O Diario Oficial de Galicia fixo pública a resolución pola que se destinan preto de 2,4 millóns de euros a 34 entidades para a compra de maquinaria agrícola e o pago dos honorarios dos técnicos encargados dos estudos de viabilidade.
O obxectivo destas axudas é fomentar o uso conxunto de maquinaria, introducir novas tecnoloxías e reducir custos, ademais de mellorar a seguridade no traballo, reducir emisións e promover o aforro enerxético.
Beneficiáronse dos apoios as cooperativas agrarias con servizo de maquinaria, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola en común (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria con menos de cinco anos e as sociedades agrarias de transformación froito de fusións recentes.
As achegas están financiadas na súa totalidade polo fondo europeo EURI, dentro do PDR Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural convoca estas axudas anualmente desde 2016, cun investimento total que supera os 34 millóns de euros.