“Unha gandería é sustentable se produce leite a baixo custo”

Entrevista a Alan Agnew, axente de extensión agraria especializado en vacún de leite do DAERA, o Departamento de Agricultura de Irlanda do Norte

“Unha gandería é sustentable se produce leite a baixo custo”

Alan Agnew asesorando a un gandeiro de Irlanda do Norte

A rexión autónoma de Irlanda do Norte é un referente do que é un sector lácteo sustentable e rendible: nos seus apenas 14.000 kilómetros cadrados, as 3.500 granxas de vacún de leite coas que contan producen algo máis de 2,3 millóns de toneladas, algo menos que Galicia pero coa metade do territorio e de explotacións.

Neste sentido, o pasado mes de setembro un grupo de gandeiros deste territorio do Reino Unido visitou Galicia para coñecer o seu sector lácteo. A visita foi organizada e guiada por Alan Agnew, axente de extensión agraria especializado en vacún de leite do DAERA, o Departamento de Agricultura de Irlanda do Norte. Falamos con el sobre a situación do sector gandeiro no Ulster e cales foron as súas impresións da visita ás granxas galegas.

En que consiste o teu traballo no Department of Agriculture, Environment and Rural Affairs (DAERA) ?
Son traballador do servizo de extensión agraria para gandería de vacún de leite. O DAERA un centro público, dependente do goberno autónomo de Irlanda do Norte, en concreto do Departamento de Agricultura.

O departamento de Agricultura conta con 3.000 empregados e o servizo de extensión agraria e gandeira está formado por unhas 200 persoas, fundamentalmente técnicos que asesoramos de forma gratuíta e independente aos gandeiros e agricultorres. Contamos cun orzamento público duns 20 millóns de euros.

Que importancia ten a gandería de vacún de leite en Irlanda do Norte?
Temos arredor de 22.000 propietarios de terras agrícolas e 15.000 gandeiros e agricultores activos, que tamén alugan terreo aos propietarios. No sector lácteo hai unas 3.500 ganderías de vacún de leite activas, e unhas 350.000 vacas que producen 2,3 millóns de toneladas, cunha media de 7.000 litros por vaca e ano.

Como é a granxa media de vacún de leite?
O sistema de manexo tradicional é de pastoreo pero nos últimos anos foi cambiando cara máis vacas estabuladas e alimentadas con ración unifeed que chegan aos 11.000 litros, aínda que a maior parte dos gandeiros seguen facendo pastoreo. Temos unha estación de verán moi curta pero un clima que favorece o crecemento do pasto, polo que dende comezos de maio ata o fin de setembro están no prado. A base da alimentación do gando é o pastoreo e o silo de herba.

Cultivar millo para forraxe é moi caro, pois hai que facelo baixo plástico e os rendementos das colleitas son bastante irregulares.

Na República de Irlanda un dos factores que limitan o crecemento da gandería é o exceso de nitratos no solo. Tedes este mesmo problema en Irlanda do Norte?
Temos un problema de exceso de nitratos de orixe gandeira, ao igual que na República de Irlanda, polo que Irlanda do Norte está declarada Zona Vulnerable por contaminación por nitratos. Por tanto, temos unha regulamentación moi estricta sobre aplicación de xurros. Así, as fosas de xurro deben ter capacidade de almacenamento para un mínimo de 22 semanas e non se poden aplicar xurro nos campos a partir do 15 de outubro e ata comezos de febreiro. Hai limitacións tamén no tipo de fosas de purín para evitar fugas, tamén está moi regulado o tipo de fertilización química que se pode aplicar.

Que tipo de abono químico se sole empregar para fertilizar as pradeiras?
Principalmente emprégase urea e nitrato amónico cálcico, pois non podemos empregar nitrato amónico. Tamén se empezan a empregar fertilizantes enriquecidos con micronutrientes, como o selenio, aínda que o máis común é compensar estas deficiencias administrándoo directamente ao gando selenio ou iodo.

Sen embargo, temos problemas coas emisións de amoníaco á atmósfera, polo que probablemente para este ano tamén haberá novas limitacións neste sentido en canto ao tipo de fertilizantes de síntese e a súa aplicación.

Cales son as principais industrias lácteas que operan en Irlanda do Norte?
A principal e unha cooperativa, DEAL Farm, procesa case o 50% do leite de Irlanda do Norte. Logo hai tamén outras cooperativas e empresas da República de Irlanda, como Lakeland Dairies, que mercan leite aquí e neste sentido o Brexit será un problema.

En canto aos prezos, a carne dos becerros está neste momento nunha media de 3,3 euros o kilo e o prezo base do leite é duns 0,28 euros o litro, máis calidades e primas. En canto aos sólidos a media é de 3,9% de graxa e de 3,2% de proteína.

A que se destina o leite que se produce no Ulster ou Irlanda do Norte?
En Inglaterra e Gales o 50% do leite destínase a ser envasado como leite líquido, a maior parte leite fresco pasteurizado, pero en Irlanda do Norte esa porcentaxe é de só o 15%, e todo o resto vai para a elaboración de queixo, manteiga, leite en pó…etc.

Que opinións percibes entre os gandeiros sobre como lles afectará o Brexit?
Non está nada claro aínda como vai ser o futuro para os gandeiros de Irlanda do Norte, onde o gran problema que teñen é que algo máis de 800.000 toneladas de leite que se producen envíanse a transformar en industrias lácteas da República de Irlanda, e se se restrinxe o libre comercio e volve haber fronteiras e aranceis sería moi negativo.

En canto á carne non habería tanto problema, pois a maior parte da carne de vacún destínase ao mercado de Inglaterra. E ao contrario, se hai barreiras á entrada de carne da República de Irlanda, incluso podería ser positivo para os nosos gandeiros.

Onde hai tamén unha situación problemática é na gandería de ovino, pois ata o 50% dos cordeiros de Irlanda do Norte son enviados a sacrificar e son comprados na República de Irlanda.

Durante a campaña do Brexit moitos gandeiros votaron a favor co argumento de que deste xeito, poderían producir eles todo o leite e o resto de alimentos que se importan do resto da Unión Europea e ser autosuficientes. Como valoras este argumento?
En teoría sería positivo, pois o Reino Unido é un importador neto de alimentos da Unión Europea, polo que os nosos agricultores e gandeiros poderían incrementar notablemente a produción para satisfacer esa demanda interna.

Sen embargo, xa se empezan a asinar acordos comerciais con Estados Unidos e con outros países, que acabarán enviando os seus produtos agrícolas e gandeiros a menor prezo, e sen que os nosos produtores conten coas axudas da PAC. É un momento de moita incerteza sobre que vai pasar e se vai ser positivo ou non para os nosos agricultores e gandeiros.

Que opinión levas do sector lácteo galego tras a túa visita?
Sorprendeume o intensiva que é a produción de leite en Galicia, cun sistema de produción con vacas estabuladas e alimentadas con carro unifeed moi produtivista. É un sistema moi similar ao das granxas intensivas de Irlanda do Norte ou do resto de Europa.

Neste sentido, cales serían para ti as claves para que unha granxa sexa competitiva?
Controlar os costes de produción e reducilos o máximo posible e mercar tecnoloxía e maquinaria soamente se reduce os costes de produción.
En xeral o sistema de pastoreo, se as condicións climáticas son boas, é máis competitivo que o sistema de produción estabulada.

Como conclusión, diría que a clave é que a granxa sexa sustentable e que, ademáis de gañar diñeiro en momentos de bos prezos do leite, sexa capaz de seguir sendo rendible cando baixan. E para iso hai que ir a sistemas de produción de baixo coste a alto marxen por litro de leite.
DAERA ALAN 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información