Un veterinario galego en Latinoamérica: percorrido pola produción de leite de México a Brasil

O veterinario galego Antonio Souto traballou como asesor en boa parte dos países de América central e do sur. Coñecemos as singularidades que se atopou nos distintos países

Un veterinario galego en Latinoamérica: percorrido pola produción de leite de México a Brasil

Vacas en pastoreo en una granja de la cooperativa Dos Pinos, en Costa Rica. / Imagen: Dos Pinos.

O veterinario galego Antonio Souto aterrou en México no 2015 coa multinacional Hipra, especializada na saúde animal e en atender as necesidades do gando vacún de leite. “Saín da miña vila de Zas (A Coruña) para Xalisco, o principal estado produtor de leite no país mexicano e o que durante algún tempo se incluía no coñecido como Reino de Nueva Galicia”, comenta o veterinario.

A experiencia en Latinoamérica, que compartiu recentemente cos asistentes ós Encontros Gandeiros da ADS Xundeva en Lalín, serviulle para coñecer os diferentes modelos e as particularidades da produción de leite en países como Brasil, Perú, Colombia ou Costa Rica, entre outros. O seu labor como asesor, co obxectivo de divulgar a importancia das vacinas e da prevención na produción de leite, achegoulle dun xeito directo ós produtores de leite latinoamericanos.
Latinoamérica, con Brasil e México á cabeza, é un dos principais produtores de leite a nivel mundial

Dos 1.400 millóns de vacas que hai no mundo, en Latinoamérica concéntrase o 28%, cuns 400 millóns de cabezas de gando vacún. Así é que Latinoamérica aporta máis do 25% da carne de vacún mundial e o 8,7% do leite. Con Brasil e México á cabeza, o continente sitúase entre os maiores produtores de leite a nivel mundial, pois prodúcense uns 71 millóns de toneladas de leite ó ano.

A diferenza de Europa

Ó comparar o sector de vacún de leite nestes países latinos coa produción europea, aprécianse tres grandes diferenzas determinantes. “En Latinoamérica é máis barato alimentar o gando, hai dispoñibilidade de man de obra e as limitacións ambientais e lexislativas aínda son bastante máis laxas, con respecto das esixencias en Europa”, apunta Souto.

“En Latinoamérica é máis barato alimentar o gando, hai dispoñibilidade de man de obra e as limitacións ambientais son bastante máis laxas”

A produción de leite en Latinoamérica vén marcada pola alta dispoñibilidade de materias primas para a alimentación do gando, grazas ás grandes terras de cultivo que manexan e a unhas condicións climáticas axeitadas. Mesmo en zonas con climas extremos están a lograr producións de forraxes para alimentación do gando dun xeito competitivo.

Unha das grandes diferencias con Europa é que aínda hai man de obra. “É doado atopar xente para traballar nas granxas, así a man de obra non é un condicionante que estea a limitar o crecemento do sector”, apunta Souto. Polo xeral, trátase dunha produción cun grao de tecnificación baixo ou medio, aínda que tamén hai exemplos de grandes granxas tecnificadas en países como México ou Brasil.

México

Souto iniciou o seu percorrido en Latinoamérica en México, que ocupa a decimocuarta posición na produción mundial de leite de bovino, cun 2% do total. A produción de leite no país concéntrase en rexións húmidas como Querétaro ou Xalisco. “Na rexión de Querétaro, cun clima semellante ó galego, hai granxas dende 100 vacas ata ganderías dunhas 4.000 vacas, sendo estas últimas as máis habituais”, explica o veterinario.

Vista Establo Chilchota_Mexico

Vistas por satélite da granxa Establo Chilchota, cunhas 20.000 vacas en produción.

Outra das rexións con granxas de leite no país mexicano é Torreón, unha zona case desértica onde predominan as macrogranxas con ata 20.000 vacas. Pese a ter un clima extremo de altas temperaturas e só contar con pozos subterráneos, nesta zona logran producir dúas colleitas anuais de millo e alfalfa e teñen materias primas procedentes de Estados Unidos para abastecer a súa demanda.

México, un dos principais produtores de leite do continente, conta con granxas de ata 20.000 vacas en muxido como Establo Chilchota

De feito, alí atópase a granxa máis grande de Latinoamérica, o Establo Chilchota, que conta con 20.000 vacas en muxido. “Esta granxa é xa unha factoría cunha facturación que ronda os 70 millóns de euros”, explica. Este tipo de macrogranxas resultan tamén obxectivo nun país aqueixado dende hai anos pola violencia extrema. Precisamente o propietario do Establo Chilchota sufriu un intento de asasinato nun tiroteo no seu vehículo cando viaxaba coa súa familia.

No país conviven tamén granxas ligadas a grupos relixiosos como os menonitas, cunha destacada produción de queixos.

No país conviven tamén granxas ligadas a grupos relixiosos como os menonitas, cunha destacada produción de queixos.

Brasil

Falar de gandería de vacún en Latinoamérica é falar de Brasil, xa que se sitúa como o principal país do continente en número de vacas, con 219 millóns, o que lle fai ter tamén a segunda posición a nivel mundial, só por detrás da India, onde se contabilizan 301 millóns de vacas.

Brasil conta cuns 219 millóns de vacas e ten unha produción de leite de 33,4 millóns de toneladas de leite ó ano

Brasil conta cunha produción de 33,4 millóns de toneladas de leite ó ano, que se concentra nos estados de Sao Paulo, Paraná, Santa Catalina e Río Grande do Sur, todos eles cun clima suave, onde as temperaturas máximas no verán se sitúan nos 20 graos e as mínimas no inverno non baixan dos 9 graos.

Coma no caso de México, nestes estados as granxas van dende as 150 vacas en produción ata casos como a Fazenda Colorado, situada en Sao Paulo, un exemplo de granxa tecnificada en Latinoamérica, con case 20.000 vacas en muxido e cunha sala rotativa de 90 puntos. As vacas están alí en camas de area e teñen unha alimentación en base a forraxes e millo. “Esta é unha granxa de grandes dimensións, pero cun manexo moi semellante ó que se pode facer nas granxas europeas”, comenta o veterinario.

Apostaron por introducir razas de vacas da India para conseguir vacas máis adaptadas. Son frecuentes os rabaños de vacas Girolando, un cruce de Holsteins e Gyr

Brasil é un dos países onde os produtores de leite procuraron razas de vacas adaptadas ás súas condicións climáticas, no canto de producir só con vacas Holstein, como viña sendo habitual. Importaron touros de raza Gyr, procedentes da India, para cruzalos con vacas Holstein, o que deu lugar ás coñecidas como vacas Girolando “Trátase dunha raza de vacas de pouco tamaño e cunha produción láctea que se sitúa nos 20 litros.

girolando_Brasil

Vaca da raza Girolando, habitual nos rabaños do Brasil.

Perú

A produción de leite en Perú concéntrase sobre todo na zona costeira e nas montañas, con moi poucas granxas nas rexións máis interiores e onde predomina a selva, xa que alí as condicións climáticas tropicais dificultan a actividade. “Algunhas das granxas de vacún están case literalmente encima da praia”, comenta o veterinario.

Unha granxa que moxe 1.000 vacas pode ingresar ó ano 250.000 euros vendendo o esterco para explotacións de horta

Cunha potente industria de horta, o esterco é a segunda fonte de ingresos das ganderías de vacún de leite peruanas. “Unha granxa que moxe 1.000 vacas pode ingresar ó ano 250.000 euros vendendo o esterco para a horta”, concreta Souto. De feito, moitas das explotacións hortícolas contan cunha granxa propia para poder dispoñer do esterco de xeito directo, xa que o país carece de industrias de fertilizantes o que fai incrementar os prezos e motiva que os produtores opten polas granxas como solución.

vacas Peru

O esterco é unha fonte de ingresos máis nas granxas no Perú, polo que a maior parte das ganderías teñen estas camas quentes.

A produción de leite neste país está suxeita á importación de materias primas para a alimentación do gando, xa que case non dispoñen de terra para o cultivo. As granxas contan con amplos espazos para o gando ó aire libre.

Colombia

Colombia produce uns 7 millóns de toneladas de leite ó ano, cifra moi semellante á de España. As catro rexións colombianas con produción de leite son Antioquía, Sabana de Bogotá, Eixe Cafetero e Nariño. “As granxas están situadas nestas rexións onde o clima lles permite producir leite”, comenta o veterinario.

O clima nestas zonas é suave e teñen moito pasto; así a produción de leite céntrase no pastoreo e case non existen ganderías estabuladas. É habitual que o muxido se faga no propio prado no que as vacas están pacendo, mediante sistemas de muxido móbiles, coñecidos no país como “ordeño en potrero”. O tanque lévase no remolque do tractor e contan cun motor de baterías ou gasóleo para poder realizar o muxido. “Este tipo de granxas son un exemplo de adaptación ó medio”, comenta o veterinario.

Vacas en Colombia

En Colombia a maior parte das ganderías moxen as vacas no prado, con salas de muxido móbiles.

Colombia é outro dos países onde se apostou polo cruzamento de razas para lograr animais mellor adaptados ó seu clima e condicionantes. Optaron por cruces de Jersey e Holstein, coñecidas como Jerhol. Resulta unha raza de vaca coa que optimizar o pastoreo. “As Jerhol permítenlle ter 3 animais por hectárea fronte a un animal por hectárea que terían con Holstein”, detalla Souto. Son vacas con producións máximas de 24 litros e cun 4% de graxa e que están moi adaptadas ó clima de Colombia.

Jerhol

Vaca de raza Jerhol, cruce de Jersey e Holstein, moi presente nas ganderías de Colombia.

Costa Rica

É outro dos países onde a produción de leite está moi condicionada polo clima. As granxas situadas nas zonas máis baixas, onde o clima é tropical, adoitan ter que facer fronte a retos como o estrés por calor. Mentres, nas zonas máis altas, o clima é máis suave e predominan as granxas de alto rendemento e produción. “A xeografía e o clima determina o tipo de granxas que hai no país”, comenta o veterinario.

Costa Rica _vacas

No país é moi habitual as granxas invernadoiro, xa que no canto de cuberta, as vacas atópanse en naves que empregan plástico.

Costa Rica conta cunhas 130.000 vacas en muxido e cunha soa cooperativa no país, Dos Pinos, que recolle practicamente o 90% do leite. “É unha cooperativa moi tecnificada e profesionalizada que ten servizos veterinarios de calidade do leite dende hai máis de 20 anos e que mima moito ó produtor e a imaxe dos seus produtores”, explica Souto.

Dende a cooperativa levan moito tempo mimando a produción de leite e involucrando tamén á sociedade e ás novas xeracións, con iniciativas como visitas educativas ás granxas. “Producir leite en Costa Rica é moi prestixioso socialmente e está moi ben pagado”, apunta o veterinario.

“Producir leite en Costa Rica é moi prestixioso socialmente e está moi ben pagado”

O prezo medio do litro do leite en Costa Rica sitúase nos 0,5 euros para o produtor, mentres que o consumidor adoita pagar por el en torno a 1,10 euros.

Consumo e prezo do leite

Latinoamérica conta cunha gran poboación, duns 626 millóns de habitantes, cun crecemento en auxe que fai prever que en 50 anos chegarán ós 800 millóns. Este crecemento da poboación ten consecuencias directas no sector, xa que inflúe directamente nas necesidades internas do mercado e segue a permitir unha dispoñibilidade de man de obra para o sector.

“Hai un gran número de países latinos ós que lle queda o reto de incrementar o consumo de leite e isto vai ser determinante para a evolución do sector”

En boa parte dos mercados latinos aínda se consome unha baixa cantidade de leite e derivados, en moitos deles ese consumo sitúase lonxe dos 150 litros de leite por persoa ó ano que recomenda a Organización Mundial da Saúde. Só en Uruguay, Arxentina e Costa Rica se acada esa cifra. Hai casos como o do Brasil, onde se acada ese consumo recomendado, máis a gran dualidade do país apunta que nas clases acomodadas se supera ampliamente ese consumo, mentres que a poboación de menos recursos está lonxe dese consumo mínimo. “Hai un gran número de países latinos ós que lle queda o reto de incrementar o consumo de leite e isto vai ser determinante para a evolución do sector”, sinala Souto.

Hai un déficit de produción en todo o continente, o que provoca un gran mercado de exportacións e importacións entre os distintos países de Latinoamérica. “Expórtase leite de Arxentina, de Chile ou Uruguay a Brasil. A pesar de que a produción de leite se vai incrementando ano a ano é un mercado que vai a permanecer con estas dinámicas, posto que a súa produción non consegue abastecer a súa demanda”. Así, prevese que nos próximos anos a produción de leite dos países latinos non compita con Europa, xa que o propio consumo interno absorberá esta produción sen ter que buscar sitio no mercado internacional.

O prezo medio que se paga ó produtor oscila entre os 0,30 euros por litro en Arxentina e os 0,50 de Costa Rica

En canto ó prezo medio que o produtor recibe polo leite en Lationamérica, varía dos 0,30 euros por litro que se manexan en Arxentina, os 0,31 de Colombia e Uruguay ou os 0,35 euros de México e Brasil. Entre os mellor pagados atópanse Perú, que acada os 0,39 euros e destaca Costa Rica, onde é habitual que o litro de leite se sitúe nos 0,5 euros.

O consumidor paga de media 1,09 euros polo litro de leite en Costa Rica, uns 0,9 euros no Perú, uns 0,89 euros en México ou 0,79 euros no Uruguay, mentres que en Brasil, Colombia e na Arxentina o prezo nos mercados atópase arredor dos 60 céntimos por litro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información