Un informe advirte de que Altri verterá 62 toneladas diarias de químicos ó Ulla

O Consello da Cultura Galega elabora unha publicación interdisciplinar que analiza os potenciais impactos da planta de celulosa e fibra téxtil proxectada en Palas de Rei

Un informe advirte de que Altri verterá 62 toneladas diarias de químicos ó Ulla

O proxecto de Altri en Palas de Rei protagoniza un informe académico, coordinado polo Consello da Cultura Galega, que analiza os posibles impactos ambientais, na saúde e sociais que podería ocasionar a planta de celulosa e fibra téxtil. Un dos focos do informe sitúase no impacto da planta sobre a conca do río Ulla, á que Altri vertería 62 toneladas diarias de compostos químicos, segundo advirte o documento.

En detalle, os vertidos estarían integrados por 60 toneladas diarias de sulfatos, 1,5 toneladas de sólidos suspendidos totais, 400 Kg. de nitróxeno e 100 Kg. de fósforo. “Anualmente serían 22.300 toneladas”, precisa o informe, que considera que hai que ter en conta o impacto dun vertido de tal dimensión tanto no encoro de Portodemouros como augas abaixo, en toda a conca do Ulla e na ría de Arousa.

No que respecta a Portodemouros, o informe lembra que se trata dun encoro que no verán xa presenta un estado deficiente, por mor da contaminación difusa e a proliferación de cianobacterias.

“Así, o novo contexto que se abre é incerto e xorden moitas incógnitas de difícil resposta polo imprevisible dos acontecementos, pero que apuntan a un grave problema de saúde pública”, valórase.

En relación ós cálculos de Altri, que apuntan a que a planta cumpriría cos límites de vertidos marcados na normativa ambiental, o informe é menos optimista.

O documento do Consello da Cultura Galega considera que os cálculos ambientais de Altri están baseados nun funcionamento óptimo dos seus sistemas de depuración, “o que probablemente non vaia ser así”, e nunha modelización de impactos que “se fixo á carta”, valórase.

O informe, en concreto, cuestiona que a disolución dos sulfatos e dos químicos cumpra os mínimos legais en momentos de estiaxe e caudal baixo. Tamén sostén que o impacto dos vertidos na temperatura do Ulla será maior ós límites legais (3º) nalgunhas estacións do ano, malia que o informe fale dun aumento medio de 2º da temperatura do río.

Saúde pública
O documento do Consello da Cultura Galega pon en cuestión tamén as emisións ó aire da planta de Palas de Rei, pois considera que non existen “investigacións obxectivas e concretas que permitan proxectar un modelo rigoroso do impacto na saúde da exposición aos contaminantes que emitirá a factoría”.

O informe plantea a hipótese dun posible impacto das emisións nun aumento de enfermidades crónicas e graves no entorno.

Balance agro – forestal
Sobre o impacto da planta a nivel agrario e forestal, o informe considera que se producirán 2 fenómenos: o aumento da plantación de eucalipto en monte e unha maior ocupación de terras agrarias con eucalipto.

Cómpre matizar que este cambio de uso de terras agrarias a forestais é ilegal desde hai décadas en Galicia, en tanto o aumento da superficie de eucalipto está, a nivel legal, freado pola moratoria do eucalipto, vixente ata decembro do 2025, á espera dunha nova regulación.

O documento, en calquera caso, aventura que a plantación de eucalipto aumentaría en Galicia entre 80.000 e 190.000 hectáreas. Son cifras baralladas en base á demanda e consumo de eucalipto a nivel de toda España e sen ter en conta os últimos datos de existencias do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

Desde o sector forestal galego fanse outros cálculos e hai máis optimismo sobre a posibilidade de abastecer a unha hipotética nova planta de transformación.

En canto a alternativas forestais ou industriais, de localización ou de vías de transformación para a cadea do eucalipto, o documento non as plantexa. Así as cousas, desde o sector forestal acollen con precaución e escepticismo este informe, pois percíbese que o Consello da Cultura Galega mantén unha liña de oposición á actividade forestal como tal, con precedentes como o informe do eucalipto publicado o pasado ano.

Turismo e agroalimentación
Outro dos focos do informe é a cuestión turística, co Camiño de Santiago como protagonista. O documento considera que a planta degradaría a imaxe turística de Galicia e dos produtos agroalimentarios da comarca da Ulloa.

Pode consultarse a publicación neste enlace.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información