Un milleiro de produtores, beneficiarios do Plan Renove de maquinaria

Esgotados os 8 millóns de euros desta convocatoria, que dirixiu os incentivos á adquisición de maquinaria adaptada ás esixencias ambientais

As cisternas con sistemas de inxectores para enterrar o xurro foron dos aparellos máis comprados

As cisternas con sistemas de inxectores para enterrar o xurro foron algúns dos aparellos máis mercados

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) estima que preto dun milleiro de agricultores e gandeiros beneficiaranse do Plan Renove 2020, xa que a práctica totalidade das solicitudes presentadas serán aceptadas.

Esta semana finalizou o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria deste ano e, en total, presentáronse 1.025 demandas de axuda que cubrirán a totalidade do orzamento destinado a esta liña de axudas, que foi dotada este ano con oito millóns de euros, un 60 % máis que en convocatorias anteriores.

A convocatoria, dotada cun 60% máis de orzamento, desdobrouse en dúas liñas (tractores e outras máquinas), o que permitiu optimizar os fondos dispoñibles

O plan propiciou un investimento total en compra de nova maquinaria de máis de 32 millóns de euros e a subvención alcanza, aproximadamente, un 25% do gasto total realizado polos agricultores e gandeiros.

Maquinaria máis eficiente

A boa acollida da convocatoria, que beneficiará a uns 1.000 agricultores, propiciará a incorporación ao parque de maquinaria agrícola de unidades modernas, dotadas das últimas tecnoloxías, máis respectuosas co medio ambiente, máis eficaces e máis seguras.

O Plan Renove deste ano introduciu unha novidade destacada con respecto aos anteriores: a diferenciación en dúas liñas de investimento, unha para tractores e outra para o resto de maquinaria.

Desta maneira deuse solución ao problema que xeraban os prazos de adquisición das novas máquinas, máis longos no caso dos tractores. Ao ser menores e máis curtos os trámites de adquisición de pequena maquinaria, quen a compraba podía presentar as solicitudes antes que quen compraba tractores e concorrían con vantaxe fronte a estes últimos, xa que as axudas concédense por orde de entrada da solicitude.

Os fondos non distribuídos na liña de tractores pasarán á do resto de maquinaria

Nesta ocasión, ademais, o número de novas adquisicións de tractores prevíase maior dada a eliminación, por razóns de seguridade, da compra de segunda man de tractores de máis de 40 anos sen estrutura de protección homologada.

A diferenciación de ámbalas liñas e o aumento do orzamento permitiu multiplicar por 15, con respecto á convocatoria de 2019, o número de compradores de tractores que se benefician do plan.

Doutra banda, os fondos non consumidos na liña de tractores empregaranse, tal e como se previu na convocatoria, para cubrir a demanda da liña de resto de maquinaria que quedou en lista de espera.

Vantaxes ambientais

O Ministerio destaca que os novos tractores conseguen unha redución de entre o 15% e o 20% de emisións de dióxido de carbono e ata un 94% de partículas respecto a un de antigüidade superior a 15 anos.

Ademais, co plan conseguirase reforzar a seguridade, xa que a contía da subvención increméntase se o tractor achatarrado non dispoñía de ningunha estrutura de protección homologada no momento de entrada en vigor da obrigatoriedade de contar con ela.

Equipos de inxección de xurro, abonadoras e sulfatadoras de última xeración e sementadoras directas foron algúns dos aparellos máis adquiridos

Pola súa banda, as cisternas de xurros con aplicador localizado reducen significativamente as emisións de amoníaco ao medio ambiente fronte a sistemas como as de abanico ou canóns; os novos equipos de aplicación de fitosanitarios garanten unha distribución óptima do produto; os modelos de abonadoras elexibles para o Renove deben ser deseñados para garantir a repartición homoxénea dos abonos; e, por último, as sementadoras directas son a ferramenta máis importante para levar a cabo unha agricultura de conservación que reduce os laboreos no campo, as emisións de CO2, aumenta o contido de materia orgánica do chan e prevén a súa erosión.

A distribución provisional das axudas é a seguinte:

Microsoft Word - 20.09.18 final plan renove.doc

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información