“Un incremento de tres céntimos no prezo final do leite aliviaría o problema das tres partes: gandeiros, industrias e distribución”

O sector valora como un paso adiante o estudo de custos de produción na cadea de valor láctea e esixen ao Ministerio que, en base ao informe que él mesmo encargou, faga cumprir, de cara á actual renovación de contratos, a lexislación aprobada fai máis dun ano

Vacas en produción.

Pulsamos a opinión dos distintos elos da cadea de valor do leite a respecto do informe sobre custos de produción encargado polo Ministerio de Agricultura e que pón sobre a mesa disfuncións importantes na conformación de prezos tanto a nivel de campo como de industria, evidenciando un incumprimento da Lei da Cadea Agroalimentaria.

Había moita expectación nas últimas semanas por coñecer os pormenores deste estudo encargado polo Observatorio da Cadea Alimentaria sobre o funcionamento do mercado lácteo e semella que a súa publicación este xoves por parte de Campo Galego non deixou a ninguén indiferente: as asociacións e organizacións agrarias agárraranse a el para esixir unha suba no prezo de renovación dos contratos que se están a negociar, na súa gran maioría, neste momento, mentres as industrias prefiren gardar silencio e o Ministerio, que ten a obriga de vixiar e sancionar as prácticas ilegais a través da AICA, non desvela as medidas a adoptar baixo o pretexto de tratarse “dun procedemento que aínda está en tramitación”.

Sexa como for, ningunha das partes implicadas se atreve abertamente a poñer en dúbida os datos que recolle o estudo ou a cuestionar a realidade que debuxa pero, unha vez máis, chegar a un punto de encontro aceptado por todos non será doado, o mesmo que acontece á hora de fixar o prezo mínimo de compra do leite en orixe.

Agromuralla: “Resolver o problema está na man da distribución, que é quen fixa o prezo final do leite”

“Este estudo vén a darnos a razón aos produtores, que levamos anos denunciando os baixos prezos pagados en orixe. Agora demóstrase con datos que os gandeiros somos a parte máis feble da cadea e estamos, en moitos casos, indefensos fronte ás industrias e ás cadeas de distribución”, asegura Roberto López, presidente de Agromuralla, que entende que a solución pasa por unha relación de prezos “xusta para todos”.

“Como gandeiros podemos entender que actualmente as marxes tamén son estreitas na industria e a distribución, pero un incremento de só 3 céntimos en litro no prezo final de venda do leite nos supermercados resolvería o problema das tres partes, subindo un céntimo en cada chanzo da cadea. E adoptar iso está na man da distribución, que é quen fixa o prezo final do leite”, engade Roberto.

Hai que esixirlle ás Administracións que fagan cumprir a lei, que non esperen a que nos sigamos arruinando

Para a asociación de gandeiros “neste momento os contratos non cumpren realmente co establecido na lexislación, porque os prezos fixados non cubren custos”, polo que desde Agromuralla esixen ás Administracións (Xunta e Ministerio) “que fagan cumprir a lei”. “O Ministerio saca unha lei que di que non se poden pagar prezos en orixe inferiores aos custos de produción e solicita un informe para coñecer a realidade e saber se iso e así, un informe que corrobora que a lei non se cumpre pero despois non se fai nada para corrixir a situación”, critica Roberto.

“Ponse en evidencia o pouco interese que teñen desde o Ministerio en resolver o problema que temos os produtores a día de hoxe, sobre todo tendo en conta que estamos en plena época de renovación de contratos, porque tendo isto desde o mes de decembro sobre a mesa non adoptaron ningunha medida para corrixir as disfuncións da cadea que indica o estudo que se producen. Aos produtores ténsenos sempre poco en conta nas decisións e unha vez que aproban a modificación da lei non a aplican. Se deciden incluir unha arma deste tipo, como é a cláusula sobre os custos de produción, que a usen, que non esperen a que nos sigamos arruinando”, reclama.

UUAA: “A situación empeorou coa suba dos pensos, os custos encarecéronse xa máis dun céntimo e medio en litro”

Javier Iglesias, de Unións Agrarias, afirma que “o que recolle o informe do Observatorio da Cadea Alimentaria é o que vimos dicindo desde fai moito tempo, que a cadea de valor constrúese de arriba a abaixo, e o último eslabón, os produtores, non ven recompensado na medida do que deberían o seu esforzo. Iso é o que vén a ratificar este estudo”, di.

Desde UUAA fan fincapé tamén en que “o estudo está feito con datos do 2020 e estamos ante unha suba nos pensos moi significativa a que se ten producido desde o mes de xaneiro, de 30 euros por tonelada nun penso típico de vacún de leite”. “Só iso representa entre 1,4 e 1,6 céntimos por litro de leite, ao que lle habería que engadir o incremento de custos de alimentación da recría”, calculan.

É necesario modificar algúns elementos da Lei da Cadea que non están claros e permiten subterfuxios á industria

Javier considera que “os gandeiros non teñen capacidade real de negociación” malia aos cambios normativos e defende que “é necesario modificar algúns elementos da Lei da Cadea que non están claros e algúns subterfuxios que permiten á industria, cunha simple sinatura, darlle validez legal a uns contratos que non teñen en conta para nada os custos de produción”.

“As materias primas subiron e os contratos estanse a renovar nos mesmos termos que o ano pasado, nunha situación ademais de mercado que se recuperou rápido e está evolucionando moi favorablemente, porque o consumo interno non se veu afectado de forma significativa pese ao descenso de turistas e a nivel internacional as cotizacións dos produtos lácteos están á alza. Pero desde a industria non se quere trasladar aos contratos esta boa situación do mercado lácteo”, denuncia.

SLG: “Os gandeiros non se van de vacacións cos cartos da PAC, están destinando eses cartos a cubrir perdas”

Xulio Fernández, responsable do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, destaca, á vista dos datos económicos que amosa o estudo, a importancia de manter as axudas da PAC no vindeiro periodo 2023-2027 para garantir a supervivencia das explotacións lácteas. “Queda perfectisimamente claro que as axudas da PAC están a ser destinadas a cubrir o que os prezos do leite non chegan a cubrir. Os gandeiros non se van de vacacións cos cartos da PAC, están destinando eses cartos a cubrir perdas. E se no próximo periodo da PAC hai unha baixada de fondos, iso suporá o peche de moitísimas explotacións. As granxas sostibéronse até agora a base de PAC e a base de lombo, de dedicarlle moitísimas horas, pero se as axudas caen só o traballo non será dabondo”, razoa. 

Neste momento as axudas da PAC supoñen arredor do 10% dos ingresos totais das explotacións lácteas galegas

Xulio lembra que o prezo do leite en Galicia está un céntimo por debaixo da media española e que o estudo non ten en conta o valor da man de obra de apoio familiar, que aforra custos ás explotacións e que está sen cuantificar e entende que “46 explotacións é unha mostra pequena a nivel de todo o Estado”, polo que pide que se amplíe o estudo “cunha mostra máis grande para que se recollan todo tipo de explotacións, porque unhas serán rendibles con estes custos pero outro tipo de ganderías para nada”, asegura.

En todo caso, defende, “que se aplique o informe, xa que está na AICA e foi dela de quen partiu, que non esperen máis, que o fagan cumprir” nun momento, alerta, “no que se están poñendo aínda máis difíciles as condicións de renovación dos contratos, con baixadas de entre medio céntimo e un céntimo”. E solicita, “que manden revisar todos os contratos e se rescindan os que non cumpran coa lexislación, porque con este informe na man a maioría xa non cumpren”, di.

Esiximos que manden revisar todos os contratos e se rescindan os que non cumpran coa lexislación, porque con este informe na man a maioría xa non cumpren

Desde o SLG tamén poñen en cuestión os datos relativos ás contas das industrias, que segundo o informe perderían, ao igual que as ganderías, case un céntimo de euro por litro de leite procesado. “Non nos cadra que todos os eslabóns perdan. Pode que as marxes industriais no envasado de leite líquido sexan máis baixas, pero nos queixos e noutros derivados que están en auxe non perden cartos, aí as marxes son maiores e iso tamén se fai co mesmo leite das explotacións, a materia prima é a mesma. Por iso non se pode calcular, no caso da industria, só o beneficio que lle saca ao leite UHT, senón do conxunto de produtos que saen do leite. Nós non queremos que a industria perda cartos e se iso ocorre hai que corrixilo, pero o que non pode ser é que se a industria perde no leite lle traslade esa perda ao eslabón de abaixo”, indica. No caso dos supermercados, opina, “a distribución saca do leite outro rendemento e outro beneficio na balanza total da tenda, porque a compra de leite leva ao cliente a comprar outros produtos, e non ter iso en conta nos números é xogar a facer trampas”.

ASAGA: “As industrias obrigan aos gandeiros a asinar contratos que saben que son abusivos”

“As organizacións agrarias levabamos moito tempo dicindo que os custos de produción estaban por enriba dos prezos que recibían os gandeiros polo seu leite, polo menos en Galicia, unha situación que vén a demostrar este estudo con datos concretos”, di Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia.

“Durante anos pedimos que a Lei da Cadea Alimentaria se modificase para que non houbese ningún contrato asinado por debaixo do prezo de custo. Pero a pesar de que a lei chegou a modificarse, aínda así, as industrias lácteas levan anos facendo asinar contratos aos gandeiros que saben que son abusivos por estar por debaixo dos custos de produción”, asegura.

O principal responsable do problema actual é o Ministerio de Agricultura, que non se esforzou para facer que as empresas cumprisen coas directrices na nova Lei da Cadea Alimentaria

Para ASAGA, “o principal responsable do problema actual é o Ministerio de Agricultura, que non se esforzou para facer que as empresas cumprisen coas directrices na nova Lei da Cadea Alimentaria”, malia que a nova normativa outorga potestade á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), como entidade que ten a capacidade de investigar se hai contratos que incumpren a lei, de intervir en contra de posicións de abuso ou mala fe.

Ministerio e industrias gardan silencio

Fronte ao sector produtor, que alza a voz unanimemente pedindo á Administración que actúe, en base aos datos extraídos do informe que ela mesma solicitou, desde o Ministerio prefiren gardar silencio e non aclarar nin prazos nin medidas a adoptar. “De momento non imos realizar ningunha valoración, ao tratarse dun procedemento que aínda está en tramitación. Unha vez que estea publicado, poderemos facer algún comentario”, respostan desde o departamento que dirixe Luis Planas ante a solicitude de información de Campo Galego a respecto da cronoloxía temporal para a aprobación definitiva do estudo e a adopción de posibles medidas para corrixir os desequilibrios na cadea láctea que se evidencian.

Por cada litro de leite envasado, as industrias obteñen case 7 céntimos pola venda de nata e outros produtos, segundo o estudo

Tampouco desde a FENIL, a federación de industrias lácteas, queren opinar, malia que os datos económicos para a elaboración do informe relativos á industrialización do leite partiron da propia FENIL.”Nada que engadir de momento, é un borrador, polo que preferimos non entrar a valorar o estudo ata que haxa unha versión definitiva”, din. Segundo diversas fontes que participan no Observatorio da Cadea Alimentaria, a FENIL non está dacordo en como se calculan os custos e ingresos das granxas, dado que as industrias querían que se incluíran as axudas que reciben as explotacións, por exemplo os fondos da PAC, que sen embargo finalmente non se teñen en conta na análise económica da conta de resultados das ganderías.

SKM_C55821031018100

Á espera da ferramenta da Xunta para o cálculo de custos das granxas galegas

Os últimos datos feitos públicos pola Xunta de Galicia sobre os custos de produción a nivel autonómico son do 2015 pero a Consellería pretende aportar unha ferramenta de actualización continua que permita non só chegar a unha estimación media do que custa producir un litro de leite en Galicia senón tamén facer o cálculo individualizado para cada explotación.

“A Consellería do Medio Rural está a ultimar, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, un programa informático para que o gandeiro poida calcular os seus custos de produción e facer estudos comparativos con respecto ao sector, unha aplicación que permitirá implantar un sistema de estudo de custos de produción a nivel galego”, indican no departamento que dirixe José González.

A Xunta non ten capacidade para negociar prezos, xa que iría en contra da normativa advertida polas autoridades da Competencia, indican desde a Consellería

Esta aplicación, que se encontra xa nun estado moi avanzado, estará dispoñible na páxina da Consellería e permitirá aos titulares das explotacións levar de forma sinxela a contabilidade das súas granxas, cargando no programa os ingresos pola venda de leite, xatos ou vacas de desvelle, así como as axudas da PAC, e confrontalos cos gastos da explotación, para chegar deste xeito ao cálculo do prezo de equilibrio, é dicir, o prezo do leite que tería que recibir ese gandeiro concreto para obter un salario digno polo seu traballo.

Ese prezo indicativo sería unha referencia á hora de negociar o contrato coa industria, pero non sería de obrigado cumprimento. “Cómpre lembrar, en primeiro lugar, que a Xunta non ten capacidade para negociar prezos, xa que iría en contra da normativa advertida polas autoridades da Competencia”, aclara antes de nada a Consellería.

Determinación do prezo do leite a nivel autonómico

Sen embargo, Medio Rural asegura que recibe “de bo grao” que se introduza na Lei da Cadea Alimentaria “a obrigatoriedade do contrato escrito con referencia a que os custos de produción sempre deben ser inferiores aos prezos de venda, ou que se amplíe a lista de prácticas desleais para acadar o obxectivo de evitar a venda a perda no sector primario”.

A Xunta pide ademais “que se determinen por cada comunidade autónoma a forma de fixar un prezo que cubra os gastos de produción e deixe unha marxe de beneficio aos produtores”, o que na práctica, equivalería a establecer un prezo de compra do leite diferente en cada comunidade en función dos custos de produción concretos de cada autonomía.

Medio Rural indica que “o Goberno galego está a traballar ao abeiro de diversas estratexias, como a do lácteo, xa en marcha, a do viño e, proximamente, a da carne, para reforzar estes sectores e velar por unha transparencia e equilibro entre todas as partes que conforman estas cadeas produtivas”. “O principal obxectivo é que se garanta un prezo digno aos agricultores e gandeiros, os elos máis vulnerables da cadea alimentaria, como requisito indispensable para poder garantir as rendas e, por ende, o futuro do noso rural”, conclúen.

Ademais, di, “durante a pandemia habilitáronse axudas directas aos produtores do sector agrogandeiro por importe de preto de 24 millóns de euros, dentro do Plan de reactivación da Consellería do Medio Rural para facer fronte aos efectos da covid-19”, aínda que, realmente, ninguha destas axudas estivo destinada aos produtores lácteos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información