“Unha granxa pequena e que ten pouco sitio ten que apostar por vacas boas”

Casa Lebón é unha gandería de Sarria que leva varios anos traendo animais de raza fleckvieh de alto valor xenético de Austria. Ademais de pola súa produción e lonxevidade, o seu maior prezo no momento do descarte é unha vantaxe fronte ao gando frisón

Fulgencio Lebón, coas súas vacas en Fabián (Sarria)

Fulgencio Lebón, coas súas vacas en Fafián (Sarria)

“As granxas pequenas, que temos pouco sitio e pouco quen traballe, temos que ter no establo vacas boas”. É a conclusión de Fulgencio Lebón López, que está á fronte de Casa Lebón, unha gandería de Fafián (Sarria) que moxe unhas 50 vacas e que está a apostar pola raza fleckvieh.

Fulgencio atende el só neste momento a granxa familiar, que iniciaran aos seus avós con vacas de carne e que os seus pais pasaron despois ao leite. Hai xa 24 anos que tomou el o relevo, pero foi fai 3 cando transformou unha nave que usaba como almacén no novo establo do gando, incrementando a capacidade da granxa.

Á hora de recriar non é o mesmo facelo dunha vaca boa que dunha normaliña. A carta xenealóxica é unha garantía do que metes no establo

Foi entón cando decidiu traer as primeiras vacas de raza fleckvieh de Austria, da man de Ganados Barreira. Son animais de alto valor xenético, con carta xenealóxica, dos que agora está a recriar. “Non todas as vacas son iguais e eu prefiro ter unha vaca boa antes ca dúas medianas, porque ocupan unha praza igual, comen o mesmo e o traballo tamén é o mesmo. Ademáis, á hora de criar delas, partir dunha boa base é fundamental”, razoa.

Suba de prezo das xovencas de importación

Unha das vacas fleckvieh que Casa Lebón mercou en Austria a través de Ganados Barreira

Unha das vacas fleckvieh que Casa Lebón mercou en Austria a través de Ganados Barreira

No último ano as xovencas procedentes de Europa dispararon o seu prezo, debido á demanda de países de Oriente Medio e o norte de África, o que está a tensionar o mercado. “Un animal parido de primeiro parto que antes podía valer 3.000 ou 3.500 euros agora custa entre 4.000 e 5.000 euros”, explica.

O prezo disparouse pola demanda dos países árabes e unha primeiriza parida como as que trouxemos nós custa agora entre 4.000 e 5.000 euros

Por iso decidiu deixar de seguir mercando animais de importación e apostar por recriar el na casa a partir deses primeiros exemplares que trouxo coa garantía de pedigree que aporta Genetic Austria. Dos 94 animais totais cos que conta Casa Lebón, máis de 20 xa son neste momento fleckvieh.

Dobre propósito

No establo vello ten as vacas secas e a recría

No establo vello ten as vacas secas e a recría

Fulgencio ten claro unha cousa: “os que nos dedicamos ao leite temos que ter vacas que dean leite, senón non son rendibles na casa”. Así pois, a súa primeira prioridade é a produción, pero valora tamén outras cualidades no gando, como a dureza de patas, a conformación do ubre ou a constitución cárnica.

Os que nos dedicamos ao leite temos que ter vacas que dean leite, pero o valor da vaca ao desvelle tamén é importante

“Non é o mesmo que unha vaca che dure tres partos ca catro ou cinco, porque aínda que che custe un pouco máis nese parto ou dous xa desqueitache a diferenza de prezo. Tampouco é o mesmo que á hora de vendela che deixe 1.500 euros ca que che deixe 3.000. Que unha vaca sexa máis ou menos rendible tamén está niso”, destaca.  

Considera que as fleckvieh “son vacas que aguantan moito mellor a condición corporal despois de parir e que deixan cartos cando as mandas ao matadoiro”. “O ano pasado vendín unha fleckvieh que abortou ao pouco de poñerlle a vacina da lingua azul e qie xa non volveu quedar preñada. Deixoume 3.700 euros e iso que non ía ben rematada porque me metía no verán e tiña medo que recaera co tema da EHE”, conta.

Lonxevidade

As camas son de colchoneta con carbonato como secante

As camas son de colchoneta con carbonato como secante

Das vacas fleckvieh, en comparación coas frisonas que tina na casa, Fulgencio salienta tamén a facilidade de parto e os menores problemas metabólicos ou de saúde de patas. “Que paran ben soas é importante, para non ter que estar pendente delas; é moi raro que nunha fleckvieh teñas que tirar do xato e, despois de parir, non teñen problemas de cuajar, mentres que nas frisonas sempre hai algún caso”, recoñece.

As vacas de Casa Lebón duran unha media de catro partos

A menor incidencia de coxeiras e problemas veterinarios acaba facendo ás vacas fleckvieh máis rendibles, di. “Se reduces as visitas do veterinario á explotación estás gañando cartos”, afirma. “Hai xente que non quere estas vacas, pero para falar delas hai que telas na casa”, asevera.

En Casa Lebón os animais duran unha media de catro partos. No establo conta cunha zona de cubículos, con 45 prazas, e unha área en cama quente para 5 ou 6 animais onde ten ás vacas de máis idade ou que teñen algún problema de patas. “Os cubículos son de colchoneta e son cómodos, pero o cemento sempre acaba máis as vacas, pero as fleckvieh son máis robustas”, asegura Fulgencio.

Produción de leite e sólidos

A ración está composta por 20 kg de silo de millo, 10 de silo de herba e 12 de penso

A ración está composta por 20 kg de silo de millo, 10 de silo de herba e 12 de penso

A produción de leite das vacas fleckvieh que Fulgencio ten no seu establo é semellante á das frisonas, con medias de 48 litros neste momento nunha vaca parida de terceiro parto ou de 33 nunha xovenca primeiriza, a primeira que lle pariu xa das que recriou el (ten outra para parir o mes que vén).

Teño neste momento unha primeiriza dando 33 litros e unha de terceiro parto en 48

En canto aos sólidos, asegura que non notou incremento de graxa e proteína no leite porque xa tiña moi boas calidades antes. “Sempre tiven 4,20-4,30% de graxa e 3,30-3,40% de proteína; se arrincas de 3,90% de graxa e 3,10% de proteína supoño que si que se notará”, argumenta.

No tocante á calidade hixiénico-sanitaria, móvense neste momento en 10 de bacterioloxía e 220.000 células somáticas. Tíñanas máis altas, pero lograron estabilizalas tras recurrir á axuda de Ramón Pérez Carballo, un veterinario especializado en calidade de leite. “Cambiamos os protocolos de secado e empezamos a usar un produto a base de carbonato como secante e desinfectante nas camas”, detalla Fulgencio.

Móvense en niveis de 4,20-4,30% de graxa e 3,30-3,40% de proteína, con 10.000 UFC/ml e 220.000 células/ml de calidade hixiénica

Casa Lebón entrega o leite ao Grupo Lence. “Levabamos toda a vida en Leite Río, pero cando veu Inleit pasámonos para eles e despois estivemos un tempo en Queserías Sarrianas, pero volvimos a Leite Río”, conta.

Sen facer cruzamentos

No establo vello ten as vacas secas e a recría

Fulgencio, cunha das xovencas próximas ao parto. Das 94 cabezas totais, está a muxir na actualidade 50 vacas

Ademais de vacas frisonas e fleckvieh, Fulgencio ten tamén outras razas no seu establo. “Teño catro montbeliarde, unha parda e unha roja danesa. Son todas razas que tamén me gustan. A miña idea non é meter todo fleckvieh tampouco de momento”, explica.

Ás vacas frisonas póñolles frisón, ás fleckvieh fleckvieh e ás montbeliarde montbeliarde

Malia ter diferentes razas, non fai cruzamentos, senón que prefire inseminar a cara unha con touros da súa mesma raza. “Ás vacas frisonas póñolles frisón, ás fleckvieh fleckvieh e ás montbeliarde montbeliarde. Eu prefiro manter as razas en pureza á hora de recriar”, di.

As 4 vacas montbeliarde que ten foron todas de inseminación. “Fai anos merquei unha vaca frisona que viña inseminada de montbeliarde e trouxo unha xata montbeliarde e fun recriando dela”, lembra. “A montbeliarde paréceme tamén unha moi boa vaca, pero as fleckvieh son un pouco máis anchas atrás”, compara.

A xenética vale moito, pero para dar leite as vacas teñen que comer; con pasto e herba seca non dan leite

Casa Lebón non usaba até agora seme sexado, pero está a comezar a poñelo para asegurarse o nacemento de femias naqueles animais que máis lle interesen. “Co seme convencional ás veces gastas nunha dose cara dun bo touro e despois sáeche un xato, co sexado vas máis sobre seguro”, razoa.

Os xatos fleckvieh ou montbeliarde teñen un maior valor que os frisóns pero semellante aos azul belga. “Eu poño moito azul belga, porque despois de dous intentos xa empezo a poñer seme de carne”, detalla Fulgencio.

Pero sexa cal sexa a raza das vacas, ten claro tamén que “para que produzan leite teñen que estar ben alimentadas”. A xenética vale moito, pero as vacas teñen que comer; con pasto e herba seca non dan leiteDispón de carro mesturador propio e failles unha ración que leva 20 kg de silo de millo, 10 de silo de herba e 12 de penso. “A maiores, pola noite déixolles tamén herba seca a granel no pesebre e pola mañá non teñen nada”, explica.

Á espera de ver como queda a normativa de aplicación de xurros para renovar a cisterna do purín

CASA LEBON (Sarria) cisterna purin prato invertido

A cisterna actual ten 22 anos e utiliza o sistema de prato invertido

Casa Lebón é practicamente a única gandería de leite que queda en Fafián. Hai outra granxa pequena, cunha ducia de vacas, e unha explotación de carne. “Se non fora por nós estaría todo o pobo abandonado”, asegura Fulgencio.

Traballa unhas 40 hectáreas e nos últimos anos foi incrementando a superficie propia, que hoxe é xa máis da metade, a base de mercar fincas aos veciños. Labra 12 hectáreas a millo e o resto tenas a pradeira permanente de herba.

“O millo bótoo só nas terras boas, en fincas próximas ao río onde se sacan bos rendementos, porque labrar millo sae caro e esta é unha zona na que os anos que hai seca baixa bastante a produción”, recoñece.

O millo bótoo só nas fincas boas porque sae caro labralo

Na última colleita o aire deitoulle 2 hectáreas que non puido aproveitar. “Non se deron sacado e houbo que trituralas na terra”, lamenta. Foi unha perda grande, porque non tiña seguro contratado que lle cubrira os danos.

Incertidume coa normativa de xurros

Dispoñen de carro mesturador propio para facer a ración e de maquinaria para os traballos agrarios

Dispoñen de carro mesturador propio para facer a ración e de maquinaria para os traballos agrarios

Casa Lebón realiza a maior parte do traballo agrario con maquinaria propia, agás o ensilado da herba e do millo, pero o que é labrar e abonar faino todo Fulgencio, que este ano mercou un tractor novo (un John Deere, en substitución dun Massey Ferguson de máis de 20 anos e con 16.000 horas de traballo) e está á espera de ver como queda finalmente a normativa de aplicación de xurros para cambiar a cisterna.

“A que temos agora é de 7.000 litros. Ten 22 anos, mercarámola cando compraramos o outro tractor. Agora quería cambiala por unha un pouco máis grande, de 10.000 litros, de segunda man, pero coa incertidume que hai no tema do purín non sei que facer”, admite.

Sería inviable obrigar a unha explotación como a miña a mercar unha cisterna con inxectores

Fulgencio considera que non sería viable obrigar a unha explotación como a súa a ter que mercar unha cisterna con inxectores e que, doutro xeito, a maquinaria deste tipo dispoñible por parte das cooperativas e empresas de servizo non daría abasto para atender a demanda de todas as granxas durante as campañas de sementeira do millo e da herba, as principais épocas de sacar o purín en Galicia.

150.000 euros “tirados” en cota

Unha das fincas de 5 ha a carón da casa que mercou o ano pasado

Unha das fincas de 5 ha a carón da casa que mercou o ano pasado

Casa Lebón investiu nos últimos anos na compra de vacas e fincas, na renovación do seu parque de maquinaria e no acondicionamento da nova nave, con cubículos, cornadiza e unha sala de muxido de segunda man de 10 puntos.

Hai 3 anos mercou unha sala de muxido de segunda man e non descarta instalar un robot no futuro

Fulgencio non descarta montar un robot no futuro, sobre todo polas dificultades que teñen as granxas para atoparen man de obra. Até agora atendía el só a explotación pero ten previsto que empece a traballar un empregado a xornada completa. “Xurdiu esa oportunidade e quero meter un rapaz colombiano 8 horas ao día para que me axude”, conta.

Considera que os investimentos no gando, nas terras, no establo ou na maquinaria “vense e repercuten na mellora da explotación” pero quéixase do gasto que granxas como a súa tiveron que facer para poderen producir leite antes do ano 2015. “Nós destinamos 150.000 euros a mercar cota; foron cartos tirados, nun simple papel que de repente desapareceu e perdeu todo o seu valor”, denuncia.    

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información