Unha empresa lucense crea Tractus, unha aplicación informática para a xestión de adegas

Unha empresa lucense crea Tractus, unha aplicación informática para a xestión de adegas

Pódese traballar con Tractus dende unha tablet ou un smartphone

Cumprir coa normativa vixente en materia de xestión alimentaria adoita ser un proceso complexo, monótono e ata confuso para as empresas do sector agroalimentario. O equipo da empresa lucense Agronovo Ecoloxía, consultora especializada no ámbito agroalimentario desde 2003, consciente desta realidade, decidiu desenvolver unha aplicación fácil de usar, moi práctica e a un prezo alcanzable.

Así naceu Tractus, wwww.tractus.es, un software de xestión de adegas que permite non só levar a trazabilidade vitivinícola, senón que inclúe tamén control de produción e control de insumos. “Con ela o adegueiro, o enólogo e o viticultor controlan desde as parcelas ata o embotellado e a venda”, explica Rafael Rivadulla, Director Técnico de Agronovo Ecoloxía, quen este venres presentou as posibilidades de Tractus a un grupo de adegueiros da D.O Ribeira Sacra no Centro do Viño de Monforte de Lemos.

Traballando con Tractus non só se segue o proceso do viño desde o viñedo ata a venda final ao cliente, senón que tamén é moi útil para o control de etiquetaxe, unha actividade requirida por todos os organismos certificadores.

De fácil uso para tod@s

Para utilizar este programa, baseado en sistema web, só é necesario ter conexión a Internet, un computador, unha tablet e/ou un smartphone, sen importar o sistema operativo.

O adegueiro, o enólogo ou o capataz de campo dá de alta datos como número de parcelas, depósitos, maquinaria, consumibles…. Hai despregables coa variedade de uva permitida por cada Consello Regulador, o número de cepas, ano de plantación, numeración das barricas…. Por exemplo, na sección de Parcelas anótase o traballo feito, como clarear acios ou o estado fenolóxico; na Sección de Recepción de Uva selecciónase a sub-zona de procedencia, cor de uva e variedade. Deste xeito vanse enchendo os paneis de información para que o seguimento de cada botella quede perfectamente controlado, ademais de axudar a manter o inventario.

Tamén se lanzarán versións de Tractus para o sector lácteo ou o apícola!

Agronovo Ecoloxía ofrece tamén servizos de asistencia técnica por se á adega lle xorde calquera dúbida e realiza os pertinentes procesos de adaptación no caso de que os Consellos Reguladores cambien algunha das súas esixencias. Tractus tamén permite a personalización.

O seguinte paso para esta empresa lucense é lanzar comercialmente a versión de Tractus para sectores como o da apicultura e o lácteo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información