Un sistema que penaliza comezar: as incoherencias nas axudas a plans de mellora e incorporación de 2026 en Galicia

Las nuevas tecnologías serán clave para atraer gente joven a la ganadería

As axudas á incorporación de persoas mozas e aos plans de mellora das explotacións agrarias deberían ser unha ferramenta clave para o relevo xeracional no campo galego. Porén, a orde de 2026 introduce unha interpretación dos criterios de prioridade que, na práctica, está a provocar o efecto contrario: penalizar precisamente a quen comeza desde cero ou está en proceso de reorganización.

O problema: a foto fixa do artigo 18

O núcleo da cuestión está no artigo 18 da orde, que establece que: “A aplicación dos criterios de prioridade farase tendo en conta o momento de finalización do prazo de presentación das solicitudes de axuda.”

Isto tradúcese nunha “foto fixa” da explotación no momento de peche da convocatoria. É dicir, só conta o que existe nese instante, non o que se vai crear ou consolidar co propio plan empresarial.

Unha lista de puntos inaccesible para quen comeza

O sistema de puntuación inclúe criterios como:

  • Explotación ecolóxica rexistrada

  • Explotación agraria prioritaria

  • Seguro agrario contratado

  • Pertenza a organizacións de produtores

  • Localización e características produtivas

Todos eles dependen de que a explotación xa exista e estea plenamente configurada no momento da solicitude.

O problema é evidente: Unha persoa que inicia actividade non pode cumprir materialmente eses requisitos antes de incorporarse. Isto provoca unha distorsión grave:

  • As explotacións xa consolidadas parten con vantaxe.

  • As novas incorporacións quedan automaticamente na cola da concorrencia competitiva.

A contradición co propio modelo de incorporación

A propia orde recoñece que a incorporación implica un proceso progresivo. De feito, permite solicitar axudas con estruturas aínda non constituídas:

  • Posibilidade de solicitar con NIF provisional

  • Execución dun plan empresarial posterior

  • Prazo de ata 24 meses para desenvolver a explotación

É dicir, a norma asume que a explotación se constrúe despois da solicitude, pero ao mesmo tempo esixe que xa estea plenamente definida para obter puntuación. Isto non é só incoherente: é estruturalmente excluínte.

O caso especialmente grave das transmisións familiares:

A problemática agrávase en situacións moi habituais no rural galego:

  1. Cambio de titularidade (pais → fillos)

Cando se produce unha transmisión por xubilación:

  • Cambia o NIF do titular

  • A explotación “reiníciase” administrativamente, aínda que o CEA se mantén.

  • Non se recoñecen automaticamente os atributos previos

Resultado: unha explotación viable e consolidada pasa a perder puntuación como se fose nova.

  1. Creación de sociedades (SC, SL, etc.)

Mesmo cando:

  • O código de explotación vai ser o mesmo

  • Os socios son os mesmos

  • A actividade continúa sen cambios reais

Este é un caso típico das pequenas explotacións familiares, que funcionan como autónomos e que, para incorporar aos fillos, precisan constituír unha sociedade. Porén, se esa sociedade non está plenamente operativa no momento da solicitude, a explotación queda sen puntos igualmente.

Isto penaliza directamente ás pequenas explotacións que buscan profesionalizarse e asegurar o relevo xeracional.

A interpretación arbitraria da norma

Hai un problema aínda máis grave: a Administración non aplica o artigo 18 sempre igual. Na teoría, a norma di que só debería terse en conta a situación da explotación no momento de peche do prazo de solicitude. Porén, na práctica, a Administración non actúa sempre así: nalgúns casos aplica esa regra de forma estrita, pero noutros tamén ten en conta a situación futura, o que xera incoherencias na aplicación dos criterios.

Na práctica, ás veces aplican iso tal cal, pero outras veces tamén miran o que vai pasar no futuro.

Por exemplo:

    • Se unha explotación ten agora o 50 % de mulleres pero ao incorporarse o fillo deixa de cumprilo → non lle dan o punto.

    • Pero se agora non cumpre un criterio (por exemplo, non ten seguro agrario, non é prioritaria ou nin sequera existe porque está en NIF provisional), aínda que no futuro si o vaia cumprir → tampouco lle dan o punto.

É dicir: nin conta o presente nin conta o futuro cando se trata de xente que comeza. Isto é unha interpretación arbitraria que acaba sempre prexudicando ás novas incorporacións.

Consecuencias reais

Este sistema ten efectos directos:

  • Desincentiva o inicio de actividade agraria.

  • Penaliza a modernización vía cambio xurídico.

  • Favorece explotacións xa establecidas.

  • Complica o relevo xeracional.

En definitiva, rompe o principio básico destas axudas: facilitar a entrada de xente nova ao sector.

Un modelo que debería cambiar

Se o obxectivo é realmente fomentar a incorporación e a modernización, sería necesario:

  • Valorar tamén os compromisos do plan empresarial, como ocorría coas ordes anteriores ao 2024.

  • Permitir puntuación por situacións futuras acreditadas para xente que comeza dende cero.

  • Recoñecer a existencia e continuidade real nas transmisións familiares, vinculando a puntuación á explotación agraria (código de explotación) e non unicamente ao NIF ou CIF, para evitar perdas de puntos en cambios de titularidade ou creación de sociedades.

  • Evitar penalizar cambios xurídicos sen cambio produtivo

Sen estas correccións, o sistema seguirá premiando a inercia e castigando a iniciativa.

Exemplo práctico: dous mozos, dous camiños moi distintos  

  • Mozo 1 representa o caso dunha explotación xa estruturada, cunha sociedade constituída, na que unha persa nova se incorpora e solicita un plan de mellora para esa mesma sociedade na que se instala.

  • Mozo 2 representa a situación de quen crea unha explotación nova ou fai un cambio de titularidade (por exemplo, de pai a fillo), polo que no momento da solicitude aínda non cumpre moitos dos requisitos que dan puntos, aínda que os vaia cumprir máis adiante.

PLAN DE MELLORA (MR405F):
Captura de pantalla 2026-03-22 170714

INCORPORACIÓN (MR404A):

Captura de pantalla 2026-03-22 170737

RESUMO FINAL:

 Captura de pantalla 2026-03-22 170749

Lectura clara: O mozo que entra nunha explotación xa feita duplica a puntuación no plan de mellora

-O mozo que entra nunha explotación xa feita duplica a puntuación no plan de mellora

-O que comeza de cero ou se incorpora tendo que realizar un cambio de forma xurídica vese tremendamente prexudicado, xa que non pode cumprir os criterios no momento da solicitude aínda que os vaia cumprir despois

Isto supón unha penalización directa ás pequenas explotacións e ás persoas emprendedoras que queren crear unha nova explotación, evidenciando un deseño das axudas que favorece claramente a quen xa está establecido e dificulta, na práctica, a entrada de nova xente no sector. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información