Un proxecto aborda o uso de restos de poda e mato para biocombustibles

A iniciativa implica a un consorcio de institucións da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e está liderado polo centro tecnolóxico Energylab, especializado na innovación enerxética

Un proxecto aborda o uso de restos de poda e mato para biocombustibles

A transformación de restos de poda de viñas en pellets é unha das liñas do proxecto.

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conta cunha elevada dispoñibilidade de biomasa que non está a ser valorizada na actualidade. É o caso, por exemplo, dos restos de corta de viñas, froiteiras e plantacións forestais, que de xeito frecuente se amorean para a súa queima controlada. Un consorcio de institucións da Eurorrexión, tanto de Galicia como de Portugal, traballa nun proxecto conxunto para analizar as posibilidades de obtención de novos combustibles a partir desa biomasa.

A iniciativa aborda todo o ciclo de produción. Valorarase desde a viabilidade da recollida en campo da materia prima, con optimización de custos, ata o procesado da biomasa para a obtención de biocombustibles (pellets, briquetas, etc.). Por último, estudarase o rendemento dos biocombustibles obtidos en todo tipo de equipos de valorización de biomasa, tanto nos de combustión como nos de microxeneración eléctrica e biogás.

Situación e perspectivas
A produción de pellets e estelas en Galicia baséase polo de agora no uso de madeira de trituración. A maioría das empresas do sector traballan sobre todo con puntal de piñeiro, xa que é a materia prima coa que obteñen mellores rendementos e que mellor funciona nos equipos de combustión de biomasa.

O novo proxecto, encabezado por Energylab, un centro tecnolóxico ubicado en Vigo e especializado en innovación enerxética, valorará as posibilidades da biomasa residual, como os restos de poda e incluso o mato, para producir biocombustibles de calidade. A idea de fondo da iniciativa, apoiada con fondos europeos Interreg 2014-2020, céntrase na busca de novas vías para impulsar unha enerxía renovable como a biomasa, que pode convertirse nun “polo de desenvolvemento para a Eurorrexión”, segundo valoran os socios do proxecto.

Representantes das institucións que participan no proxecto de investigación en biomasa.

Representantes das institucións que participan no proxecto de investigación en biomasa.

O proxecto de investigación, liderado por Energylab, conta coa participación da Universidade de Vigo, do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), do Centro de Innovación e Servizos da Madeira (Cis Madeira) e da Fundación Empresa – Universidade (Feuga). Por parte portuguesa, participan o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial, a Agência de Energia do Cávado e a Agência Regional de Energia e Ambiente do Alto Minho.

En Galicia, no campo da biomasa, cómpre lembrar que tamén está en marcha un proxecto de central para a produción de enerxía eléctrica. Esa iniciativa, impulsada polo grupo García Forestal, ubicaríase en Curtis (A Coruña) e ten previsto consumir arredor de 500.000 toneladas de restos de corta ao ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información