Galicia acumula unha potencia instalada en parques eólicos de 3.800 megawatios, pero nos dous últimos anos presentáronse arredor de 125 novos proxectos que suman 6.800 megawatios. Esa é a magnitude do novo ‘boom’ eólico que se aveciña sobre Galicia, coa singularidade de que boa parte dos proxectos se ubicarán en terras máis baixas do habitual, en ocasións en zonas agrarias, segundo explica a asociación Ventosono, un colectivo de propietarios afectados ligado a Unións Agrarias.
Boa parte dos proxectos de novos parques eólicos presentados ante a Xunta ou o Goberno central están aínda nunha fase inicial da súa tramitación, polo que Ventonoso asume que non todos chegarán a bo porto. O colectivo, non obstante, advirte da necesidade de que os veciños das zonas con proxectos en perspectivas estean atentos para alegar contra os impactos críticos que poida ter cada parque, a fin de correxilos ou de que se deneguen parques mal plantexados.
“Unha característica dos novos proxectos é que están descendendo a zonas agrarias e ás proximidades das aldeas, o que pode xerar máis problemas” -explica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso-. “Esa baixada de altitude é lóxica se pensamos que a maioría dos principais cumios xa están ocupados por aeroxeneradores e que en montañas de Rede Natura xa non se poden construir novos parques eólicos”, indica.
O achegamento dos aeroxeneradores a terras de cultivo presenta varios problemas, segundo analizan en Unións Agrarias. Un primeiro inconvinte derívase da propia competencia polo uso da terra, pero o que máis preocupa son as consecuencias urbanísticas. “Todo o solo incluído no perímetro dun parque é recalificado, de xeito que non se autorizarán nese perímetro usos urbanísticos. Se hai unha granxa, non poderá ampliarse nun futuro nin se poderán levantar novas naves” -advirte José Antonio Diéguez-. “Na práctica, expulsarase á xente das súas terras ou quedarán alí en precario”, valora.
Os impactos complétanse co ruído asociado ó funcionamento dos aeroxeneradores. “Os muiños teñen que estar a 500 metros de solo de núcleo rural consolidado, pero pode haber vivendas ou granxas fóra do núcleo e neses casos a distancia mínima redúcese a 200 metros”, detalla.
A maior proximidade dalgúns dos novos proxectos a núcleos de poboación e zonas agrarias xa está causando as primeiras polémicas nas últimas semanas, caso do Deza (Pontevedra). Diéguez sinala como exemplo paradigmático da nova tendencia outro parque da provincia de Lugo, o de Serra das Penas (Paradela). “Pola nosa parte, estamos a disposición dos afectados que nolo requiran para informalos e asesoralos”, conclúe.
Estado da tramitación
Os proxectos actualmente en trámite superan os 125. En Galicia, hai presentados 90 proxectos ante a Xunta (3.650 megawatios), dos que 26 atópanse a exposición pública e o resto está aínda nunha fase inicial da tramitación. Outros 37 proxectos, ao tratarse de complexos de maís de 50 megawatios, presentáronse ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. Estes últimos suman 3.300 megawatios, dos que 256 están a exposición pública.
O habitual ata o de agora é que os proxectos de parques eólicos se fragmentasen en iniciativas de menos de 50 megawatios para facer tódolos trámites ante a Xunta, o que axilizaba o proceso. Desde Ventonoso consideran posible que boa parte das solicitudes presentadas ante o Ministerio teñan só un “carácter exploratorio”, de cara a coñecer a valoración da Administración antes de elaborar os proxectos finais.
Autorización e negociación de contratos
Unha vez que os parques superan os primeiros trámites e pasan á fase de autorización e avaliación ambiental, chega un segundo momento de importancia para os propietarios afectados, o de negociación de contratos. Ventonoso, que adoita asesorar a comunidades de montes e propietarios particulares neste proceso, lamenta a tendencia á baixada da oferta por megawatio, que nos últimos anos pasou dos 3.000 euros a uns 2.000 euros.
“É de xustiza que haxa uns pagos xustos para os propietarios polos dereitos de uso das súas terras”, defende o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que se posiciona en contra das expropiacións e avoga por acordos entre as partes.
Ventonoso sempre foi partidaria da sinatura de contratos nos que se lle pague ós propietarios unha porcentaxe dos beneficios do parque, como fixo no seu día a eléctrica portuguesa EDP, que abona ata un 2,75% dos beneficios en concepto de arrendamento. O máis habitual, non obstante, son os pagos por megawatio instalado ou mesmo arrendamentos por metro cadrado, existindo sempre a posibilidade de expropiación se non se chega a acordos.
Desde Ventonoso reclaman que unha das condicións para a autorización dos parques sexa que as empresas teñan que presentar de xeito previo un mínimo de acordos asinados cos propietarios. “Durante todos estes anos de enerxía eólica en Galicia perdemos a ocasión de establecer un marco legal que promova os acordos cos propietarios”, cuestiona o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.
“Estamos a favor da enerxía eólica, no marco da loita contra o cambio climático -continúa Jacobo Feijoo-, pero estamos tamén a favor de que xere riqueza no entorno no que se instalan os parques. Non podemos volver á política dos encoros dos anos 50, que non deixaban nada no seu entorno. Son necesarios acordos xustos cos propietarios e sería bo que houbese ademais un retorno de beneficios que repercutise nas entidades e veciños do entorno, pois a día de hoxe só hai impostos de carácter municipal e autonómico que gravan as instalacións”, analiza.