O barómetro de xullo de Provacuno, a organización interprofesional de carne de vacún, describe un mercado estancado, cunha tendencia á baixa nos prezos que semella moderarse nas últimas semanas. A principal debilidade radicou en que os matadeiros mantiñan elevados volumes de carne nas cámaras, o que os obrigou a sucesivas rebaixas, na competencia por colocar o produto nos supermercados. Esta situación afectou a toda a canal dos animais, pero en menor medida ás pezas de maior valor, como os lomos.
A mala situacion de mercado trasladouse ó campo e derivou en que as compras – vendas de vacún de abasto en orixe se fixesen a prezos baixos, con frecuencia por baixo das referencias oficiais.
En consecuencia, as perdas de rendibilidade frearon nos cebadeiros as compras de reposición, nun contexto de cereais a prezos altos. A lenta saída de animais cara matadeiro mantivo niveis de ocupación alto nos cebadeiros, o que reduciu as necesidades de reposición.
A demanda do turismo na costa non compensou a perda de vendas no interior. As altas temperaturas, as vacacións e os peches estivais de comedores escolares e carnicerías, factores que lastran o verán
Por outra banda, os animais que saían cara matadeiro compráranse en recría a prezos altos, o que causou un desaxuste de rendibilidade nos cebadeiros. O periodo vacacional e as dificultades operativas derivadas da alta temperatura foron outro factor desincentivador, se ben as grandes integradoras e as empresas con contratos de suministro mantiveron a actividade para atender os compromisos.
Durante maio, os matadeiros sacrificaron 187.000 cabezas de vacún (-9 % en comparación co mesmo mes de 2025). Esa baixada só se compensou parcialmente polo aumento de peso das canais (+2,2 %).
En maio baixaron os sacrificios de vacún en matadeiro un 9%
E é que o mercado de carne de vacún en conxunto non está funcionando no verán como se esperaba. É certo que nas zonas costeiras a demanda do turismo tirou do consumo, pero no interior peninsular a situación foi a contraria por factores como as altas temperaturas, as vacacións ou o peche estival de comedores escolares e de carnicerías tradicionais.
Evolución de prezos
Na análise por categorías, o informe de Provacuno sinala que os machos cruzados concentraron as maiores depreciacións, pola elevada demanda e a presenza no mercado de exemplares pesados. Na clasificación U (extra), por exemplo, a canal tivo en xullo unha cotización de 6,49 euros / Kg. en pesos intermedios, cunha baixada de 47 céntimos con respecto a xuño.
Cómpre ter en conta que estas cifras se refiren ó vacún mediano de abasto de ámbito estatal, que en xeral se comercializa con idades e pesos maiores que os da IXP Ternera Gallega, que de xeito tradicional viña presentando un prezo diferencial polas súas características singulares.
No caso das femias cruzadas, o informe de Provacuno sinala que as lixeiras e de pesos intermedios tiveron maior resistencia e comezaron a recuperarse a final de mes, en tanto as pesadas sufriron máis a depreciación. Así, a categoría U de pesos intermedios mantívose en xullo en 7,17 euros / Kg., cunha pequena baixada de 9 céntimos en relación a xuño.
Os becerros cebados frisóns, pola súa banda, perderon 40 céntimos no mes de xullo, quedando en 6,06 euros / Kg. canal a clasificación U de pesos intermedios, ante a necesidade de manter prezos competitivos fronte ós animais cruzados.
No resto de Europa, houbo tamén un descenso xeneralizado de prezos, salvo en Irlanda e Reino Unido, que acusaron a falta de oferta e tiveron unha tendencia alcista de prezos.
A decisión da Comisión Europea de bloquear as importacións brasileñas de carne por motivos sanitarios espérase que sexa positiva para o mercado a partir de setembro
De cara a setembro, a decisión da Comisión Europea de suspender provisionalmente a importación de carne brasileña por motivos sanitarios (uso de antibióticos) xera expectativas de mellora no mercado interno da UE, así como preocupación en Gran Bretaña, que podería enfrontar un aumento das exportacións brasileñas.
Mercado exterior e embarques de gando vivo
No ámbito exterior, o balance das exportacións de carne foi positivo, pois exportáronse máis de 18.400 toneladas (frescas e conxeladas) fronte a unhas 13.800 importadas. A nota negativa continúa nas exportacións de gando vivo, pois aínda que en maio comezaron a recuperarse embarques de gando, foi nun volume insuficiente para aliviar o mercado.
En maio, as exportacións de gando vivo amosaron un inicio de reactivación, tralo parón provocado polas restriccións derivadas da dermatose nodular contaxiosa. Ese mes exportáronse 1.974 animais, fronte ás 8.600 cabezas de maio do ano pasado. Entre xaneiro e maio, o total de animais exportados foi de 2.000, fronte ós 38.185 do mesmo periodo do 2025.
Nos primeiros 5 meses de 2025 exportáranse 38.000 animais vivos en barco. Este ano no mesmo periodo só 2.000
Líbano foi este ano o principal destino de exportación, con máis de 1.800 cabezas. Se se compara a situación co mesmo periodo do ano pasado, Marruecos lideraba as importacións españolas, con máis de 27.000 animais, seguido de Libano, con máis de 8.000, e de Libia, con máis de 2.000.
Tendencias na UE: baixa a cabana gandeira
Un recente informe sobre perspectivas dos mercados de carne, divulgado este verán pola Comisión Europea, destaca que a oferta de carne de vacún descendeu un 4,1% no 2025 no conxunto da UE, unha tendencia que se mantivo en xaneiro e febreiro deste ano (- 4%). A cuestión é que durante o 2025 se sacrificaron menos animais (-6%), algo que se compensou só en parte cun maior peso medio das canais.
O descenso estrutural da cabaña de vacas na UE espérase que se manteña no 2026 (-2,2% no conxunto do ano) e no 2027, afectando á oferta de carne.
Malia reducción da oferta, os prezos evolucionaron á baixa, se ben espérase unha certa recuperación na segunda parte do ano. Esa baixada de prezos interprétase como un desvío da demanda cara a carnes máis económicas.
Tamén se prevé que a escasez de oferta, xunto a uns aínda elevados prezos, afecten ás exportacións de carne (-12% no global do ano) e de gando vivo (-18%), un mercado este último no que tamén inflúen as tensións políticas en Oriente Medio.
Pola contra, espérase que as importacións de carne aumenten tralo acordo UE – Mercosur, se ben o veto á a exportación de todo tipo de carnes desde Brasil a Europa a partir do 3 de setembro pode afectar a esa previsión.
Galego









Control OJD