A treboada caída o domingo resultou fatal para unha gandería de Rodeiro. 22 vacas morreron e cinco quedaron danadas polo efecto dun lóstrego cando estaban a ser trasladadas dende o prado para a corte.
O suceso produciuse no lugar de Quintá, parroquia de Santa Mariña, preto da estrada que une Rodeiro e Agolada. As vacas mortas eran todas de raza frisoa e estaban en produción. Dese xeito, a gandería quedou sen animais para seguir facendo entregas de leite.
Malia o acontecido, pódese afirmar que houbo sorte, xa que a propietaria da explotación resultou ilesa aínda que estaba na parte traseira do rabaño. O feito de levar botas de goma salvoulle a vida. O seu marido, que ía nun tractor guíando o rabaño, tamén resultou ileso. Con todo, ámbolos dous quedaron moi impactados por ver como as vacas morreron en cuestión de segundos.
A gandería forma parte da cooperativa O Rodo. O seu presidente, Jesús Montes, consultado sobre o suceso, recoñece que os seguros agrarios contemplan indemnizacións pola morte de animais en circunstancias meteorolóxicas como as acaecidas neste caso, pero subliña que será difícil que a cobertura sexa suficiente para repoñer as vacas mortas, tendo en conta o actual prezo das xovencas e incluso dos animais de segundo e terceiro parto. Montes quixo destacar o feito de que os gandeiros resultaran ilesos.