Un proxecto europeo traballará dende xaneiro na dixitalización de empresas do sector agrogandeiro e forestal

A iniciativa está impulsada por DATAlife e conta cun orzamento de case 6 millóns de euros destinados a traballar con pimes de sectores estratéxicos

Un proxecto europeo traballará dende xaneiro na dixitalización de empresas do sector agrogandeiro e forestal

Participantes na asemblea xeral de Datalife celebrada esta semana en Santiago.

O centro loxístico galego Datalife Hub de Innovación Dixital (DIH) poñerá en marcha a partir de xaneiro o proxecto apoiado pola Comisión Europea: European Digital Innovation Hub. Esta iniciativa busca a transformación dixital de pemes de sectores claves vinculados ás cadea de valor agro-mar, alimentación, forestal-madeira, biotecnoloxía e saúde e coidados. O proxecto conta cun orzamento de case 6 millóns de euros para executar nos próximos 3 anos.

“Traballamos e seguirémolo facendo para que as empresas galegas de sectores estratéxicos para a económica galega sexan competitivas nun entorno global”, destacou Pablo Álvarez Freire, presidente de Datalife durante o transcurso da asemblea xeral celebrada esta semana en Santiago.

Na V asemblea participaron representantes dos 18 asociados do propio centro loxístico. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) estivo representada por Patricia Fernández Liz, directora da área de Servizos, que destacou o traballo realizado por Datalife ó longo deste ano e que resultou clave para a economía galega.

Nesta asemblea tamén se ratificou a entrada como socio de Datalife de Noso Capital, a primeira xestora de capital privado galega. A firma inversora exercerá como axente de coñecemento para as empresas socias de Datalife e aportará a súa experiencia en proxectos de innovación que poidan aportar un valor diferencial. Noso capital xestiona dous fondos: Bio&Tech Smart Capital, centrado nos sectores biotecnolóxico e tecnoloxías da información e Noso Capital I FCE, orientado á captación de investimentos para pemes galegas.

Accións do 2022 

A xornada serviu para facer balance do traballo e as actividades desenvolvidas por Datalife durante todo o ano 2022. O Hub de Innovación Dixital puxo en marcha e impulsou cinco obradoiros especializados do IGAPE que finalizaron en setembro; o proxecto HIBA para a dixitalización do sector primario e o convenio de infraestrutura coa Axencia Galega de Innovación. Tanto o proxecto HIBA como a colaboración co GAIN seguirán tendo vixencia e continuidade o próximo ano 2023.

Datalife tamén presentou e aprobou o orzamento e o plan de actividades para o ano 2023, facendo fincapé sobre iniciativas que se poñerán en marcha a partir do próximo ano grazas á concesión do proxecto apoiado pola comisión europea: EDIH. Un orzamento de seis millóns de euros permitirá o despregamento da carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas da cadea de valor de Agro-Mar Alimentación, Forestal-Madeira, Saúde-Coidados e Biotecnoloxía en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información