Un visor xeográfico recolle as zonas de actuación para recuperar terra agraria

Aldeas modelo, polígonos agroforestais, plan de pastos e zonas preferentes de acción, con áreas abandonadas de parcelarias, figuran na cartografía dixital implementada pola Xunta

Un visor xeográfico recolle as zonas de actuación para recuperar terra agraria

Aldea modelo. / Arquivo.

A Xunta acaba de habilitar un visor xeográfico con toda a información relativa aos instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Foi desenvolvido polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Consellería do Medio Rural.

Así, o visor proporciona información gráfica e alfanumérica mediante o emprego de cartografía dixital, que se irá incrementando segundo avance a implementación da norma. Primeiramente, hai datos dispoñibles das aldeas modelo, tanto das declaradas como das que se atopan en fase de recollida de sinaturas. Canto aos polígonos agroforestais, móstranse os datos básicos dos que contan con acordo de inicio e dos que se atopan con actuacións previas.

Respecto das zonas preferentes para implantar polígonos agroforestais de iniciativa pública, inclúense tanto as zonas de concentración parcelaria con abandono como as áreas sinaladas polas denominacións de orixe do viño galegas, permitindo descargar en cada unha delas unha ficha en formato PDF con información detallada sobre as súas características agronómicas e estado actual.

Cabe engadir que a web habilitada tamén proporciona referencias sobre o Plan de pastos, en concreto sobre os pasteiros promovidos pola Xunta para darlle un pulo á gandaría extensiva ao tempo que se crean áreas de prevención fronte aos incendios forestais.

Información complementaria
Ademais desta información propia dos instrumentos de recuperación de terras agrarias, o visor permite consultar -dentro dos ámbitos deses instrumentos- as parcelas e as súas referencias e fichas catastrais. Así mesmo, posibilita incorporar outra información dos propios usuarios ou servizos web doutras entidades para poder empregar eses datos xunto coas delimitacións das figuras de posta en valor.

Outra das utilidades da ferramenta é a posibilidade de facer medicións de distancias e áreas, así como compartir o que estamos a ver nun determinado momento con outra persoa.

Cómpre sinalar que proximamente, tanto o visor como as ferramentas de xestión do Banco de Terras de Galicia, atoparanse integradas no Sistema de Información de Terras de Galicia, que será o sistema de información xeográfica que dea acceso a todos os datos sobre os procedementos e instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Máis información
Acceso ó visor xeográfico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información