria na pataca até con 30 días de antelación

A tese da investigadora Laura Meno Fariñas axusta os modelos de predición do risco de alternariose no cultivo da pataca na comarca da Limia para conseguir un uso máis sostible dos funxicidas

Publicidade
Unha investigadora ourensá logra predicir a alternaria na pataca até con 30 días de antelación

A investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, Laura Meno Fariñas.

A enxeñeira agrónoma ourensana Laura Meno Fariñas acaba de presentar a súa tese de doutoramento sobre a alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das maiores preocupacións para os produtores de pataca galegos. No seu estudo axustou os modelos de predición desta enfermidade ás condicións climáticas e agrícolas da comarca da Limia, principal zona de produción de pataca en Galicia. O estudo busca unha redución do uso dos funxicidas, que non só contribúe a mellorar a saúde do medio ambiente senón que supón un importante aforro económico para o sector.

Os modelos de prognóstico testados foron de tres tipos: modelos baseados no desenvolvemento fenolóxico da planta de pataca (P-Days, GDD e WE), baseados nas condicións favorables para o desenvolvemento do patóxeno alternaria (IWP e TOMCAST) e un modelo que combina tanto as condicións favorables para o desenvolvemento fenolóxico da planta como as do patóxeno (TOMCAST+P-Days).

Cos modelos testados no estudo recóllese que os baseados no desenvolvemento da planta amosaron unha predición máis acertada dos primeiros síntomas, excepto o GDD. Con estes modelos conseguiron diagnosticar os primeiros síntomas ata 30 días antes da aparicións das primeiras infeccións. Mentres, os modelos baseados no patóxeno foron “os máis conservadores”. Ademais, na tese inclúese un axuste para a comarca da Limia dos modelos de predición abordados segundo as observacións da enfermidade nesta comarca realizadas por Laura Meno Fariñas.

A temperatura, un factor determinante

Outra das conclusións extraídas pola investigadora é que a temperatura é un dos factores decisivos no ciclo de infección de alternaria. “A temperatura inflúe tanto na liberación de conidios como no desenvolvemento da enfermidade”, apunta Meno Fariñas. Ademais, os altos valores de humidade relativa tamén son necesarios para a presenza de conidios no ambiente. “Cando se combinou a temperatura e a humidade foliar nunha mesma variable, o número de conidios no ambiente viuse incrementado polo aumento da temperatura durante as horas de humidade foliar, sobre todo nos dous días anteriores, así como os períodos de humidade interrompida”, recolle a tese.

O emprego de intelixencia artificial na investigación proporcionoulles unha ferramenta moi útil para a busca das variables máis determinantes na liberación de conidios. “Amosáronnos que a humidade relativa e a radiación son as variables horarias máis determinantes no comportamento desta enfermidade”, destaca.

A alternariose no almacenamento da pataca

Ademais de investigar a influencia das condicións meteorolóxicas no desenvolvemento da alternariose e axustar modelos de prognóstico á zona de produción, na súa tese, a investigadora tamén se centrou en ver a evolución da calidade da pataca e a presencia de patóxenos durante o almacenamento. Neste senso, Meno aplicou a tecnoloxía de infrarvermello cercano (NIR) para a rápida determinación dos principais parámetros fisicoquímicos indicadores de calidade.

Na investigación, Meno destaca que “a temperatura e a humidade tiveron unha relación positiva e significativa coa presenza de alternaria e doutras enfermidades que afectan á conservación dos tubérculos nos almacéns, como helminthosporium, sendo os coeficientes máis altos os de temperatura media e máxima”, detalla. Así, o emprego de condicións controladas durante o período de conservación pode axudar a prolongar a vida útil deste alimento en condicións óptimas de calidade.

Co obxectivo de estimar na pataca a concentración dos principais parámetros de calidade como é a materia seca e os azucres redutores a través dun método non destrutivo, na investigación aplicouse a tecnoloxía de NIR durante o período de almacenamento, acadando “resultados aceptables”. “Estes resultados poden ser interesantes á hora da súa incorporación nas liñas de envasado para unha selección automatizada e instantánea, que como novidade se faría sobre os tubérculos sen pelar”, afirma a investigadora do campus de Ourense.

A tese foi realizada no marco do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. O traballo de investigación estivo dirixido polas doutoras María Carmen Seijo e Olga Escuredo e foi realizado cun contrato FPU do Ministerio de Educación.

-Máis información da investigación sobre alternaria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información