A Consellaría de Medio Rural publicou, o pasado 9 de xaneiro, a listaxe de persoas e empresas beneficiarias das últimas audas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia.
Neste sentido, dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “dos 726.400 euros que se repartiron entre os 62 plans aprobados, unha adega da Rioxa, Ramón Bilbao, beneficiada con 156.706 euros, quedou co 21% do orzamento”.
Pero para a organización agraria este “acaparamento” de axudas non queda aí: “Se imos ampliando o podio, seguen aparecendo grandes adegas con grandes subvencións. Así, só as cinco primeiras coparon o 60% dos cartos. Ademais de Ramón Bilbao, e por orde: Agrícola Anmar (Martín Códax), con 94.941 €; Terras Gauda, con 61.907 €; Virxe de Galir, con 74.753 €; e González Byass, de Xerez (Cádiz), con 51.115 €”.
7 adegas levan case o 70% das axudas para a reestruturación do viñedo en Galicia
“Engadindo as dúas seguintes adegas (Pazo das Tapias, con 27.526 €; e Bodegas Campante, con 27.451), este selecto grupo levaría case o 70% das axudas”, engaden dende o Sindicato Labrego.
Neste sentido, Bernardo Estévez, responsábel do Viño no SLG e pequeno adegueiro no Ribeiro, explica que “as axudas á reestruturación están deseñadas para beneficiar grandes adegas e que, por motivo das esixencias, exclúen as pequenas explotacións vitivinícolas”.
Bernardo Estévez: “As axudas tal como están deseñadas exclúen aos pequenos viticultores”
“Moitos viticultores e viticultoras, entre quen me inclúo, que estamos a plantar todos os anos novas viñas de pouca superficie -1.000 metros no meu caso- non pedimos as axudas” explica Bernardo. O motivo é que “as condicións que che impoñen non son rendibles, xa que Medio Rural obrígache a encargar os traballos da nova plantación a unha empresa e non che deixa facelos a ti mesmo, co cal a subvención non dá nin para cubrir o primeiro dia. Ao final quen poden pedir estas axudas son as grandes adegas, que si lles compensa”.
Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego demandan que a Consellaría de Medio Rural “sente a dialogar co sector produtor outras normas do xogo para apoiar, estimular e potenciar a actividade das pequenas adegas familiares, que son as que realmente manteñen persoas vivindo no rural e do rural e as que conservan a esencia da nosa viticultura”.
“E iso pode facerse con cambios normativos que permitan un reparto máis xusto e equitativo dos cartos públicos de todos e todas á parte máis vulnerable e esquecida do sector produtor”, conclúe.