O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martin Alemparte, asistiu a unha nova poxa pública de 58 animais vacúns de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). En total, 19 explotacións gandeiras galegas resultaron adxudicatarias da totalidade dos animais, entre os que se incluían 40 xovecas preñadas, 14 xovencas non xestantes e catro touros, cun prezo de case 140.000 euros.
Esta poxa é o resultado das actividades de investigación en materia de mellora xenética para a recuperación das aptitudes maternais da raza Rubia Galega que se están desenvolvendo no CIAM, no que se dispón dun dos rabaños máis importantes desta raza autóctona, os cales se queren poñer a disposición dos gandeiros interesados. Os preto de 140.000 euros que se pagaron polos lotes de animais empregaranse para seguir afondando na investigación e mellora desta raza autóctona.
Cabe sinalar que entre as explotacións que poxaron polos lotes dos animais, catro delas levaron o máximo permitido de cinco lotes e unha granxa realizou un investimento de 14.500 euros. De feito, nesta poxa acadouse un prezo de saída superior nun 30 % con respecto ao alleamento do pasado ano.
Por outra banda, cómpre salientar que en 2024 se celebrou unha primeira poxa de gando vacún de raza Rubia Galega criado no CIAM, na que se adxudicaron a 13 explotacións preto de medio cento de animais cun valor de algo máis de 94.000 euros. Ante o éxito acadado nesa iniciativa, a Consellería do Medio Rural decidiu volver a realizar unha segunda edición.
Potenciación desta raza autóctona
O CIAM desenvolve numerosas investigacións, entre as que se atopan aquelas relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega e a súa potenciación. Os traballos buscan mellorar a calidade deste gando e favorecer a rendibilidade das explotacións que manexan este tipo de animais.
Cómpre destacar que o centro conta cunha finca de máis de 300 hectáreas, das cales 65 se reservan para rabaños desta raza, que son dos máis importantes que se conservan ao preservar mellor a súa pureza, por non depender de intereses comerciais.
Galego









Control OJD