A chegada de grupos foráneos ás zonas vinícolas galegas, o crecemento dos proxectos cooperativos no mundo do viño e as posibilidades que ese modelo ofrece os viticultores… Son moitos os interrogantes e moitas as opcións que enfronta a viticultura galega. De todo esto falamos con Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) na súa sede compostelá.
O sector cooperativo galego ten hoxe moita forza no mundo do viño. Mesmo compite coa grande industria. Como é posible?
Ás veces semella que na sociedade hai a sensación de que as cooperativas son proxectos pequenos e locais case de subsistencia. Pero hai que velas como o que son: empresas. Empresas que xuntan o esforzo de moitos pequenos para competir en pé de igualdade coas grandes industrias. Temos cooperativas galegas liderando mercados no seu sector. Esa é a realidade cooperativa, que abrangue dende modelos moi cativos ata enormes volumes de negocio. No mundo do viño, a adega cooperativa é a continuidade do proxecto individual de cada viticultor, coas súas vantaxes, os seus dereitos e os seus deberes e obrigas.
As cooperativas hai que velas como o que son, empresas. Empresas que xuntan o esforzo de moitos pequenos para competir en pé de igualdade no mercado
Entre as vantaxes que ofrecen as cooperativas está a posibilidade que se da ós produtores de influír no prezo. Hoxe un viticultor por si só está a velas vir. Depende de que lle veñan mercar a uva e do que lle ofrezan por quilo. Eso pode ser bo en épocas de moita bonanza, pero cando a cousa non vai tan ben, é bo formar parte dun colectivo que faga forza. Esto lémbrame o concepto manchego de “cabida”, que se refire a que a cooperativa recolle toda a uva do produtor, que ten cabida.
A produción de viño en Galicia vencellada a sistemas cooperativos oscila entre o 30% e o 40% do total. É unha produción cooperativa moi diferente segundo as zonas. Nas Rías Baixas e no Ribeiro é moi potente, en Valdeorras está a medrar e na Ribeira Sacra e Monterrei é case inexistente.
Hai algunhas que xa levan máis de 60 anos funcionando porque naceron como recurso dos produtores para ter unha ferramenta coa que mellorar. E outras desapareceron por unha mala xestión e planificación. E tamén houbo casos en que houbo negociacións para erguelas, pero nunca se chegaron a crear. O que non se pode negar é que moitas delas constitúen un modelo de éxito comercial e social.
A adega cooperativa é a continuidade do proxecto individual de cada adegueiro e viticultor. Coas súas vantaxes, dereitos e obrigas.
Como ves as polémicas que houbo nos últimos anos pola implantación de grandes viñedos en comarcas como o Ulla?. Estás vendo competencia polo acceso ás terras agrarias?
Ultimamente falouse do proxecto de Martín Códax no Ulla. Non temos constancia de que esa iniciativa, de base esencialmente minifundista, entre en competencia pola terra dispoñible con outras cooperativas agrogandeiras que operan na zona. Pero hai que ser conscientes de que a competencia pola superficie agraria dispoñible dáse a todos os niveis. Entre produtores, entre estes e a industria, entre industria e cooperativas… é algo inherente ao sistema de produción. Incluso os Plans de Ordenación Municipal poden supoñer un elemento competitivo se limitan moito os usos agrarios.
Por certo, no momento actual hai máis competencia pola terra nas comarcas de produción de leite que nas vitivinícolas.
O problema non é esa competencia. O grave é a reducida dimensión da Superficie Agraria Útil (SAU) de Galicia, que é a máis baixa de España despois da de Canarias. Tan só o 25% do territorio galego é SAU, é dicir, unhas 725.000 hectáreas. En Cantabria, por exemplo, a SAU supón case o 58% do terreo.
A competencia pola terra non é agora o problema. O problema é o reducido tamaño da Superficie Agraria Útil galega.
Aparte de que nos últimos 30 anos a SAU galega se reduciu nun 10%. Por outro lado, hai estudos que apuntan a que hai arredor de 900.000 hectáreas galegas que están directamente a mato. Só producen toxos, xestas ou silvas. Nin sequera piñeiros ou eucaliptos. Un drama.
Por suposto que non todas as 900.000 has. van servir para producir cultivos de calidade como o viño. Ou nin sequera pasto. Pero unha enorme parte si. E hai que aproveitar todas as posibilidades de cultivo. Eso si, con cabeza. Estamos vendo como fracasan proxectos de oliveiras ou aguacates por causa das pragas ou o exceso de auga e frío, por non ubicalos nos lugares axeitados. O viño dáse cada vez en máis zonas, pero non caiamos no erro de levalo onde non renda.
A viña dáse cada vez en máis zonas, pero non caiamos en levala onde non rende, como ten sucedido en Galicia con algunhas plantacións de oliveiras ou aguacates

Higinio Mougán.
A última vendima foi moi problemática na Ribeira Sacra pola baixada do consumo de tintos. Serían as cooperativas unha solución para esa Denominación de Orixe?
Hai algo que debe quedar moi claro: as cooperativas que triunfan adoitan estar na orixe dos proxectos. Cando nace unha Denominación de Orixe, cando se implanta unha nova produción ou cando se recupera unha produción tradicional. O que nunca vai funcionar é recorrer á creación dunha cooperativa cando as cousas xa van moi mal e se crean de présa e correndo, confiando en que cheguen subvencións ou solucións milagreiras.
Unha cooperativa non é un almacén no que depositar as uvas e que garante un bo prezo. Non. Unha cooperativa é unha empresa que ten que analizar o mercado, introducirse nel, asegurar a produción, contar con provedores e crear unha marca sólida e con proxección. E debe ter a capacidade de chegar a influír no sector, como mínimo, na zona onde opera. Eso supón moito tempo e traballo e non se consegue dun día para outro.
Unha cooperativa é unha empresa que ten que analizar o mercado, introducirse nel, asegurar a produción, contar con provedores e crear unha marca sólida e con proxección.
No caso concreto da Ribeira Sacra, xa hai moito que viñamos sinalando que sería de interese para o conxunto da D.O. que existise unha cooperativa de certo volume. Non predominante, pero si con peso específico. E non polo simple feito de existir, senón porque significaría un elemento regulador do sector.
Tense sinalado que unha cooperativa na Ribeira Sacra tería sido de interese, como elemento regulador do sector, pero coa actual crise, non se pode nin se debe construír ás carreiras
Nesa D.O. hai só unha grande adega, que ten moito peso, por exemplo, na fixación de prezos e recollida da uva. A cooperativa podería ter exercido de contrapeso e alternativa. Incluso, ao ser un proxecto colectivo e de volume, podería ter reformulado ou ampliado os produtos que se ofrecen ós consumidores ou os métodos de elaboración. Pero nunca chegou a suceder e agora non se pode nin se debe construír ás carreiras porque só sería un parche.

Viñedos na D.O. Valdeorras
É certo que dende a pandemia o consumo de viño tinto caeu moito. Pero xa antes do virus se albiscaba esa tendencia. No que vai de século, a baixada xa é dun 30%. Na cooperativa Jesús Nazareno, no Barco de Valdeorras, xa se anticiparon á situación actual e levan máis de cinco anos substituíndo ou enxertando as cepas de tinto para convertelas a godello. Sabían que había que tomar medidas e souberon convencer ós socios de levalas adiante e acompañalos no proceso.
A cooperativa Jesús Nazareno, en Valdeorras, anticipouse á actual crise dos tintos e leva máis de 5 anos enxertando as cepas a godello
Na Ribeira Sacra non houbo quen tomase esas iniciativas ata que, se cadra, xa foi demasiado tarde. E hai que ter en conta que un viticultor ou unha pequena ou mediana adega non ten os medios nin a información para acometer esas ou outras reformas.
Malia esas altas cifras das cooperativas, o sector do viño adoita ser máis ben individualista. Que vantaxes comporta formar parte dunha cooperativa?
As cooperativas presentan dúas vantaxes principais: poden actuar como reguladoras do sector e manexan moita información útil. Por poñer un exemplo, a cooperativa Viña Costeira, do Ribeiro, foi a que conseguiu introducir naquela zona os contratos homologados para a compra de uva. E tivo a capacidade en máis dunha ocasión de intervir directamente no mercado para protexer os prezos que perciben os seus máis de 400 socios.
Algo que, a diferente escala, tamén están a facer as cooperativas das Rías Baixas e Valdeorras. A unha gran adega ou grupo adegueiro industrial só lle preocupa a marxe que vai obter pola compra da uva e a venda do viño. Na cooperativa eso é importante, pero tamén o é a protección e o mantemento da actividade dos seus socios.
Para a cooperativa é tan importante a obtención de beneficios como a protección ao mantemento da actividade por parte dos seus socios
Dispor de moitas canles moi diferentes de información de utilidade é outro factor que xoga en favor das cooperativas. Dende o estado actual do mercado, as previsións a medio e longo prazo, os prezos dos insumos, as tendencias de consumo, os produtos innovadores, todo o que ten que ver con lexislación…a información chega por moitas vías e ese fluxo axuda na toma de decisións.
Esto é algo que se da en todas as cooperativas agrogandeiras e que adquire máis valor nas do mundo viño por ser un mercado tan amplo. Tampouco se pode negar que a alta cantidade de información e agora a Intelixencia Artificial fan que en ocasións os socios se amosen escépticos. A cuestión é facer labor pedagóxico con eles.
Ten cabida o modelo cooperativo nas cinco IXP de viño galegas e na que se proxecta crear na baixa Limia? Poden ser un freo para o despoboamento?
As IXP galegas, polo de agora, abranguen poucos produtores e traballan nun mercado de proximidade. Venden toda a colleita na hostalería e comercio locais ou ós turistas que visitan as adegas. Dispoñen de pouco volume para poder participar nos grandes mercados. A día de hoxe non se percibe necesario nelas un modelo cooperativo porque son moi poucos produtores e hai pouco que xestionar. Aparte de que xa colaboran entre eles cando é necesario.
No momento en que decidan dar un salto produtivo si que poden ir a modelos cooperativos que lles dean máis forza de entrada. Lembro un técnico que decía “se produces 100.000 litros, telos que vender en 100 quilómetros, se produces un millón, telos que vender en mil quilómetros. E a partir de dous millóns podes pensar en exportar.” O cálculo matemático non é exacto nin está medido, pero a idea é clara: con pouco volume non podes ir moi lonxe porque non tes medios para chegar.
Unha IXP ou unha pequena adega pode chegar a venderlle viño a Barack Obama, como xa ten pasado. Eso dáche nome, mais non hai nin a loxística, nin o músculo financieiro nin a capacidade de resistencia no tempo para manter esa exportación. Aínda que haxa un caso moi, moi illado, hai que centrarse no mercado que está máis preto e co que hai máis contacto directo.
En canto a ser vectores de repoboación, hai que salientar que, por riba de todo, as cooperativas están formadas por persoas. Unha banca online ou un fondo de investimento pode funcionar cunha supercomputadora. As cooperativas non. Fai falta xente que as constitúa, as dirixa e faga o traballo.
Así, onde xa non hai xente non parece posible que xurdan cooperativas. Cousa distinta é que cheguen proxectos foráneos -cooperativos ou non- que teñan algún interese en explotar as zonas despoboadas e traian novos veciños e/ou colaboren cos que quedan. Eso non se produciu.
En case todas as zonas vinícolas galegas están desembarcando grandes grupos adegueiros e fondos de investimento foráneos. Como afrontan as cooperativas esta situación?
Cando as cooperativas medran de xeito racional e aumentan a súa produción de uva e viño, contribúen a que parte do poder de decisión sobre o sector permaneza en mans galegas e dunha multiplicidade de persoas, que son os socios e os viticultores cos que traballan. Claro que estamos vendo dende hai anos a chegada de grandes grupos adegueiros e ata fondos de investimento nas zonas de viño de Galicia. O cal é lexítimo e lóxico porque chegan atraídos pola calidade do viño galego. E derivan na antedita competencia, que é algo inherente ao sistema.
O que nós debemos destacar é que as cooperativas sempre van ter unha maior sensibilidade cara os produtores e cara o territorio. Porque os socios son produtores e residen no territorio. Sempre van ver a calquera produtor como un igual. E eso en calquera sector agrario. Ademais, a cooperativa defende a imaxe tanto do produto como da zona onde se produce.
Unha cooperativa defende a imaxe do produto e do territorio
Por exemplo, sempre se loita para non baixar os prezos da uva. E é que as baixadas non só danan a economía do produtor, tamén a imaxe do viño e da comarca. Ten habido casos de mercar uvas por parte de cooperativas para evitar baixadas bruscas. Porque unha gran adega ou grupo pode vender moi barato o viño ou desfacerse das instalacións e provedores e marchar para outro sitio. En cambio, a cooperativa ten un compromiso coa terra e as persoas que a habitan.
As grandes industrias non poden ter o compromiso coa terra e as persoas que si teñen que ter as cooperativas.
O que si vimos foi como as cooperativas sempre axudan ó produtor. Se imos á gandería, no caso dos ceses de recollida de leite na montaña de Lugo por parte das industrias, foron as cooperativas as que asumiron esa recollida, aínda que non lles fora moi rendible nin puideran igualar prezos, polo espírito de non deixar ninguén atrás. Para as cooperativas é moi duro darlle un non a un produtor, ao que ven como un irmán. É unha sensibilidade que non existe na industria convencional.

Viñas en Vila de Cruces
É posible a creación dunha cooperativa de segundo grao que englobe as principais adegas cooperativas galegas?
No leite naceron cooperativas de segundo grao porque case todo vai para brick e non se diferencia por zonas. A inmensa maioría dos gandeiros ten os mesmos intereses e obxectivos. No tema do viño é radicalmente distinto. Hai centos de elaboracións, de castes de uva, de tipos de plantación, de modelos de xestión…un sector moi atomizado e diferenciado. Incluso entre viñedos e adegas que están na mesma zona. Eso é moi difícil de unificar nunha cooperativa de segundo grao que aglutine a parte ou todas as que xa existen.
Pero ollo. Non quere decir que non haxa cooperación e colaboración. Un exemplo claro tivémolo a comezos de ano cando as tres grandes adegas cooperativas do Salnés -Martín Códax, Condes de Albarei e Paco e Lola- uniron forzas para aplicar o sistema de feromonas para combater a praga do insecto ‘lobesia botrana’. Esa unión permitiu reducir custos, suprimir o uso dun insecticida e beneficiar a todos os viticultores da zona.
Unha cooperativa vinícola de segundo grao en Galicia só xurdirá cando interese á maioría de adegas.
Tamén se sabe que no pasado houbo movementos de uva ou de compra de uva e de viño entre cooperativas para sacar do apuro a algunha que pasaba un mal momento. E ademais constan cooperacións en operacións a gran escala de comercio exterior. Sen esquecer que hai complementos de oferta, é decir, unha adega pode recorrer a outra mesmo de fora de Galicia para achegar un produto que non ten en carteira. Por exemplo, un exportador de albariño pode incluír Rioja na súa oferta a un cliente exterior que queira diversidade. E eso pasa por un acordo previo.
En todo caso, unha cooperativa vitivinícola de segundo grao en Galicia chegará cando resulte interesante para a maioría de adegas. E non tería que ser unha fusión senón que podería cinguirse a unións puntuais para obxectivos concretos como a compra de insumos ou a entrada en novos mercados. Xa se verá.
Ultimamente o foco informativo está posto nos viños das terras do Ulla (D.O Rías Baixas), que están medrando moito. É posible o nacemento dunha cooperativa propia desa zona?
O primeiro que cómpre decir é que as terras do Ulla foron sempre de produción de viño. Antes de existir a D.O. Rías Baixas, o maior produtor de albariño era a adega Valdés, de Vila de Cruces. Non era ninguén do Salnés nin do Condado. Despois chegou a filoxera e o albariño foi substituído pola uva chamada “catalán”, que era e segue sendo moi boa para a augardente, pero non para o viño. E, ao mesmo tempo, leiras que estaban con albariño pasaron a horta ou outro uso por causa da praga. Así diminuiu moito o cultivo tradicional.
Cando as terras do Ulla se converteron en subzona da D.O. Rías Baixas, no ano 2000, penso que faltou unha visión de conxunto por parte dos diferentes actores. Se cadra houbo desencontros por non ter obxectivos comúns. Pode que no Salnés se vira esta zona como unha competencia directa e que aquí non se acabara de confiar nas posibilidades que se abrían. En todo caso, aquelo xa foi.
Hoxe vemos que a demanda está disparada e que hai moita exportación. Que os viños son de calidade e que son necesarias parcelas para poder atender toda esa demanda. Tanto as grandes adegas e grupos adegueiros como as cooperativas están nunha estratexia de crecemento. Hai 25 anos houbera xuntanzas con miras a poñer en marcha unha cooperativa de produtores do Ulla. Polo que fora, non fructificou.
No momento actual vexo difícil que naza unha cooperativa estritamente do Ulla. Porque, como dixemos, non é só construír unha nave; hai que xuntar produción e produtores, hai que facerse cun oco no mercado, hai que competir con outros proxectos e hai que crear e consolidar unha marca. O importante é que os produtores do Ulla teñen a posibilidade de formar parte das cooperativas que xa existen na D.O. Rías Baixas.
Reflexións e recomendacións sobre o mercado do viño tinto
Mougán elaborou un documento no que recolle unha serie de reflexións sobre o mercado dos viños tintos, que van máis aló do que atingue as cooperativas. Resumimos o seu diagnóstico do escenario:
- Superada a pandemia Covid-19 os consumidores de viño aceleraron a muda de hábitos, reducindo os niveis de consumo de viño tinto e incrementando moderadamente o de viño branco, os rosados, os espumosos e os de menos alcohol.
- O consumidor é o xefe, e moitas veces adopta decisións que os produtores non comprenden, pero que deben asumir coa maior axilidade posible. Sempre se dixo que o mellor é anticiparse e tratar de ser sempre dos primeiros en ofrecer aquilo que o mercado demanda, para non estar sometidos a unha agonía permanente de falta de esperanza.
- A caída do consumo dos viños tintos non afectou so a Ribeira Sacra. Pero, outros pequenos produtores galegos de viños tintos máis organizados, máis profesionalizados e amparados nalgunha cooperativa foron asumindo os novos retos que marcan os mercados.
- O consumo mundial de viño acadou máximos no 2007 e dende esa data descende. No caso da Unión Europea o consumo vense reducindo dende os anos sesenta, e cae un 30% neste século en España, Francia e Italia, principais consumidores.
- Por iso, os viños europeos dependen cada vez máis das exportacións a mercados fóra da Unión Europea: Estados Unidos, Reino Unido, Rusia, Arxentina, China, Australia,… son mercados que medraron e que agora algúns retroceden e outros estabilizáronse.
- A preocupación pola saúde, a evolución dos hábitos sociais e os cambios demográficos impulsan a redución do consumo, a pesar de que a mocidade prefire bebidas alcohólicas alternativas como os licores (tan prexudiciais para a saúde!) e as cervexas.
- O sector ten un desafío grande coa alta dependencia dos grandes mercados de Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña e centro e norte europeos, que consumen viños galegos.
- O cambio climático está creando condicións de produción impredecibles. Probablemente esta circunstancia esixe ampliar o uso de variedades autóctonas e híbridas para aumentar a resiliencia da produción. As administracións deben facilitar os avances neste ámbito.
- Hai que adaptarse aos cambios de preferencias dos consumidores con viños locais, de variedades autóctonas, sostibles, con baixo contido en alcohol ou sen alcohol, innovando en envasado, adaptándose ao cambio climático, e explorando canais de venda dixitais e directos.
- Poden os pequenos produtores acometer estes cambios sen estar ben organizados nunha cooperativa?