Un novo sistema de recría de Estados Unidos comeza a implantarse con éxito en Galicia

Alimentar as becerras con máis leite e durante máis tempo permite adiantar o parto un mes e mellora notablemente a saúde das tenreiras. Este sistema, que se aplicará no Centro de Recría da Deputación de Lugo, foi explicado nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Un novo sistema de recría de Estados Unidos comeza a implantarse con éxito en Galicia

Becerras nun centro de recría de Estados Unidos

A recría é o segundo capítulo de gasto nunha gandería de vacún de leite, despois da alimentación, representando entre o 15 e o 20% dos custos totais. De media en Galicia as granxas dedican 4,5 céntimos por litro de leite á recría, pero algunhas chegan a incluso 8 céntimos e outras baixan dos 4 céntimos.

Conscientes, por tanto, da importante marxe de mellora que existe neste capítulo, os organizadores das XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, celebradas recentemente en Lugo, reuniron a diversos expertos na materia nunha mesa redonda sobre “A Recría: custo ou oportunidade”.

Un dos participantes, Rogelio Grille, veterinario e ex-presidente de Seragro, expuxo as importantes vantaxes que supón para o gandeiro o novo sistema de recría que se está a aplicar en Estados Unidos, e que dende abril de 2016 tamén se está a implantar no centro de recría de Ganxabar, con resultados exitosos. Este novo método de recría tamén se aplicará no Centro de Recría Gayoso Castro, da Deputación de Lugo, a partir de xaneiro, cando o centro ten previsto comezar a súa actividade.

“O pasado ano viaxei a Estados Unidos e visitei a Robert Corbett, un dos veterinarios especializados en recría máis reputados do país. Ensinoume como traballan na mellor finca de recría de USA, con 27.000 becerras, e onde logran xovencas, e por tanto futuras vacas, excepcionais que paren aos 22 meses cun mínimo de 600 kilos de peso”, explica Rogelio Grille.

Rogelio Grille: “As becerras medran máis, poden ser inseminadas polo menos 30 días antes e enferman moito menos”

E cal é a principal diferencia? Algo tan natural como máis leite para as becerras e durante máis tempo, atrasando o destete definitivo. Deste xeito, as becerras medran máis, poden ser inseminadas polo menos 30 días antes e enferman moito menos.

O sistema comeza proporcionando o costro en cantidade e calidade recomendadas. Durante a primeira semana as becerras son alimentadas con 4 litros diarios en dúas tomas. Na segunda semana pasan a 6 litros diarios en dúas tomas e na terceira semana a 9 litros en tres tomas, unha cantidade que se mantén ata os 60 días de idade. “O destete dura polo menos 15 días, non é tan brusco como antes, no que duraba unha semana, e durante ese tempo imos baixando progresivamente o leite, que non retiramos ata asegurarnos de que a becerra consume polo menos 1,5 kilos de penso ao día”, explica Rogelio. Asi, pásase co novo sistema dun idade media ao destete de 67 días a 75 días e o consumo medio de leite increméntase de 6 a 9 litros diarios nas últimas semanas.

Desta forma, se ben é certo que con este sistema gástanse uns 25 kilos máis de leite maternizado por becerra, sen embargo, tal e como subliña o veterinario de Seragro, “recupéranse con creces, xa que o gandeiro reduce en 30 días como mínimo a estadía da súa becerra no centro de recría, e ademais, vaille empezar a producir leite tamén como mínimo un mes antes”.

Probas exitosas no Centro de Recría de Ganxabar

En abril de 2016 este novo sistema empezou a ser probado por Rogelio no Centro de Recría de Ganxabar, creado en Mazaricos por un grupo de 8 explotacións, e onde manexan na actualidade arredor de 1.000 animais. O tipo de leite foi o mesmo que o que se empregaba co sistema de recría anterior: leite en po maternizado cunha concentración do 12,5%. A idade media do destete tamén subiu ata os 77 días.

Pero os resultados de saúde e de crecemento das xovencas foron moi positivos: “O primeiro lote de xovencas criado con este sistema pariu cunha media de 22,2 meses, por riba do obxectivo de 22,4 meses e moi por encima dos 23,6 que tiñamos antes. E o peso medio ao parir foi de 604 kilos”, explica.

“Este sistema pode ser aplicado tamén polos gandeiros nas súas propias explotacións, a ser posible con leite das propias nais”

Outro efecto positivo deste novo método de recría é que as becerras enferman menos no destete, un verdadeiro punto crítico debido ás dificultades para as xatas de cambiar dunha alimentación con leite ao penso. “A morbilidade baixou moitísimo: nalgún momento a incidencia de enfermidades durante o destete chegou ao 30% e agora estamos en torno ao 10%”, destaca Rogelio.

Desta forma, o responsable do Centro de Recría de Ganxabar e tamén de Recría Castro, a empresa adxudicataria do Centro de Recría da Deputación de Lugo, afirma que “sen dúbida este novo sistema supón un avance na recría, e pode ser aplicado tamén polos gandeiros nas súas propias explotacións, a ser posible con leite das propias nais, de calidade sempre superior ao leite maternizado”.

Outros puntos clave na recría:

Mesa redonda sobre recría nas XV Xornadas de Seragro

Mesa redonda sobre recría nas XV Xornadas de Seragro

Na mesa redonda sobre “Recría: custo ou oportunidade”, ademais de Rogelio Grille, outros dous expertos en recría analizaron os puntos clave nesta área: Carolina Tejero, asesora independente e veterinaria durante varios anos no Rancho Las Nieves, o maior de España, e Francisco Sebastián, veterinario e asesor de granxas na Comunidade Valenciana.

Reproducimos a continuación algunhas das reflexións dos relatores sobre aspectos básicos da recría:

Francisco Sebastián: “Tan importante como o costro, é que as becerras estean enxoitas e limpas”

“É fundamental algo tan sinxelo e básico como que as becerras estean secas, limpas e confortables. É tan importante como seguir as pautas para darlle o costro”.

“As granxas coas que traballo consideran que a recría non é un custo, é un investimento, porque están a investir para ter as mellores máquinas de producir leite”.

“No noso caso vimos dando ata 6 litros de leite ao día e a partir dos 50 días imos substituíndo o leite por penso ata lograr o destete aos 56 días, agás para as becerras enfermas”.

“Ao gandeiro que non teña tempo, espazo ou ganas para facer a recría, aconsellaríalle externalizala, porque recriando na propia gandería é difícil lograr idades medias ao parto de menos de 24 meses. Ademais, pode meter máis vacas en muxido”.

“Hai que ter un criterio para descartar unha becerra para a recría, e iso explica que o 23% das becerras non cheguen ao ano de vida. Nós empregamos criterios para o descarte como que non chegue aos 150 kilos aos 5 meses, animais con enfermidades crónicas ou que cheguen aos 600 días e non estean preñadas”.

Carolina Tejero: “É recomendable facer os descartes o antes posible, a poder ser antes do destete”

“Se na gandería non hai un bo manexo, non se pode arriscar a ter un encalostrado medio. Ten que ser moi bo para evitar enfermidades”.

“Débense establecer protocolos coa recría que sexan sinxelos. Empregar sistemas de cores para saber cantos litros lle hai que dar a cada becerra é unha forma práctica e sole funcionar moi ben”.

“Hai que mellorar no que é o diagnostico precoz das becerras enfermas, porque o diagnóstico visual non é suficiente”.

“A bioseguridade nun centro de recría é fundamental. As becerras veñen de moitas orixes e é preciso ter confianza no equipo xerente do centro”.

“En canto aos descartes, é recomendable facelo o antes posible, a poder ser antes do destete”.

“En Estados Unidos hai centros de recría que dan a opción de recriar as becerras ata os 3 ou 5 meses, superando así a fase máis complicada do destete”.

“Con amamantadora recoméndase que os lotes non sexan de máis de 15 animais e a hixiene e limpeza da máquina son claves”.

Rogelio Martínez: “A amamantadora aforra man de obra pero tamén ten desvantaxes”

“Durante os dous primeiros anos de vida da becerra hai que facer as cousas ben para lograr ter a mellor vaca do establo. E hai tres días clave: o día do nacemento, porque se non damos ben o costro imos comprometer o resto da vida dese animal; o día do destete e o día da primeira inseminación”.

“A amamantadora aforra man de obra, pero ten os inconvenientes de que a nivel sanitario pérdese información visual de observar as becerras nas casetas e tamén é máis difícil saber cando destetarlas porque non se sabe canto penso come cada unha”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información