Un gandeiro da Limia será o novo responsábel do sector da carne de vacún no Sindicato Labrego

A organización agraria celebrou en Maceda un congreso sectorial coincidindo co 17 de abril, Día Internacional das Loitas Labregas

Un gandeiro da Limia será o novo responsábel do sector da carne de vacún no Sindicato Labrego

Coincidindo co 17 de abril, Día Internacional das Loitas Labregas, o Sindicato Labrego Galego iniciou este sábado o proceso que o levará ao seu décimo Congreso neste 2021 celebrando, en Maceda, o sectorial correspondente a vacún de carne.

Desta vez, a afiliación escolleu un gandeiro de Bóveda (Vilar de Barrio, Ourense), Samuel Formoso Salgado, como novo responsábel para os vindeiros catro anos. Xunto a el, será vicerresponsábel, Mari Carme Varela, de Vilameá (Guntín, Lugo), e terán o apoio dunha renovada Dirección da Carne cuxos membros saíron elixidos das diversas asembleas comarcais que se celebraron na Galiza nos meses previos.

Desta maneira, no SLG dáselle relevo á anterior Dirección da Carne xurdida do anterior congreso, elixida o 11 de febreiro de 2017, con Lois Varela e Inés Casabella como responsábel e vicerresponsábel.

O SLG abordou este congreso coa conciencia da importancia fundamental que ten o sector da carne de vacún na Galiza, sendo o que conta con maior número de granxas. A falta de datos actualizados e públicos da Consellaría de Medio Rural, segundo o Ministerio de Agricultura, Galiza tiña en xuño de 2020 22.962 granxas especializadas en vacún de carne, ás que habería que engadir 428 mixtas, o que supón o 27,5% das explotacións de vacas para carne do Estado.

“Grazas a esta importante presenza gandeira, grazas ao sector da carne de vacún mantéñense poboadas algunhas das zonas do país, como as de montaña, máis castigadas polo abandono e o envellecemento, cumprindo desta maneira unha función esencial na xestión e vertebración do noso territorio”, destacan dende o Sindicato Labrego.

Baixadas de ata 70 céntimos por kilo en Ternera Gallega Suprema

Sen embargo, dende a organización agraria critican que tanto dende a Xunta como dende o Ministerio de Agricultura non se teñan posto medidas efectivas de apoio ao sector, de forma que “cuestións como a dos prezos mesmo foi a peor debido á pandemia”. Neste sentido, o relatorio aprobado no Congreso de Vacún de Carne do SLG fala de “baixadas de até 70 céntimos por quilo en Tenreira Suprema ou de case o 50% nas vacas de desvelle” con vías de comercialización convencionais.

Imaxes da asemblea celebrada este sábado en Maceda polo Sindicato Labrego:

SLG labrego carne 1 SLG labrego carne 2

Mari Carme Varela

Mari Carme Varela

 Samuel Formoso

Samuel Formoso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información