Xorde un momento, na primeira lectura da LRTA (Lei de Recuperación da Terra Agraria), en que un alberga a esperanza de que por fin desde o PP caeron na conta de que o rural deste País estaba malferido e precisaba dunha acción contundente, inmediata e reparadora. E con ese suposto encaramos desde o BNG a elaboración das posibles emendas.
Viamos cinco defectos de fondo, cinco desacordos profundos que batían coa nosa visión do problema:
- Que a futura lei non priorizase a mobilidade da terra agropecuaria.
- Que os esforzos non fosen dirixidos a promover e apoia-las explotacións de carácter familiar, redimensionando, acorde coa súa actividade, a base territorial.
- Que non se establecesen mecanismos de control do desenvolvemento e aplicación, con preceptivos informes de planificación anual, financiamento e recursos, materiais e humanos.
- Que non se establecesen medidas de motivación para que os propietarios de terras abandonadas ou infrautilizadas as poñan ó dispor do Banco de Terras de Galicia.
- Que non marcase como obxectivo o aumento da Superficie Agraria Útil, polo menos en 10 puntos, da porcentaxe actual.
Había un outro que desacougaba na lectura e era aquela alusión constante ó agroforestal. Nunca aparecía nin o agrícola nin o pecuario, si o agrario, aínda que se nos aclaraba (no apartado r do artigo 4) que ós efectos desta lei, os termos agrario e agroforestal eran sinónimos.
E na sesión plenaria do debate de admisión (na que tamén se debatía a aprobación da Revisión do Plan Forestal) lanzouse desde a Consellería a pseudo moratoria do eucalipto. E aquí comezaron as certezas sobre as intencións e o por que desta lei.
Porque era moito cambiar. Doce anos despois daquela cruenta campaña en contra da lei do Banco de Terras de Suárez Canal. Doce anos de quietude contemplando a intensificación brutal das explotacións leiteiras sen base territorial abondo para a súa seguridade e rendibilidade, o peche continuado das que non optaban por esta saída, o abandono de terras agropecuarias, as plantacións ilegais, o caos na ordenación do monte, os lumes… Doce anos sen moveren un dedo. E agora…Non era crible… Así, de súpeto, cal conversión de Saulo en Pablo.
Pero debiamos apostar, e anque todo apuntaba cara ó forestal e a súa ampliación sen medida, nós tiñamos que garda-las acusacións de bolchevismo, expropiadores e demais lindezas coas que se nos agasallara no 2009, e sumar, tentar negociar e facer vale-lo sentido común diante dos intereses que se traslucían no texto da proposición.
Propostas
E na Ponencia onde se debaten e negocian as emendas tentamos que nos artigos principais figurase con claridade a prioridade de acción mobilizadora a prol das terras agropecuarias para aumenta-la base territorial das explotacións xa existentes, intensivas e familiares. Non foi posible. Admitiusenos unha emenda no artigo 3, un apartado que reza así:
Proporcionar ferramentas orientadas a acadar unha superficie agraria útil próxima ás medias nacional e europea, procurando que os terreos aptos para o cultivo de producións ligadas ás explotacións agrogandeiras sexan obxecto de recuperación prioritaria para o dito uso agrogandeiro.
E claro, chegados á disposición derradeira terceira vimo-la desfeita e a proba incuestionable das intencións ocultas da lei. Porque nesta disposición éntrase a saco na Lei de Montes, suprimindo e reformando aqueles artigos e apartados que son (eran) garantes do uso agropecuario da terra con aptitudes para tal uso, deixándoa sen protección para a súa posible forestación.
E así, todo ía cadrando e o colorido pasaba de verde intenso de esperanza a un verde oliva de eucalipto.
Moratoria do eucalipto
E a emenda 105 do PP? Porque a todo isto a sorpresa foi cando o Grupo parlamentario Popular, autor en teoría desta proposición, achega 131 emendas ó seu propio texto, mes e pouco despois da súa presentación en público. E no medio delas estaba a 105. Unha aparente moratoria do eucalipto que ten máis excepcións ca aplicacións. Abre as portas á posibilidade de trasladar dereitos de plantación a outras superficies, cal se de viñedo se tratase e sobre todo provoca o efecto chamada que desata este frenesí plantador destes días, coma se fose acabarse o mundo.
Desde o BNG ofrecemos unha alternativa, confeso que co dedo no narís, pero chegamos a crer que había que dar pasos de entendemento e ofertamos: Unha norma que contemplase a ordenación das masas de eucalipto, que entraría inmediatamente en vigor unha vez rematada a moratoria. Unha lei de ordenación das plantacións de eucalipto que, entre outras cuestións, plantexase:
-A retirada das masas de eucalipto das zonas agrarias, agrícolas, zonas de protección medioambiental e bosques de ribeira.
-A retirada dos eucaliptos das masas forestais mixtas.
-Que as zonas onde se permitise plantar eucaliptos, terían que estar ordenadas, xestionadas e adicar parte da superficie a producir madeira de calidade e con diversas aplicacións.
Disque se valorou pero non recibimos máis contestación có seu rexeitamento.
Houbo si, transaccións máis ou menos interesantes que melloraron o texto, pero a lei renuncia a ser esa lei prioritaria para o País. Esa lei que debera ser soporte principal dunha acción conxunta de goberno coa participación doutras consellerías. Unha acción conxunta de goberno competentemente orzamentada, e guía dun Plan de Desenvolvemento e Xestión Integral do Territorio modelando un rural produtivo en alimentos e produtos de primeira necesidade, con transformación incluída para asegura-lo valor engadido. Darlle a volta ó que modernamente se chama Galicia Vaciada e nós denominamos tristeza e soedade.
E nesa necesaria acción de goberno a prol do País, o ben máis valioso son as terras que presenten unha maior aptitude para o cultivo agrícola ou gandeiro destinado á produción alimentaria.
Esa necesaria acción de goberno que terá que regresar ó diálogo do home co territorio e reasenta-las explotacións familiares a pé de leira, na xestión directa, na pequena transformación, nas explotacións ben dimensionadas acordes coa actividade a desenvolver. Porque de non ser así, este territorio en abandono acabará por comernos… Nos nosos tellados nace a herba con naturalidade.
Para o PP a emerxencia está nas esixencias cada vez maiores dos sectores forestalistas, que son quen marcan as prioridades da Consellería, atendendo a intereses e negocios que van máis aló do razoable.
Estamos a prol da silvicultura e dunha forestación razoable, pero non a consideramos nin prioritaria nin motor de desenvolvemento rural
E debe quedar moi claro que non puxemos ningunha obxeción ós polígonos forestais nin ós polígonos cortalumes. No seu tempo e coma resposta ós brutais lumes do 2006, ideamos as unidades de xestión forestal, as UXFOR para ordenar e defende-los núcleos de poboación da ameaza incendiaria e que se revelaron tamén coma unha figura de xestión conxunta ideal.
Esta figura de xestión conxunta conseguía supera-la atomización da propiedade, ordena-lo territorio e asentar un monte multifuncional e sostible. Un monte posible, participativo… Non conviña ós que buscan no caos forestal o seu proveito… E inventaron as Sofor, que quedaron no papel.
No BNG estamos pois a prol da silvicultura e dunha forestación razoable. So que non a consideramos nin prioritaria nin motor do desenvolvemento económico do rural.
No texto desta proposición non hai ningunha alusión á reposición da legalidade nas terras agropecuarias forestadas ilegalmente. Son miles de hectáreas en aumento continuo e non se move nin un dedo, e todos/as miran para outro lado… Será esta lei unha amnistía a estas infraccións?
Desorballando os prados coma sono
o tempo vai de Parga a Pastoriza
Vaise enterrando suco a suco o outono
un paso adiante e outro atrás, Galiza. (Penélope, Díaz Castro)
Estaremos vixiantes para que esta lei non promova eses negocios, eses emprendementos, esas operacións que conducen a unha capitalización do agrogandeiro para converter a nosa singularidade de poboamento e territorio nun modelo intensivo, explotado por macroempresas…
Será esta a lei o complemento pertinente á macrooperación eólica?
Seica non abondaba coa Covid.

Mini Rivas