Unha empresa exporta a xenética das mellores vacas galegas

Embriomarket, unha empresa de Bergondo está a exportar embrións das mellores vacas galegas ao resto da Península, constituíndo unha interesante fonte de financiamento para as explotacións galegas. Os responsables de Embriomarket salientan a importancia da mellora xenética das vacas para mellorar a competitividade da explotación.

Unha empresa exporta a xenética das mellores vacas galegas

Daniel no laboratorio móvil de Embriovet-Embriomarket.

A xenética das mellores vacas de leite de Galicia comeza a exportarse ao resto de España e Portugal e mesmo suscita demanda noutros países de Europa e América. Embriovet&Embriomarket, empresa radicada en Bergondo (A Coruña), é pioneira nesta liña de negocio que tamén pode supor unha interesante fonte de ingresos para as explotacións lácteas galegas.

A orixe desta empresa cumpre o lema de facer da crise unha oportunidade. Nace no ano 2012, tralo peche da Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, centro dependente da Xunta de Galicia e que era unha referencia a nivel estatal. O seu director técnico, Daniel Martínez Bello, xunto con Javier Álvarez, tamén ex-traballador da UTE de Bos, e Puri López, deciden entón crear Embriovet, unha empresa de servizos veterinarios e transferencia embrionaria para as explotacións gandeiras. Paralelamente crearon Embriomarket, unha empresa dedicada a comercializar o material xenético.

O resultado tres anos despois é unha empresa de 4 traballadores que está vendendo e implantando en toda España e Portugal os embrións das mellores vacas leiteiras de Galicia.

Así, segundo explica Daniel Martínez Bello, a principal razón de ser de Embriomarket “é que en Galicia os gandeiros levan moitos anos investindo moito diñeiro, sobre todo por parte das explotacións gandeiras máis punteiras, en mellora xenética que se importaba, e agora nós apoiamos a eses gandeiros para darlle saída ao seu material xenético ao resto do mercado e mesmo exportalo fóra”.

A mellora xenética, unha factor de competitividade nun escenario incerto

É precisamente nun escenario de remate das cotas e de volatilidade dos prezos do leite onde factores competitivos como a xenética das vacas poden mellorar a conta de resultados das explotacións gandeiras.

Así o subliña Daniel Martínez: “a mellora xenética é responsable de aproximadamente un 30% do potencial de mellora da eficiencia dunha explotación, e polo tanto é un campo no que está xustificado o investimento, que ademais vai quedar na explotación”.

A venda de embrións, unha fonte de ingresos para os gandeiros

Neste sentido, o traballo de Embriovet&Embriomarket céntrase na selección das mellores femias da cabana gandeira galega e na súa multiplicación inseminándoas coa oferta de seme de touros existente a nivel mundial. A tecnoloxía que utilizan é o transplante de embrións, que permite mellorar a cabana en menos tempo e con máis fiabilidade que coa inseminación convencional.

“Se a vaca non queda preñada o gandeiro non paga o embrión e se sae macho, cobramos só a metade”

“Unha vez extraídos das vacas con mellor xenética, os embrións son aplicados en diferentes vacas, que son ventres de aluguer, e os que non se aplican son conxelados para aplicalos máis tarde ou para comercializar a través de Embriomarket”, explica Daniel Martínez.

Precisamente, é este un dos aspectos innovadores de Embriovet&Embriomarket xa que “o gandeiro propietario da vaca doante ten aí un retorno económico inmediato co que pode financiar parte do programa de mellora xenética da explotación”.

Garantía de preñez e de femia na fecundación in vitro

A outra liña innovadora de Embriovet&Embriomarket é a fecundación in vitro, unha técnica que ofrecen ás explotacións galegas en colaboración con Xenética Fontao. Daniel Martínez salienta que “as principais vantaxes son a posibilidade de traballar con seme sexado con máis garantías, co cal aumentamos o número de femias, e tamén que podemos extraer óvulos de vacas ou de xovencas preñadas, co cal non se interrompe o seu ciclo produtivo”.

Estes embrións produto da fecundación in vitro son comercializados tamén por EMBRIOMARKET, que lle garante ao gandeiro tanto a preñez como a femia.

“É un cambio importante. O tradicional é que se compran os embrións pero non sabes cal vai ser o resultado. Se a vaca non queda preñada o gandeiro non paga o embrión e se sae macho, cobramos só a metade e o macho queda na explotación”, explica Puri López Ramil, administradora de Embriovet&Embriomarket.

E é que na tecnoloxía in vitro o rango de preñez para embrións en fresco é entre o 45 e o 50% e en conxelado o resultado é menor, entre o 30 e o 40%.

Solucións para vacas con problemas de preñez

Outra liña de traballo na que esta empresa está tendo cada vez máis demanda é a transferencia embrionaria en reprodución convencional. “É dicir, utilizan cada vez máis os nosos servizos de transferencia embrionaria ganderías con vacas repetidoras, que levan tres ou máis inseminacións, que son animais novos que aínda están sen amortizar e que coa transferencia embrionaria conseguimos recuperar en moitos casos”, destaca Daniel Martínez.

Un servizo que ofrecen tanto a gandeiros como a equipos veterinarios tanto de Galicia como de fóra da comunidade.

EMBRIOMARKET_06_standar

O equipo de Embriomarket-Embriovet.

Novas liñas de negocio ao servizo do gandeiro

Por último, Embriovet&Embriomarket foi ofrecendo outros servizos en resposta ás demandas dos clientes, como asesoramento en seguros agrarios ou asesoramento na compra de animais de diferentes razas (Holstein, Fleckvieh, Pardo-Alpina, Angus, Wagyu).

A última novidade é un servizo gratuíto para buscar financiamento para proxectos de mellora xenética. Puri López, administradora de Embriovet&Embriomarket explica que “empezamos a atoparnos con clientes que tiñan dificultades para financiar os seus proxectos, non porque fosen un grupo de risco, senón porque ás veces desde as oficinas bancarias, sobre todo se son urbanas, non saben onde incluír o apartado de comprar vacas ou a mellora xenética”.

Despois dun proceso de busca e selección, a empresa chegou a un acordo co Banco Pastor-Grupo Banco Popular que, segundo Puri López, “está permitindo financiar bastantes proxectos dos gandeiros, sobre todo de compra de animais e compra de embrións”.

En resumo, un servizo integral de mellora xenética para as ganderías galegas do século XXI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información