A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Unha alianza de empresas e centros de investigación busca posicionar a resina galega como un produto de calidade, con valor diferencial

Arrinca o Grupo Operativo PICARE, que estará en activo ata finais de 2024 para ver de que maneira se lle pode dar maior valor aos piñeirais galegos a través da calidade da resina

Unha alianza de empresas e centros de investigación busca posicionar a resina galega como un produto de calidade, con valor diferencial

Ensaio de microrresinado dun piñeiro. / Arquivo, Foresín.

Na actualidade, a resina constitúe unha ‘commodity’, unha materia prima que cotiza no mercado estatal e internacional a prezos estándar de referencia, sen valor engadido. Co obxectivo de posicionar a resina galega como unha materia prima de calidade, cun valor diferencial no mercado, un conxunto de empresas e centros de investigación teceron unha alianza a través do grupo operativo PICARE (Piñeiros – Calidade – Resina).

O obxectivo de PICARE é identificar as propiedades da resina que demandan as principais industrias consumidoras e, a partir desa base, determinar os factores en monte que inflúen sobre esas propiedades. De forma simultánea, tamén se implementará unha tecnoloxía que permita analizar de forma áxil a calidade da resina.

A cuestión é que a calidade da resina presúmese como unha peza clave na competitividade e viabilidade do sector resineiro, pero ata a data hai unha carencia de coñecemento sobre a materia. O grupo operativo PICARE xurde para avanzar nese terreo. Primeiro, identificando as necesidades das distintas industrias consumidoras de resina (cosméticas, farmacéuticas, agroquímicas, etc.) e en segundo lugar, determinando factores en monte para optimizar a calidade da resina, en función das demandas do mercado.

PICARE está impulsado por Foresin, unha consultora ambiental especializada en proxectos de I+D+i, que teceu unha alianza con centros de investigación e empresas especializadas neste sector.

Desde este punto de vista, o equipo de traballo PICARE queda conformado pola Misión Biolóxica de Galicia, entidade pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC), o Centro de Investigación Forestal de LOURIZÁN, pertencente á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (CIF LOURIZÁN-AGACAL), a Fundación Centro Tecnológico y de la Madera (CETEMAS), así como polas empresas Xagoaza Pinaster SL, Sinergias Sostenibles Resiforest SL (FORESIN) e Transformación Agraria (TRAGSA). Tamén forma parte do grupo un profesional independente, Roberto Alfonso Touza.

Medición de calidades da resina

Desde un punto de vista industrial, a determinación de parámetros de calidade de forma convencional implica técnicas de análises diversas, tediosas, con gran investimento de tempo, man de obra, consumo enerxético e xeración de residuos. Fronte a iso, con PICARE preténdese desenvolver un sistema automático e innovador de caracterización mediante técnicas de espectroscopía NIR, que permita clasificar a resina en función da súa calidade dunha forma rápida, limpa, non destrutiva e económica.

Cun maior coñecemento sobre a composición da resina do piñeiro de Galicia, PICARE busca presentar información crucial para desenvolver un modelo produtivo focalizado na optimización da calidade da materia prima. Esa mellora da calidade permitirá aumentar a rendibilidade do sector resineiro galego, logrando, ademais, un forte impacto científico, social e ambiental, segundo o proxecto do grupo operativo.


PICARE encádrase dentro das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O Grupo Operativo “Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina” está financiado nun 100 % e foi dotado dunha cantidade de 178.000 euros para executar durante as anualidades 2022, 2023 e 2024.

Financiado por:

Logos Go Picare

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *