Un total de 22 adegas participarán no Túnel do Viño da DO. Valdeorras

Publicidade
Un total de 22 adegas participarán no Túnel do Viño da DO. Valdeorras

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, presentou xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o programa de actos de promoción do sector vitivinícola comarcal que se celebrará en Valdeorras entre o 9 e o 11 de xullo e que inclúe un túnel do viño, varias catas comentadas e a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.

Na presentación tamén participou o concelleiro de Promoción Económica do Barco, Lalo Santos. “Como sabedes, porque xa o comunicamos ao termo do último Pleno no que se decidiu o asunto, este ano non haberá Feira do Viño propiamente dita. Consideramos que aínda non se dan os requisitos sanitarios suficientes para que ésta poida celebrarse con seguridade, malia o avanzado do ritmo de vacinación entre moitas franxas de idade”, destacou García Pando ao inicio da rolda de prensa.

Protocolo anti-Covid

Como alternativa, dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras concibiuse Túnel do Viño, no que haberá mostras de brancos e tintos de 22 adegas. En total, poderán degustarse ata 60 referencias. O Túnel do Viño desenvolverase baixo un protocolo anti-Covid que prevé entradas e saídas á carpa da jaima ben diferenciadas. O aforo será limitado a 150 persoas e en canto se cubra haberá que agadar para volver entrar. “Pediremos a xente que faga o percorrido completo do túnel en 45 minutos para que poida entrar a seguinte quenda de participantes”, sinalou García Pando.

A carpa, emprazada na Praza Ramón Otero Pedraio de Viloira, estará ventilada polos catro lados dende o metro e medio de altura e ata o teito. Todo o mundo deberá empregar máscara dentro da jaima, e só debe quitarse para consumir.

“Xunto a isto, dentro do protocolo anti-Covid, despregarase dispensación de xel hidroalcólico en varios puntos”, abondou o presidente do Consello Regulador.

Catro sesións diferentes

Este Túnel do Viño desenvolverase en catro sesións diferentes: na mañá e tarde do sábado 10, dunha banda, e na mañá e tarde do domingo 11, da outra. O prezo será de 7 euros por sesión e de 10 euros para dúas sesións. As entradas poderán adquirirse nunha jaima independente á do evento e coa entrada darase unha copa de cristal serigrafiada.

A quenda das sesións matutinas será de 12.00 a 14.00 horas os dous días. E a das vespertinas de 19.00 a 22.00 horas, tamén nambas as xornadas. Esa sería a hora límite para entrar. Os que estean dentro antes de esa hora poderán quedar ata as 14.45 horas ou 22.45 horas respectivamente.

Cada unha das sesións irá acompañada por unha cata específica. Así, o sábado e o domingo pola mañá, o director técnico da nosa D.O. impartirá unha cata comentada baixo o título “Aromas e Sabores. Froita e Viño, mundos paralelos”.

Polas tardes, nas dúas xornadas, Marisé Mosteiro, directora técnica da C.R.D.O. Queixo de Tetilla impartirá cadansúa cata centrada na capacidade de maridaxe dos queixos galegos cos viños da nosa D.O. O custo de cada unha destas catas será de 10 euros e cómpre inscrición previa. Asimesmo, o seu aforo limitase a 20 persoas e serán nos Xardíns da Casa Grande de Viloira baixo jaimas abertas.

Xunto a isto, haberá unha actuación musical patrocinada polo Concello do Barco de Valdeorras no marco dos actos de promoción vitivinícola, a cargo do grupo vigués Broken Peach.

XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras

Ademais, como é habitual cada ano, celebrararse unha nova edición da Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, unha cita que acada a súa edición número XXII. Ata o de agora hai 19 adegas inscritas e 50 referencias e esta semana procederese coas degustacións para logo, na xornada do venres 9 de xullo, entregar os premios aos gañadores nas diferentes categorías no marco dun acto que se celebrará no Hotel Pazo do Castro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información