Un Godello da Denominación de Orixe Valdeorras foi seleccionado como un dos dous mellores brancos de España na primeira edición dos Premios Liga del 100 da prestixiosa Guía Vinos Gourmets. O galardón foi outorgado a Sorte O Soro 2023, da adega Rafael Palacios, que é un dos nove únicos viños, de seis denominacións diferentes a nivel nacional, aos que o comité de cata premiou con 100 puntos sobre unha escala de 100.
Según explican desde a organización, trátase da primeira vez que esta Guía, que chega en 2025 á 40ª edición, concede a máxima cualificación, outorgada por unanimidade dos seus membros, “a viños sublimes, que sobresaen pola súa marcada personalidade, elegancia, cualidades excepcionais e que merecen o máximo recoñecemento”.
Cata a cegas
Para realizar esta selección, o Grupo Gourmets contou cun experto comité de cata, que analizou 4.315 viños de 1.270 adegas españolas. O proceso levouse a cabo a través dunha estrita cata a cegas, na que os profesionais en ningún momento coñecían a marca nin a adega que elaborou cada referencia.
A cerimonia de entrega celebrouse esta mañá, no marco da 38ª edición do Salón Gourmets de Madrid, ao que está previsto que asistan máis de 100.000 profesionais e máis de 2.100 expositores con máis de 55.000 produtos que encherán os seis pavillóns, distribuídos nos 90.000 m2 de superficie de exposición, cos que conta esta edición.
Galego









Control OJD