Unha gandaría centrada en lograr animais campións, recoñecidos pola súa xenética

Na granxa Schweighofer, na rexión austríaca de Estiria, levan máis de 10 anos conseguindo animais destacados pola súa xenética e producións. Cun rabaño de pouco máis de 100 animais, as súas vacas son habituais nos podios dos certames e os seus touros atópanse entre os mellores sementais do país

Unha gandaría centrada en lograr animais campións, recoñecidos pola súa xenética

Johann e Hannes, están considerados como uns dos mellores criadores da raza Fleckvieh no país.

A gandaría Schweighofer, situada na localidade de Pöllau, na rexión austríaca de Estiria, é un referente na xenética da raza Fleckvieh. Cunha granxa en intensivo de pouco máis de 100 animais, criaron algunhas das vacas máis destacadas nos certames, tanto nacionais como internacionais, ademais de importantes sementais, que se utilizan nas gandarías de todo o país.

A finais do pasado ano, un grupo de gandeiros galegos, participantes no Agrotour organizado por Genetic Austria GmbH, coñeceron de primeira man algúns dos exemplares destacados da gandaría, así como o manexo que tanto os mozos Corina e Hannes, como os seus pais, Johann e Elisabeth, realizan. Hannes é a terceira xeración á fronte da gandaría e continua a aposta pola boa xenética dos animais, iniciada polo seu pai na súa mocidade.

“Somos uns apaixonados da xenética e dos certames”

O entusiasmo pola xenética queda patente desde o primeiro momento que se chega á granxa, así como os seus bos resultados. Como é habitual nas gandarías austríacas, boa parte das mencións dos seus éxitos figuran nunha zona principal e visible da gandaría, como a porta de acceso ao tanque do leite, e neste caso ocupan boa parte da parede deste espazo. “Somos uns apaixonados da xenética e dos certames de gando”, recoñece Hannes ante o resto de gandeiros.

Premios-Ganderia-Schweighofer-Fleckvieh-

Algúns dos premios que os animais da gandería colleitaron nestes anos.

Á marxe do seu afán por conseguir animais xeneticamente interesantes e rendibles, esta familia gandeira reivindica tanto a súa profesión como a implicación co seu rabaño. “Se queres vivir das vacas, debes convivir con elas”, apunta Hannes. A mellora xenética dos seus animais abriulle as portas cara á comercialización a distintas partes do mundo, tanto de embrións como de recría e sementais.

A liña Z

Os primeiros resultados que evidencian o traballo de anos de mellora xenética e selección de animais chegaron en 2008, que marcou o inicio dunha crianza de animais campións. A vaca Zita, destacada ese ano como Campioa Nai de touro na Exhibición Nacional, iniciou o camiño da que hoxe se coñece como a liña Z.

A vaca Zita foi a primeira dun ronsel de animais campións que os sitúan na elite dos criadores da raza Fleckvieh desde 2008

Baixo esta distinción inclúense todas as súas fillas, con nomes que comezan tamén por esa letra e que seguen obtendo importantes resultados, tanto pola súa produción como pola súa condición corporal, dous dos alicerces fundamentais desta raza.

Vacas-campeonas-Fleckvieh-Schweighofer-

Algúns destes exemplares foron premiados no certame nacional, e sitúan á gandería entre os mellores criadores.

Ao longo dos últimos anos, ademais das descendentes de Zita, como Zierde ou Zeta, outras cinco vacas da granxa colocáronse entre os postos destacados dos campionatos e exhibicións da rexión, así como a nivel estatal.

En Austria, os gandeiros reciben asesoramento en materia de mellora xenética a través da Asociación Gandeira de cada rexión. Neste caso, a gandería pertence a asociación Rinderzucht Steiermark, que xunto coa Noe Genetik da Baixa Austria, son propietarios do centro de inseminación Genostar Rinderbesamung. Este centro de inseminación é tamén un dos principais propietarios de Genetic Austria, encargada da exportación da raza. Precisamente, tal e como o recoñecía o gandeiro esta ponte internacional e a súa fama como criador permitíulles exportar moitos dos seus embrións por todo o planeta.

Altas producións sen perder a condición corporal

Algúns dos animais máis destacados da gandaría dan boa conta das calidades e o potencial da raza tamén para a produción de leite. As Fleckvieh son coñecidas por ser vacas de dobre propósito, cunhas cifras de produción de leite competitivas con outras razas leiteiras, pero que permiten un aproveitamento tamén cárnico, pola súa boa condición corporal. Entre as producións que se manexan na granxa atópase por exemplo a vaca Zierde, que encara a súa sexta lactación cunha media de 12.000 litros a 305 días.

Vacas-campeonas--Fleckvieh-Austria-Ganderia-Schweighofer-

A raza Fleckvieh é de dobre propósito, pensada para a produción láctea e o aproveitamento cárnico.

Hai tamén outros exemplares que lograron xa primeiras lactaciones de 13.000 litros para logo subir aos 14.000 litros na segunda. Hai que ter en conta que a raza Fleckvieh caracterízase por expresar o seu verdadeiro potencial produtivo a partir da terceira ou cuarta lactación e chegan a superar as 10 lactaciones. Así, a gandaría conta xa con 3 animais que superaron os 100.000 quilos de rendemento total.

“Estes animais mostran o potencial da raza, pero non é o que se busca como obxectivo de cría”, explica Alexander Manrique, de Genetic Austria

“Estes animais mostran o potencial da raza pero non é o que se está buscando como obxectivo de cría. Non queremos que nos ocorra como con outras razas especializadas nun solo produto, por exemplo as Holstein, que se centraron en incrementar a produción de leite e descoidaron a condición corporal do animal. Nós somos moi conscientes de que se non hai unha boa condición corporal non se logra incrementar a produción”, apunta Alexander Manrique Gómez, responsable de vendas de Genetic Austria GmbH, que tamén participou na visita.

A gandaría conta con 55 vacas en muxido, dos 135 animais que contabiliza. A produción media en 2018 pechouse con 10.659 litros en 305 días en produción, cun reconto somático de 68.000 células e unhas calidades de 3,89 en graxa e 3,45 en proteína.

Semental-Fleckvie-Austria-Estiria-Ganderia-Schweighofer-

Na gandería teñen un semental para a monta do rebaño.

Cría de sementais

Á marxe da produción de leite, un dos alicerces fundamentais da gandaría é a venda de animais reprodutores, tanto xovencas en poxa, como a cría de sementais cun alto valor xenético e xenómico. “Ata agora estivemos a facer extraccións de embrións en vacas campioas pero comezamos tamén a facelas naquelas que teñen un alto valor xenómico”, concreta Hannes.

A gandaría busca conseguir entre 3 e 5 touros anualmente para o centro de inseminación, cun valor de entre 30.000 e 100.000 euros

De feito, un dos obxectivos que se marcan na gandaría con estas extraccións é conseguir de 3 a 5 touros ao ano que se destinen ao centro de inseminación. Os prezos destes sementais poden situarse entre os 30.000 e os 100.000 euros por animal dependendo das súas características. Precisamente, procedente da chamada Liña Z xa conseguiron 4 touros para o centro de inseminación Genostar.

Aumentar a granxa pola recría

Xunto ás vacas en produción, na granxa contan cun semental para a monta natural, ademais de 50 xovencas e ao redor de 30 tenreiros de engorde. A aposta pola transferencia de embrións obrigoulles tamén a incrementar o número de femias e aumentar o cortello para a recría, de maneira que unha parte do rabaño permanece nunha nave contigua que serve tamén para almacenaxe das forraxes. Así, boa parte da recría atópase en camas de palla ou ben en pequenos grupos ou en cubículos individuais.

Nova-nave-recria-Ganderia-Schweighofer-Fleckvieh-

As novas instalacións son para a recría e a almacenaxe de forraxes.

O resto do rabaño comparte o nave principal, que remodelaron entre 2002 e 2003, onde permanecen en estabulación libre. A gandaría manexa unhas 71 hectáreas de terreo, 39 en propiedade e o resto alugada. A maior parte destas terras son pasteiros permanentes, mentres 6 hectáreas son para cultivos forraxeiros e outras 12 para cultivo de millo. A ración está baseada en silo de herba e millo, bagazo de cervexa, herba seca e penso. As 21 hectáreas restantes son bosques.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información