O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acollerá dende o vindeiro martes 21 de xuño unha delegación internacional da Coordenadora Europea (CEVC) do movemento labrego mundial La Vía Campesina , da que o SLG-CCLL forma parte.
Integrado por representantes do Grupo de Traballo de Migración e Traballo Rural da CEVC, así como de organizacións a nivel estatal, esta delegación de máis de 20 persoas participará na xornada aberta ao público “Agroecoloxía ou barbarie. Como nos maltrata a agroindustria”, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro mércores 22 de xuño, de 10.20h. a 17.30h., no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (Belvís).
O martes 21 de xuño, ás 11.00h., realizarase unha rolda de prensa no local do SLG en Santiago de Compostela (R/Ofelia Nieto, 13-23) para dar debullar a programación da xornada.
Segundos os organizadores, este encontro aberto, canda as xuntanzas e distintos espazos de traballo que partillarán as distintas organización acollidas polo SLG-CCL, terá como obxectivo analizar o modelo agroindustrial dende a perspectiva da produción labrega, dos dereitos laborais, dos dereitos das mulleres, do medioambiente e da soberanía alimentaria dos pobos, recollendo insumos para elaborar colectivamente unha estratexia común de loita contra a agroindustria, así como de defensa do modelo de produción labrego e agroecolóxico.