Dispoñer de ferramentas coas que identificar a orixe do leite é un dos retos que se atopa o sector para garantir a trazabilidade do leite de pastoreo, nun momento no que o consumidor está cada vez máis interesado en coñecer o modelo de produción que hai detrás do leite que merca. Ata o momento, en Galicia varias empresas comercializan leite de pastoreo, acreditando por parte de entidades privadas, que esas vacas pasaron un período mínimo de permanencia no pasto. Porén á marxe desa verificación, precisábase un sistema para acreditar a procedencia do leite que estivera adaptado ás rutinas diarias do laboratorio.
Agora, un traballo conxunto do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) presenta unha nova tecnoloxía que permite garantir a trazabilidade da orixe alimentaria de mostras de leite de vaca en Galicia. Esta nova metodoloxía permite identificar a presenza ou non de pasto na dieta das vacas e pode converterse nunha ferramenta de apoio ao control da marca de calidade Leite de Pastoreo de Galicia.
“O obxectivo central do proxecto foi obter unha tecnoloxía de discriminación da orixe alimentaria de mostras de leite en base á análise do espectro óptico das mostras”, explica a investigadora Sonia Pereira Crespo do CIAM, que desenvolveu o traballo.
Calidades que diferencian o leite de pastoreo
Un dos obxectivos do proxecto centrouse en examinar o efecto da proporción de pasto fresco na ración e do tempo pasado polas vacas no pasto sobre o perfil de ácidos graxos (AG) do leite. Unha vez obtido isto, debíase definir un conxunto de marcadores con capacidade de asegurar unha boa discriminación das mostras de leite procedente de vacas que consumiron herba en pastoreo, e para poder distinguir tamén entre leite ecolóxico e convencional.
“Os resultados obtidos permiten evidenciar que diferentes sistemas de produción producen leite con diferentes características, en particular do perfil de ácido graxos, dependendo da proporción de herba e de amidón na ración”, concreta Pereira.
O leite de vacas que pastan ten unha relación de ácidos graxos Omega-6 e Omega -3 máis favorable
Así, o leite das vacas que pastorean presenta valores máis altos de ácidos graxos con características bioactivas (vaccénico, CLA e alfa-linolénico) e unha relación Omega-6/Omega-3 máis favorable en comparación co leite das vacas estabuladas alimentadas con ensilaxes e con niveles máis altos de concentrados.
Ademais, o tempo de permanencia no pasto e o aumento da proporción de pasto na ración exercen un claro efecto positivo sobre a maior presenza de compostos bioactivos e unha relación Omega-6/Omega-3 máis favorable. Tendo en conta a variabilidade na composición do perfil de ácidos graxos do leite e dada a súa relación coa dieta consumida polas vacas, é posible utilizar determinados ácidos graxos para construír ecuacións discriminantes da orixe alimentaria do leite.
“É posible adscribir, cunha alta probabilidade de acerto (79-86% en validación cruzada e 85-90% en validación externa), as mostras de leite aos grupos con presenza ou ausencia de herba fresca na ración das vacas, utilizando ecuacións discriminantes que utilizan ácidos graxos como preditores”, aclara a investigadora.
Tecnoloxía rápida, fiable e a baixo custo
Á marxe de identificar o leite de pastoreo, o proxecto buscaba desenvolver unha nova tecnoloxía analítica rápida e de baixo custo que permitira identificar este tipo de leite e que puidera ser de utilidade para o LIGAL no seu traballo diario de análise do leite das ganderías.
A priori, as técnicas analíticas espectroscópicas (Espectroscopía MIR e NIR), xunto co uso da quimiometría presentábanse como unha boa alternativa aos métodos de referencia tradicionais, xa que se poden realizar medidas directas das mostras de maneira rápida e sen o uso de reactivos, permitindo relacionar o espectro de cada mostra de leite coa súa composición, o proceso de produción e a alimentación dos animais. “Estas metodoloxías son de particular interese polo seu carácter non destrutivo, rápido, libre de reactivos e de baixo custo de operación”, indica a investigadora.
Porén, ter que determinar por métodos de referencia (cromatografía) a composición do perfil graxo do leite resta utilidade práctica a este método, debido non só ao alto custo e lentitude dos métodos de referencia, senón á variabilidade de resultados cando as análises de referencia se realizan en diferentes laboratorios, o cal pode alterar a fiabilidade dos modelos discriminantes baseados en ácidos graxos.
Avaliaron as técnicas analíticas de determinación do perfil dos ácidos graxos e NIRS para identificar o leite de pastoreo, pero desbotáronas polos altos custos e non ser posible automatizar o proceso
Outra das opcións que se valoraron no marco deste proxecto foi a tecnoloxía NIRS. Este método permite identificar a presenza ou ausencia de herba fresca na ración das vacas cunha alta probabilidade de acerto (95-99% en validación cruzada e 95-96% en validación externa). “Esta innovación constitúe un método rápido, fiable, robusto e a baixo custo que non utiliza reactivos, superando por tanto aos métodos discriminantes que requiren a análise cromatográfica das mostras de leite”, apunta a investigadora.
Con todo, a técnica NIRS tampouco resultou ser unha alternativa axeitada posto que precísase manipular as mostras e non é posible automatizar o proceso, dous inconvenientes para ser utilizada con grandes volumes de mostras como os que se xestiona no LIGAL.
A tecnoloxía FT-MIR permite estimar a procedencia alimentaria das mostras de leite de maneira rápida, fiable e a baixo custo
Tamén avaliaron o uso de tecnoloxía FT-MIR que resultou ser a mellor opción. Este método permite identificar a presenza de herba fresca na ración das vacas cunha alta probabilidade de acerto (98-99% en validación cruzada e 95-97% en validación externa).
Ademais, esta tecnoloxía pódese adaptar ás rutinas analíticas do LIGAL e pode ser empregada como ferramenta de control e certificación da marca “Leite de Pastoreo de Galicia.
“Os resultados do proxecto permitiron dispoñer por primeira vez dunha metodoloxía a disposición do LIGAL que permite verificar, cun elevado grao de certeza, se as mostras de leite proceden de animais que consumiron pastos frescos”, reivindica a investigadora.
Accésit no Congreso da Federación Europea de Pastoreo
O proxecto foi distinguido co Accésit no 30º Congreso da Federación Europea de Pastoreo (EGF, segundo as súas siglas en inglés), que se celebrou no mes de xuño en Holanda. Neste congreso participaron un total de 217 traballos. “Estamos realmente moi contentos co premio e non contabamos resultar premiados entre tantos bos traballos que se presentaron no Congreso”, valora a investigadora.
Ademais do traballo premiado, o CIAM e LIGAL participou con outros 3 pósters que recollen investigacións realizadas nestes centros galegos.