Un total de 66 explotacións lácteas galegas terán que pagar 4.465.247 € de multa por superar a súa cota na campaña pasada, que finalizou o pasado 31 de marzo. A media por sanción en Galicia é de 66.520 euros.
No conxunto do Estado a supertaxa láctea da UE correspondente á última campaña con cotas afectou a 138 gandeiros que terán que pagar 10,44 millóns de euros de multa, cunha media por explotación de 75.660 €.
Así se desprende dos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, que acaba de facer públicos os datos finais do último período de taxa láctea, tras realizar as análises e depuracións das declaracións anuais de entregas e a xestión dos transvasamentos de cota.
Inicialmente, cos datos provisionais dos que dispoñía o FEGA, a supertaxa láctea ascendía afectaba a uns 150 gandeiros por un importe de 11 millóns de euros e estimábase que en Galicia afectaría a unhas 100 explotacións por un importe que roldaría os 6 millóns de euros.
Realizando unha análise dos datos obsérvase que o 47% dos gandeiros de España que terán que pagar supertaxa láctea son galegos, que pagarán á súa vez o 42% da multa do conxunto do Estado.
Dende o Ministerio destacan que só terán que pagar supertaxa o 0,78% do total dos gandeiros que teñen entregas declaradas. Polo tanto, só terán liquidación aqueles gandeiros que excederon considerablemente a súa cantidade de referencia individual.
En concreto, no período finalizado o pasado 31 de marzo, superouse a cantidade de referencia nacional de 37.500 toneladas, o que vai dar lugar a unha liquidación da taxa láctea por un importe inferior aos 10,5 millóns de euros.
Pagamento graduado da supertaxa
Por outra parte, o Ministerio destaca que o pagamento da supertaxa se poderá realizar de forma graduada en tres prazos sen intereses. O primeiro deles ata o 30 de setembro de 2015, co pagamento de polo menos un terzo do total. O segundo prazo ata o 30 de setembro de 2016, co pagamento tamén de polo menos un terzo do total e o terceiro prazo ata o 30 de setembro de 2017 co último terzo do total.
O pagamento da taxa efectuarase polos compradores e polos gandeiros de venda directa. No caso dos compradores, deberán repercutir aos produtores as cantidades nas mesmas porcentaxes nas que fixesen os pagamentos.
O pagamento graduado considérase como un dereito do gandeiro, non como unha obriga, polo que se non queren acollerse a esta posibilidade abonda con manifestar a súa vontade en contra, ou ben facer o pagamento da cantidade debida dunha soa vez antes do 30 de setembro de 2015.