“Un país que desprotexe ó sector agrario, pon en perigo a súa poboación”

O sector lácteo, o buque insignia do agro en Galicia, mantén a calma ante a crise do coronavirus. A demanda semella garantida, se ben hai incertidume nos mercados e temor a que a epidemia afecte a centros de transformación ou distribución

“Un país que desprotexe ó sector agrario, pon en perigo a súa poboación”

Se algunha lección se pode tirar das estanterías dos supermercados baleiras de leite, carne ou ovos, como estiveron nos primeiros días da crise do coronavirus, é a da importancia de gandeiros e agricultores. “Estamos vivindo unha situación na que a prioridade é garantir o abastecemento alimentario básico da poboación. É no que está traballando o sector lácteo e o resto de sectores alimentarios de Galicia. É importante que a sociedade tome conciencia sobre isto”, expón desde o Sindicato Labrego a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.

Logo duns primeiros días de alta demanda das cadeas de distribución, o agro agarda unha normalización dos pedidos. Serán superiores ós habituais e espérase que compensen o parón de hostelería e restauración, alomenos no sector lácteo, xa que outros sectores como o viño, o vacún maior ou a flor cortada enfróntanse a un duro escenario polo peche da restauración ou dos seus mercados.

“As granxas están suministrando baixo contratos e o mercado internacional, que pode cambiar en calquera momento, non debería ter incidencia aquí” (Higinio Mougán, Agaca)

“No sector lácteo hai tranquilidade. As granxas están suministrando baixo contratos e se ben si é certo que houbo caídas de prezo dos sólidos lácteos nos mercados internacionais, iso pode cambiar en calquera momento” -analiza o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Higinio Mougán-. “Ademais, o mercado internacional tampouco debería ter gran influencia aquí”, valora Mougán.

A mesma opinión é compartida desde Unións Agrarias. “Hai incógnitas nos mercados e o futuro dependerá moito da evolución da economía e da pandemia, pero unha cousa está clara. A xente vai seguir bebendo leite e comendo queixos e iogures. Perdeuse a demanda da restauración, pero aumentouse a demanda doméstica. En canto ó mercado internacional, o leite en po desnatado caeu un 8% no último mes (28 euros), pero non está nin moito menos no seu peor momento”, valora Javier Iglesias, de Unións Agrarias.

Existe temor a que países como Alemania ou Francia utilicen España como sumidoiro de posibles excedentes

Existe, non obstante, certo temor no sector a que unha ralentización dos mercados de exportación poida levar a grandes exportadores europeos, como Alemania ou Francia, a derivar parte da súa produción a España a prezos baixos. “Se iso se chegase a dar, tería que producirse unha actuación contundente da Administración para protexer a un sector que é básico. Como ten que quedar claro nesta crise, un país que desprotexe ó sector produtor, pon en perigo a súa poboación”, advirte a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Industrias
Entre tanto, as industrias lácteas funcionan a pleno rendemento. Nos últimos días, firmas como Lactalis, Leche Celta, Capsa, Clun ou Naturleite teñen manifestado o seu compromiso en intensificar o seu traballo para garantir o suministro de lácteos á poboación. O temor que existe na cadea alimentaria é a un posible brote de coronavirus en calquera industria, que por agora non se produciu. “Se iso se producise, podería haber liñas que se visen obrigadas a parar”, recoñécese nas distintas organizacións do sector.

“Na actual situación, hai que pensar en alternativas para a transformación e distribución de alimentos, no caso de que grandes centros de transformación ou distribución se visen afectados pola pandemia”, considera Isabel Vilalba, que avoga tamén nun futuro por apoiar unha maior produción de derivados lácteos e cárnicos en Galicia.

Ulega apraza 2-3 meses as negociacións dos novos contratos coas industrias

A crise do coronavirus colleu en plena negociación dos novos contratos do leite a Ulega, a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias, que agrupa a preto de 2.000 granxas na comunidade. Ante esa situación, a organización chegou a un acordo coas industrias para aceptar provisionalmente as súas ofertas de contrato por un periodo de 2-3 meses, tralo que se espera poder retomar as negociacións. É un acordo que afecta ós contratos con tódalas principais industrias que operan en Galicia, como Lactalis, Capsa, Celta, Río ou Reny Picot, entre outras.

Desde Unións Agrarias tamén se defende que calquera contrato firmado por unha granxa durante o Estado de alarma debe revisarse unha vez que se normalice a situación, pois nestes momentos non hai posibilidades reais de negociación nin de búsqueda de alternativas por parte das granxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información