“Unha denominación de orixe para o leite galego sería unha axuda para o sector”

Entrevista a José Mouriño Cuba, impulsor de boa parte das Denominacións de Orixe de Galicia. Destaca o importante papel destes distintivos para promover a calidade dos produtos alimentarios galegos e actuar como barreira comercial. Lamenta que non se tivese logrado en Galicia un pacto político polo territorio.

“Unha denominación de orixe para o leite galego sería unha axuda para o sector”

José Mouriño Cuba

José Mouriño Cuba (Xermade-Lugo, 1948) é un rostro ben coñecido para moitos agricultores e gandeiros galegos, tanto como membro do Corpo Especial de Enxeñeiros Agrícolas do Estado como despois dende a Consellería do Medio Rural. Dende o ano 1975 foi impulsor de boa parte das Denominacións de Orixe de Galicia, implicándose especialmente nas DO Ribeira Sacra, San Simón da Costa e Queixo do Cebreiro. “Tiña claro que os produtos galegos non poden competir por cantidade, pero si por calidade, polo que había que apostar polas denominacións de orixe”, asegura.

Lamenta non ter logrado este distintivo de calidade para os elaborados cárnicos do porco e, sobre todo, para o leite galego, “pois nun momento de alza de prezos, o sector produtor non o viu necesario e non apostou por el”. Xubilado dende hai dous anos, agora prepara un libro sobre a recuperación do viñedo da Ribeira Sacra a través da Denominación de Orixe. Este pasado venres interveu na Semana Verde na xornada Enxeñaría Técnica Agrícola e viticultura moderna en Galicia,, organizada polos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas.

¿Como empezou a impulsar a creación de Denominacións de Orixe en Galicia?
A lei 25/1970 de Estatuto de la Viña, del Vino y de los Alcoholes foi clave para a creación das Denominacións de Orixe, aínda que xa había denominacións que viñan de atrás, como O Ribeiro ou Valdeorras. Para as novas denominacións, naquelas zonas nas que había máis pulo económico e de poboación rural, como Rías Baixas, axiña comezou a súa andaina, pero naquelas zonas con máis despoboamento e con menos riqueza económica, tivo que ser a Administración a impulsora das Denominacións durante os primeiros anos, ata que o sector privado e as empresas viron unha oportunidade de negocio e comezaron a investir e a tomar o relevo da Administración. Este foi o caso, por exemplo, das denominacións de orixe Ribeira Sacra, San Simón da Costa ou O Cebreiro.

Por iso digo que as denominacións en Galicia teñen unha connotación diferente ao resto de España: ademais da promoción da materia prima, tipificación….etc, na nosa terra son un reclamo para recuperar produtos en vías de desaparición e para evitar que se perdan.

Para iso foron de gran axuda dous decretos da Xunta de Galicia, dos anos 1983 e 1987 que, a parte de promover os produtos alimentarios galegos de calidade, axudaron a crear un ambiente e unha percepción social positiva para recuperar estes produtos. Os produtores sós non se animarían a recuperar e apostar por estes produtos, polo que foi esencial que a Administración estivera ao seu carón.

¿Agora non é tan fácil lograr unha Denominación de Orixe?
Agora xa é máis difícil porque os nosos competidores do Norte de Europa son plenamente conscientes de que as Denominacións de Orixe, estendidas sobre todo no sur da Unión Europea, son barreiras comerciais para protexer os nosos produtos, polo que intentan poñer todos os obstáculos posibles a conceder novas denominacións de orixe.

 “As Denominacións de Orixe son unha barreira comercial, por iso queren acabar con elas os nosos competidores”

Non é casual que, polo tanto, que nas negociacións do Tratado Transatlántico de Libre Comercio e de Investimentos (TTIP) entre Estados Unidos e a Unión Europea, un dos obstáculos que os estadounidenses queren suprimir son as Denominacións de Orixe. Aínda que ao saír á luz as negociacións secretas penso que non vai ir adiante este acordo.

¿En que denominacións te implicaches máis na súa posta en marcha?
Ata que me xubilei, hai dous anos, impliqueime na creación de todas. Unha das que máis participei foi na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que daquela, cara finais dos 70, só se coñecía como Ribeira do Sil e Ribeira do Miño. A comarca sufría un tremendo proceso de despoboamento e de abandono dos viñedos. Dende o principio vin claro que tiña moita potencialidade xa que reunía todos os requisitos: arte, paisaxe, unha tradición histórica de cultivo da viña…etc. Tivemos que facer moita labor de convencemento no proxecto que tiñamos, de moitas charlas para que en cada concello polo menos uns cantos viticultores apostasen pola Denominación de Orixe. Foi unha labor ardua porque a xente estaba moi desanimada. Os obxectivos que nos marcábamos eran recuperar a variedade Mencía, garantir uns prezos dignos para os viticultores e desprazar ao Rioja. No ano 1996 logramos a Denominación de Orixe e hoxe a Ribeira Sacra é un referente de viños de calidade e un destino turístico.

Pero considero que aínda quedan sectores por desenvolver e explotar na Ribeira Sacra, como son a fruticultura, especialmente a cereixa, na zona intermedia, e a castaña e os cogomelos nas partes máis altas. E isto, combinalo co desenvolvemento dunha oferta gastronómica que aposte polos produtos da zona.

¿Que Denominacións quedaron pendentes, perdendo unha oportunidade de crear esa protección comercial para os nosos produtos?
Penso que perdemos unha oportunidade de crear denominacións de orixe para a horta, xamón, butelo, androlla e chourizo. Penso que os debéramos ter impulsado e aprobado no seu momento.

Eu era partidario de lograr denominacións de orixe para todos os produtos tradicionais galegos porque desde un principio fun consciente de que os produtos alimentarios galegos non poden competir por cantidade e prezo, porque estamos nun país de minifundio, pero si que podíamos competir por calidade.

Pero había medos por parte dos produtores e cuestións políticas que nunca entendín, xa que as Denominacións de Orixe sempre foron positivas e acabaron mellorando a estrutura produtiva.

¿Por que non se impulsou unha denominación de orixe para o leite galego?
Sempre estiven a favor de crear unha Denominación de Orixe para o leite galego. Pero daquela, nos anos 80 e 90, era un momento de prezos do leite á alza e as cooperativas non o viron necesario. Evidentemente que unha DO para o leite galego non ía resolver todos os problemas, pero si que sería unha axuda e posiblemente con este distintivo de calidade ganderías de leite de zonas de montaña non tiveran desaparecido.

 “Unha denominación de orixe para o leite galego tería sido unha axuda para o sector”

Non é que as industrias estiveran en contra desta DO para o leite galego, a elas dáballes igual ter produtos diferenciados con tal de vender, senón que o sector produtor, empezando polas cooperativas, non a apoiaron.

A veces as adegas e as queixerías queren ir máis alá na innovación dos produtos e critican as limitacións que impoñen as Denominacións de Orixe. ¿Comparte esta crítica?
As denominacións están vivas e van avanzando e adaptándose aos cambios do mercado e do consumidor. Non poden pecharse, teñen que adaptarse, pero sempre respectando a calidade. Hai que adaptarse ao mercado e apostar polas plataformas de exportación. Os produtores e as industrias non poden acomodarse.

¿Como ves o futuro da agricultura e da gandería en Galicia?
Se queremos ser competitivos e ter futuro en Galicia temos que cambiar a estrutura das explotacións agrarias e gandeiras. É preciso apostar pola calidade que aportan as denominacións de orixe e IXP pero tamén ir ao problema da base territorial.

“En Galicia tiña que haber un pacto político polo territorio”

Neste sentido, dende o meu punto de vista, cando se iniciou a autonomía en Galicia tiña que haber un pacto polo territorio e non se fixo por falta de valentía política. Ese pacto debería permitir evitar o abandono, aumentar o tamaño medio das parcelas e a base territorial das explotacións. Debemos lembrar que en Galicia os nosos recursos naturais principais para xerar riqueza son a terra e a pesca.

Xubilácheste hai dous anos como funcionario da Consellería do Medio Rural. ¿Cal é o mellor recordo que te levas da túa vida profesional?
O de recuperar produtos autóctonos galegos e evitar que se perderan. E o de darlle o enfoque a este proceso de buscar a complicidade da industria para ese proceso de recuperación, xa que permitiu gañar tempo. O que buscaba primeiro é unha industria que se implicase no proxecto da Denominación de Orixe pois ela ía ser a que tirase do sector produtor para mellorar a calidade e aumentar a produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información