Unha investigación estuda a resistencia á seca de piñeiros galegos

Técnicos dun instituto de investigación agroforestal de Francia e da Asociación Forestal de Galicia recolleron mostras de árbores de Rois (A Coruña), Arbo e O Grove (Pontevedra) nun proxecto europeo sobre a resistencia dos piñeiros ás secas

Unha investigación estuda a resistencia á seca de piñeiros galegos

Persoal especializado recolle mostras e realiza medicións dos piñeiros galegos. // Foto. Asociación Forestal de Galicia.

O cambio climático castigará previsiblemente os bosques con temibles secas estivais nun futuro, polo que seleccionar árbores que teñan maior resistencia a episodios de ausencia de precipitacións é un interese común dos propietarios forestais a escala europea. Con ese obxectivo, a Asociación Forestal de Galicia está colaborando nun estudo do proxecto europeo Formanrisk (Xestión forestal e riscos naturais) orientado a identificar as procedencias de piñeiro que mellor comportamento presentan ante as secas.

Durante este verán, tres investigadores do Instituto Nacional de Investigación para a Agricultura, a Alimentación e o Medio Ambiente de Francia (Inrae) desprazáronse a Galicia e a outros puntos do suroeste europeo para recoller mostras de piñeiros do país (Pinus pinaster) e medir a súa resistencia á seca.

Os técnicos galos, que estiveron acompañados por persoal da Asociación Forestal de Galicia durante a súa estancia na comunidade, recolleron mostras nos montes veciñais de Santa María de Oín (Rois), San Vicente do Mar (O Grove) e Cabeiras (Arbo) para medir a súa resistencia á seca. As medicións foron feitas ás 6 da mañá e ás 3 da tarde, no momento de máxima temperatura e da mínima.

laboratorio portatil pino Galicia

Os técnicos someteron as mostras a análises nun laboratorio portátil. // Foto. Asociación Forestal de Galicia.

As mostras procesáronse nun laboratorio portátil, no que as agullas ou acículas de cada piñeiro elixido se someteron a unha forte depresión, simulando o que sería unha seca moi intensa, ata que rompe a columna de auga que circula polos vasos do tecido vexetal, entrando en colapso o fluxo do zume. Cando pasa isto chega a morte á árbore, dado que as raíces xa non poden achegar máis auga ás follas cando estas a perden por evaporación. Con estas medicións rexístrase para cada árbore escollida a depresión máxima á que unha folla non pode aguantar.

Este estudo, que pretende identificar as procedencias de piñeiro con máis resistencias á seca, enmárcase dentro do proxecto Formanrisk (Xestión forestal e riscos naturais) dentro do programa Interreg Sudoe da Unión Europea no que participa a Asociación Forestal de Galicia xunto co Inrae, o Instituto Mediterráneo da Cortiza, a Sociedade Aragonesa de Xestión Agroambiental (Sarga), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (Ctfc), a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (Utad), a Deputación Provincial de Ávila e a empresa Gistree, liderados pola Office National des Forêts (ONF).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información