Unha catedrática galega participa no informe internacional máis completo sobre a saúde do solo

Unha catedrática galega participa no informe internacional máis completo sobre a saúde do solo

A catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, María Jesús Iglesias Briones,

A catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, María Jesús Iglesias Briones, é a única representantes dunha institución académica e de investigación galega que participou na elaboración do informe da FAO “State of Knowledge of Soil Biodiversity”, que contou coa participación de máis de 300 científicos e científicas de todo o mundo.

O estudo da axencia especializada da ONU, que presenta de xeito conciso o estado actual do coñecemento sobre a biodiversidade do solo, as ameazas e solucións que esta biodiversidade pode achegar aos diferentes problemas ambientais, está dirixido a todo tipo de público, para o que, aínda que ten contidos específicos, estes non son demasiado complexos.

“De feito, desde a páxina da FAO pódese descargar o informe completo, pero tamén un resumo para os xestores políticos”, sinala Iglesias Briones, que coordinou a sección “Servizos sistémicos de regulación que proporciona a biodiversidade no solo para mitigar o cambio climático”, para o que empregou estudos que realizara previamente, aínda que tamén tivo que revisar información publicada ao respecto. “A este tipo de organizacións gústalles os datos cuantitativos”, explica a autora da sección, na que tamén participan dous investigadores estadounidenses e que se inclúe no capítulo 3 do informe, “Contributions of soil biodiversity to ecosystem functions and services”.

Un recoñecemento aos heroes silenciosos do solo

A participación de Iglesias Briones no informe ten a súa orixe no ano 2012 cando é invitada a formar parte do comité Global Soil Biodiversity Assessment (GSBA) cuxa primeira misión foi elaborar o “Atlas Global de Biodiversidade do Solo”. “Foi en xuño de 2019 canto soubemos que a FAO estaba a buscar expertos para elaborar este informe e acordamos que os compoñentes deste comité deberían formar parte”, detalla a catedrática da Uvigo.

A organización da ONU abriu entón unha petición pública á que concorreron centos de investigadoras e investigadores, dos que a FAO, a partir dos seus currículos, seleccionou aos algo máis de 300 que figuran en State of Knowledge of Soil Biodiversity.

“Como mencionou o director xeral da FAO, os organismos do solo son ‘heroes silenciosos’ que agora reciben recoñecemento a través do informe. Xa era hora de que organizacións internacionais como esta puxeran a biodiversidade edáfica na súa axenda e agora só falta que a UE implemente nas súas políticas o protexer tamén a biodiversidade do solo”, demanda Iglesias Briones, que destaca que o informe tamén pretende proporcionar unha guía útil para apoiar a implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información