Un sistema de control intelixente de grúa en autocargador, primeiro premio no Concurso de Innovación de Galiforest

A feira desenvólvese ata este sábado 2 de xullo en Sergude (Boqueixón). O certame conta con máis de 9.000 metros cadrados de superficie expositiva neta e un amplo programa de xornadas técnicas

Publicidade
Un sistema de control intelixente de grúa en autocargador, primeiro premio no Concurso de Innovación de Galiforest

Entrega do primeiro premio do certame. Na imaxe, o xurado con representantes de Guifor.

O sistema de control de intelixencia da grúa (IBC) en autocargador John Deere, presentado pola empresa Guifor S.L, acadou o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica celebrado no marco do IV Monográfico Forestal Galiforest. Este certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia, desénvolvese ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Imaxe de Galiforest 2016.

Imaxe de Galiforest 2016.

O sistema IBC desenvolvido por John Deere permite que o traballo coa grúa forestal sexa máis fácil para o operador, xa que empregando sensores e mediante un sistema de programación, posibilita que a prolonga da grúa traballe de xeito automático, sen ser necesaria a intervención do operador. Isto mellora tanto a ergonomía do maquinista como a eficiencia da máquina.

O xurado outorgoulle o premio a esta innovación polo aumento de produtividade e rendemento, mellora da ergonomía no traballo de monte e baixo custe de implantación da innovación.

Mencións
No Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para Seppi M. Península Ibérica S.L polo seu subsolador de disco, o cal figura como invención na Oficina Española de Patentes e Marcas. Este equipo, desenvolvido para a apertura de sucos na terra para posteriormente plantar árbores, permite dun xeito sinxelo e con baixo custo económico a reforestación en determinador terreos, cunha maior eficiencia no seu tiro e sen atascarse en posibles obstáculos enterrados como cepas de árbores ou pedras.

Un subsolador de disco de Seppi obtivo unha mención. O xurado valorou a súa eficiencia de tiro e que non se atasca ante obstáculos

A mención foille concedida por aportar unha solución sinxela para forestación de terras en determinadas zonas agrarias de Galicia.

A outra mención concedéuselle ao cabezal talador de serra AFM 220FH presentado por Forest Pioneer. Este cabezal talador acumulador posibilita a corta e recolección de árbores de pequena dimensión, podendo facer máis dunha corta e acumulando o recollido antes da súa deposición sobre o chan. Está deseñado especificamente para a recolección de biomasa de eucalipto e especialmente para os seus rebrotes

Mención a Forest Pioneer.

Mención a Forest Pioneer.

Fíxoo merecedora desta mención a potencialidade e versatilidade de uso que presenta nas masas forestais de eucalipto en monte baixo rexeneradas post incendio ou por rexeneración trascorta, facilitando o empacado posterior da biomasa.

Ao concurso, co cal a Feira Internacional de Galicia pretende contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal, presentáronse nove innovacións, destinadas a aportar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos

Todas as novidades que concorreron ó concurso poden verse estes días na área expositora da feira, que supera os 9.000 metros cadrados netos.

Xornada técnica de FSC.

Xornada técnica de FSC.

Xornadas técnicas
A primeira xornada de Galiforest, onte xoves, incluiu tamén xornadas técnicas organizadas polo selo de certificación FSC. As xornadas, adicadas a abordar innovacións no traballo forestal, tocaron aspectos como o uso de drons e os sistemas Lidar para o inventariado de masas forestais, ou o uso de cables sintéticos para a saca de madeira do monte.

Tamén onte se celebrou o Job Day de Galiforest, no que as empresas do sector interesadas en contratar persoal tiveron ocasión de entrevistar a candidatos ós postos ofertados. Para hoxe están previstas xornadas organizadas pola Consellería do Medio Rural.

Demostración con motoserra a cargo de Stihl.

Demostración con motoserra a cargo de Stihl.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información