
Diego e Emilio Rodríguez nun dos seus viñedos
Don Bernardino obtivo o premio Best in Show para o seu viño La Capona, 100% Mencía, o que o sitúa entre os 50 mellores viños do mundo e entre os cinco mellores no ámbito nacional. “É un novo proxecto no que vimos traballando desde hai uns anos, nunha finca que só produce 1.000 botellas” -indica o CEO da empresa, Diego Rodríguez-.
Ademais, Don Bernardino conseguiu situar tres fincas de Amandi por riba dos 90 puntos. Os membros do xurado destacaron o extraordinario esforzo que hai detrás destes viños, sinalando: “Calquera que teña visto fotografías dos viñedos de granito extraordinariamente escarpados da Ribeira Sacra abrirá esta botella con reverencia: é probable que se teña elaborado con máis suor, esforzo e músculo que calquera outro viño da nosa selección Best in Show”.
Os Decanter World Wine Awards son os premios máis relevantes e influentes neste campo. O xurado, que realiza un rigoroso proceso de avaliación mediante unha cata a cegas, reúne aos 250 expertos máis prestixiosos do ámbito internacional. Nesta 22ª edición, que se acaba de celebrar en Londres, o xurado estivo integrado por 72 Masters of Wine e 22 Master Sommeliers -a maior cantidade deste tipo de expertos na historia do concurso-, xunto a recoñecidos críticos, xornalistas, catadores galardoados e compradores de viño. Avaliaron un total de 21.244 viños, procedentes de 57 países.
APOIO DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” ten en marcha a súa cuarta edición, na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación.
As empresas beneficiarias do programa están a participar nun programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Entre estas compañías atópase Don Bernardino, unha adega familiar situada no concello lucense de Sober, con máis de 30 anos de traxectoria, especializada na elaboración de viños tintos e brancos de finca baixo a subzona Amandi, dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
O Parque Tecnolóxico de Galicia é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación mediante o seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.