“Un modo de vida”: O filme que homenaxea á apicultura de Galicia

O director e a protagonista da galardoada ‘O que arde’ participan nesta produción que ten por fin homenaxear a apicultura coma oficio e valorizar un produto de calidade diferenciada como é o Mel de Galicia con IXP

O Consello Regulador da IXP Mel de Galicia presentou este xoves no Pazo de Quián (Sergude – Boqueixón) a peza audiovisual “Un modo de vida”, dirixida polo premiado director galego Óliver Laxe e e protagonizada pola actriz Benedicta Sánchez.

Con esta curta búscase honrar un modo de vida, como é a apicultura tradicional en Galicia, e dignificar este oficio tradicional, á vez que se valoriza un produto que compite en calidade a nivel internacional como é o mel galego. 

Pode sorprender que o artífice da premiada “O que arde” aceptase dirixir unha peza promocional, xa que non ten por norma facer publicidade. Pero como el mesmo explicou “propóñenme cousas pero nunca estou interesado nas marcas que me plantexan, nunca atopo identificación con elas. Facer publicidade é claramente mais rendible que facer películas de autos, pero o meu tempo e as miñas capacidades non me pertencen a min, son en parte unha responsabilidade que teño na comunidade á que pertenzo. A cooperativa de apicultores Mel de Galicia e o seu mel evocaba moitas cousas que para min eran clave: ser un produto bo para a saúde, estar feito de maneira artesanal, e que dignifique a vida de gandeiros galegos e a vertebración do noso país, do noso rural”.

Do mesmo xeito, Óliver Laxe tamén apuntaba ao ambiente creativo e de confianza que se deu no transcurso da rodaxe, dirixindo as súas palabras tanto ao consello regulador como á Benedicta Sánchez, actriz protagonista coa que traballou previamente na súa longametraxe. “As xestoras de Mel de Galicia déronnos confianza e liberdade creativa total, o cal é un luxo nestes días de algoritmos e mercaderes. Un exemplo diso é que a duración da peza é mais longo do normal para redes sociais. Porque nós buscamos contar algo, non buscamos impactar nin tratar ao que vexa esta peza como unha estatística, como un mero consumidor. Buscamos que a xente se sinta identificada co que conta Benedicta na peza: o respecto da liñaxe, da tradición, da transmisión de valores de pais a fillos. O querer facer ben as cousas, sen esperar por un resultado, sen medos, co corazón. Isto era moi importante para nós, que os valores fosen antónimos dese Galicia Cantidade que desgraciadamente vai progresando pouco en Galicia, esa busca do rédito inmediato” sinalou.

Ao que engadiu algunhas notas acerca do escenario natural que serve de marco a esta peza audiovisual: “Era tamén importante para min filmalo na miña casa, nos Ancares, que de algunha maneira é unha montaña que garda moi ben as esencias galegas. Filmar a súa paisaxe, o seu patrimonio” destacou.

A estrea desta produción contou coa intervención de Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, Óliver Laxe -vía streaming, posto que non se atopaba en España- e Benedicta Sánchez; así como coa presenza institucional do director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria, José Luis Cabarcos Corral, e o alcalde do municipio de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.

‘Un modo de vida’ estará visible a través da canle de Youtube da IXP Mel de Galicia:
https://youtu.be/vUicbRE6jvU

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información