A feira Cimag – Gandagro, que se desenvolverá do 2 ó 4 de marzo oen Silleda, contará o día 4 cos certames morfolóxicos de gando, nos que participarán un total de 165 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de seis Comunidades.
O XXXI Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA´23, patrocinado por Xenética Fontao, contará cos exemplares máis destacados de Galicia. Competirán 109 reses, das cales 43 proceden da provincia de Lugo, 41 de A Coruña e 25 de Pontevedra.
Pola súa banda, o XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro´23 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 109 exemplares galegos do Concurso Autonómico, doutros 20 de Cantabria, 14 de Asturias, 8 do País Vasco,13 de Cataluña e 1 de Castela-León. Suman así 165 animais rexistrados.
Premios
Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional, tanto absoluto como de xovencas, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación.
En canto aos galardóns, os de xovenca e vaca Gran Campioa de Galicia, e tamén de Mellor Criador absoluto e de xovencas de Galicia, serán patrocinados por Xenética Fontao. Pola súa banda, o premio á vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por Abanca, mentres que o de xovenca Gran Campioa Internacional estarao por Ucoga. O de Mellor Criador Internacional contará co patrocinio de Ferplan.
Organizados pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, estes concursos celebraranse o día 4 de marzo.
Xóvenes manexadores e preparadores
Ademais destas prestixiosas competicións, en Abanca Cimag-GandAgro 2023 celebrarase, tamén centrado na raza frisoa e da man de FEFRIGA, o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal o día 3 de marzo os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Mapfre patrocinará esta competición.
Por outra banda, o mesmo día, engadirase o XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, patrocinado por Ferplan, no que os participantes medirán a súa destreza preparando aos animais para logo presentalos.