Un estudo realizado polo Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural sobre a seroprevalencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nos rebaños de gando bovino conclúe que existe nestes momentos “unha unha alta protección inmunitaria natural, que fai pensar que na temporada 2025 haberá moita menos afectación desta enfermidade nos bovinos”.
En concreto, o estudo, que se publicou o 28 de maio, chega á conclusión de que “existe unha altísima seroprevalencia a nivel de explotación (81,85%) e unha importante seroprevalencia a nivel de animal, onde case a metade dos animais testados (49,85%) resultaron positivos”. Publicamos a continuación extractos do mesmo:
En Galicia no 2024 detectouse circulación do serotipo 8 do virus da EHE en 46 comarcas veterinarias das 54 existentes, sendo as únicas sen detección de circulación viral as comarcas costeiras da franxa atlántica dende a Terra de Soneira en A Coruña ata o Salnés en Pontevedra.
Resumo de datos de incidencia de EHE rexistrados en 2024 (a data 31/12/2024)
O obxectivo principal deste estudo foi obter información do grao de circulación real do virus da EHE nas explotacións bovinas das 4 provincias de Galicia tras a finalización da temporada de actividade vectorial 2024.
Paralelamente estudiouse o grao de afectación a nivel de animal dentro das explotacións confirmadas positivas nesa temporada e finalmente realizouse unha sondaxe sobre o grao de persistencia de anticorpos vacinais nun número limitado de explotacións que realizaron vacinación voluntaria nos últimos meses de 2024.
1- Estimación da prevalencia a nivel de rabaño (inter-explotación)
Os datos de seropositividade a nivel de explotación, con referencia xeográfica á provincia, denotan unha maior difusión da infección polo territorio que a constatada de acordo cos datos recompilados no SSA por comunicación de sospeita polo persoal gandeiro durante o ano 2024.
E amosan unha proporcionalidade a nivel provincial acorde co nivel de infección confirmado en laboratorio nesa temporada en cada provincia, sendo Ourense a provincia de maior afectación e A Coruña a de menor afectación.
Análise de resultados por provincia:
A CORUÑA
Datos rexistrados en período vectorial 2024 por comunicación dos gandeiros/as e confirmación laboratorial
Datos rexistrados en estudo de seroprevalencia interexplotación:
-Núm. explotacións previstas para toma de mostras: 80
-Núm. explotacións con toma de mostras: 81
A disparidade de datos entre a porcentaxe de explotacións comunicadas por sospeita e confirmadas en laboratorio en 2024 na Coruña (1,29%) e a prevalencia detectada no estudo (67,9%), confirma a existencia dunha elevada circulación do virus nun alto número de explotacións que non notificaron sospeita clínica nos animais e nas que polo tanto a infección cursou de forma subclínica ou asintomática; situación xa apuntada na temporada anterior polo estudo de seroprevalencia 2023 realizado polo MAPA en 11 provincias de España, entre elas A Coruña, que determinou nesta provincia unha prevalencia de explotación do 51,59%, cunha prevalencia en animais do 34,02%.
Tendo en conta o coñecemento por parte das persoas gandeiras dunha convocatoria de axudas en Galicia no 2024 para paliar as perdas producidas pola EHE en explotacións bovinas, a existencia de infranotificación polas persoas gandeiras considérase despreciable.
LUGO
Datos rexistrados en período vectorial 2024 por comunicación dos gandeiros/as e confirmación laboratorial
Datos rexistrados en estudo de seroprevalencia:
-Núm. explotacións previstas para toma de mostras: 80
-Núm. explotacións con toma de mostras: 80
Ao igual que na provincia da Coruña, a disparidade de datos entre a porcentaxe de explotacións comunicadas e con casos confirmados en 2024 en Lugo (9,44%) e a prevalencia detectada no estudo (76,25%), confirma a afectación dun elevado número de explotacións que non notificaron sospeita clínica nos animais; sendo a principal causa deste infradiagnóstico o curso subclínico ou inaparente da enfermidade.
OURENSE
Datos rexistrados en período vectorial 2024 por comunicación dos gandeiros/as e confirmación laboratorial
Datos rexistrados en estudo de seroprevalencia Núm. explotacións previstas para toma de mostras: 76 Núm. explotacións con toma de mostras: 78
Datos rexistrados en estudo de seroprevalencia.
-Núm. explotacións previstas para toma de mostras: 76
-Núm. explotacións con toma de mostras: 78
De igual xeito que nas provincias da Coruña e Lugo, a disparidade de datos entre a porcentaxe de explotacións comunicadas e con casos confirmados en 2024 (32,34%) e a prevalencia detectada no estudo (97,44%), confirma a elevada circulación do virus EHE nas explotacións sen expresión clínica significativa.
Ourense foi a provincia porcentualmente con maior notificación de casos de EHE durante o ano 2024, tendo esta maior afectación reflexo na prevalencia detectada neste estudo (97,44% a maior das catro provincias).
O sistema produtivo e clasificación zootécnica nas explotacións de Ourense é eminentemente de produción de carne en réxime extensivo nos montes, con permanencia fóra de instalacións gran parte do ano, o que dificulta unha estratexia efectiva de protección fronte os vectores, que é máis doada de acometer en animais estabulados permanentemente, típicos das explotacións de produción de leite, que nesta provincia son testimoniais (25 explotacións).
PONTEVEDRA
Datos rexistrados en período vectorial 2024 por comunicación dos gandeiros/as e confirmación laboratorial
Datos rexistrados en estudo de seroprevalencia:
-Núm. explotacións previstas para toma de mostras: 79
-Núm. explotacións con toma de mostras: 80
Para o cálculo do tamaño de mostra considerouse un tamaño de poboación de 2.392 explotacións (PR de alta con censo maior a 3 animais). O censo real de explotacións bovinas da provincia de Pontevedra ascende a un total de 6.864 explotacións, pero aproximadamente un terzo do total son de tipo cebadoiro familiar onde se manteñen menos de 3 animais e que non foron considerados no universo de mostraxe. Como no resto de provincias, existe unha alta disparidade entre a porcentaxe de explotacións que comunicaron casos no 2024 (12,7%) e a prevalencia da enfermidade detectada neste estudo (85%).
2- Estimación de prevalencia intra-rabaños (intra-explotación)
Os resultados obtidos a nivel de provincia, agás no caso de Pontevedra, denotan que nas explotacións de leite, nas que os animais están menos expostos a un ambiente exterior e polo tanto á interacción co insecto vector, a seroprevalencia da infección nos animais das explotacións confirmadas positivas é practicamente a metade que nas explotacións de orientación de produción de carne cun sistema produtivo máis extensivo.
Estes datos confirman a apreciación xeral en campo desde a aparición desta patoloxía na cabana bovina, no senso de que o gando de carne resultaba cun maior grao de afectación que o gando de leite.
Resumo de datos de prevalencia intraexplotación por orientación zootécnica das explotacións do estudo
3- Estudo de persistencia vacinal
Realizouse a toma de mostras de 210 reses pertencentes a 22 explotacións que foran vacinadas con Hepizoovac (Vetia Animal Health) no período agosto a outubro de 2024.
Na análise de datos eliminouse unha das 22 explotacións ao presentar resultado seronegativo no 100% dos animais testados, probablemente debido a un fallo vacinal (rotura da cadea de frío, aplicación incorrecta…).
Elimináronse así mesmo 4 animais que foron seronegativos na primeira toma de mostras e seropositivos na segunda, atribuíndose esta seropositividade a un erro na trazabilidade das mostras ou a un fallo na sensibilidade diagnóstica da proba.
Por outro lado, como se indicou, a metodoloxía empregada nas catro provincias non foi a mesma, eliminando na provincia de Lugo da segunda mostraxe os animais que resultaron negativos na primeira mostraxe, mentres que nas outras tres provincias, todos os animais foron testados nas dúas mostraxes, independentemente do seu resultado na primeira delas.
O período de tempo transcorrido entre a administración da segunda dose da vacina (considerando a competencia en inmunidade vacinal aos 21 días tras a segunda dose en primovacinación) e a primeira toma de mostras do estudo oscilou entre os 153 e os 221 días, cunha media de 181 días. O período de tempo transcorrido entre a primeira e a segunda toma de mostras oscilou entre os 16 e 56 días, cunha media de 27 días.
Resumo de datos do estudo de persistencia vacinal
En xeral os resultados amosan unha seropositividade elevada aos 6 meses (181 días de media na data da primeira toma de mostras) con seroloxía positiva en 128 das 210 reses testadas (60.95%), seropositividade que diminúe ata o 58% na segunda toma de mostras.
Os resultados expostos deben interpretarse con cautela, en primeiro lugar dado o escaso número de explotacións testadas (21) e en segundo lugar debido a que os animais vacinados non foron sometidos a unha proba de seronegatividade previa á súa vacinación e descoñécese por tanto se algún dos animais testados eran xa seropositivos por inmunidade natural antes de ser vacinados en 2024, cuestión altamente probable en determinados territorios da Comunidade Autónoma que presentan neste estudo un 95% de seroprevalencia interexplotación no caso da provincia de Ourense e unha media a nivel das catro provincias dun 81%.
Cómpre ter en conta que os animais vacinados, ademais da inmunidade humoral reflectida na titulación de anticorpos circulantes en sangue e que van diminuindo co tempo, adquiren tamén inmunidade celular coa vacinación.
Conclusións:
Dos resultados obtidos neste estudo pódese extraer que existe unha altísima seroprevalencia a nivel de explotación (81,85%) e unha importante seroprevalencia a nivel de animal, onde case a metade dos animais testados (49,85%) resultaron positivos. Esto significa a existencia dunha unha alta protección inmunitaria natural, que fai pensar que na temporada 2025 haberá moita menos afectación desta enfermidade nos bovinos.
Este feito é especialmente acusado na provincia de Ourense (case un 98% das explotacións seropositivas, con case un 88% de animais seropositivos), e na provincia de Pontevedra (un 85% das explotacións, con case un 53% de animais seropositivos).
En Lugo e Coruña existe tamén unha alta porcentaxe de explotacións seropositivas (76% e 68%), pero só con arredor do 30% dos animais seropositivos, quizais polos maiores censos de gando leiteiro nestas provincias, ou ben pola existencia de certo grao de inmunidade natural adquirida na temporada 2023, que afectou con maior intensidade a estas dúas provincias.