Un estudo conclúe que as granxas ecolóxicas teñen maior diversidade de paxaros, plantas e bolboretas

A investigadora Sandra Goded Millán afonda na súa tese sobre os efectos da gandería na biodiversidade dos campos do interior de Galicia. O manexo da terra dun xeito sostible, aínda sen chegar a ter a distinción de ecolóxico, repercute directamente nas aves, plantas e bolboretas das pradeiras

Un estudo conclúe que as granxas ecolóxicas teñen maior diversidade de paxaros, plantas e bolboretas

As prácticas sostibles que levan a cabo as ganderías ecolóxicas, e algunhas que non teñen o selo ecolóxico pero realizan esas mesmas rutinas, fan que haxa moita máis biodiversidade de aves, plantas e bolboretas. Alomenos esa é unha das principais conclusións que se extraen da investigación que realizou a doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Sandra Goded Millán sobre o impacto da actividade gandeira de vacún de leite e carne no interior de Galicia.

“As prácticas sostibles que incorpore unha gandería van ser determinantes para a biodiversidade das súas pradeiras”

“As prácticas sostibles que incorpore unha gandería van ser determinantes para a biodiversidade das súas pradeiras”, indica Goded. Durante as súas investigacións, desenvolvidas ó longo de 2 anos, a bióloga comprobou que se as ganderías empregan prácticas respectuosas co medio, como é evitar o uso de pesticidas e insecticidas, o emprego de abono compostado e a longa rotación de cultivos favorecen o mantemento da biodiversidade tanto de aves, como de plantas e bolboretas.

Figura-diferencia-especies-pares-fincas-biodiversidade-pradeiras-

Comparativa da biodiversidade das pradeiras entre as fincas con distintos manexos.

“A pesar de que haxa prácticas en convencional que poidan favorecer a biodiversidade, en liñas xerais as ganderías en ecolóxico son as que máis propician que as pradeiras sexan un hábitat con diversidade de especies”, concreta a bióloga.

Prácticas que favorecen a biodiversidade

Ó longo da súa investigación, Sandra Goded analizou a biodiversidade presente durante todo o ano en distintas parcelas das 15 ganderías de vacún de leite e carne que incluíu no estudo. Trátase de explotacións tanto en convencional como en ecolóxico da comarca da Ulloa, onde ela reside, así como doutras zonas limítrofes e do centro de Galicia como Palas de Reis, Melide, Rodeiro ou Lalín.

O estudo realizouno en pasteiros, así como en fincas con rotación de pastos e millo ou cultivos de trigo e centeo

Para levar a cabo a comparativa entre as distintas ganderías contaba con 13 pasteiros de ambos sistemas e nos que se realizaban distintas prácticas de manexo. Entre eles atopábanse parcelas nas que se alternaba o pasto ou produción de herba para corta co cultivo de millo forraxeiro. Ademais, incluíu outras dúas fincas nas que se cultivaban cereais de inverno como trigo ou centeo. “Foi difícil atopar ganderías convencionais que sementaran cereais de inverno”, recoñece a investigadora.

Entre estas ganderías atopábanse granxas convencionais cunha produción moi intensiva onde non se pastaba e toda a herba se cortaba para ensilado ou para herba seca. Nelas, o habitual era que predominase o Ray Grass inglés e que se fixese unha rotación anual con millo, o que implicaba tamén o uso de herbicidas trala sementeira do millo.

Finca-convencional

No estudo incluíronse fincas en convencional cunha produción intensiva.

No lado oposto, no estudo tamén se incluían ganderías en ecolóxico con fincas que levaban sendo pasteiros máis de 15 anos, sen anovar esa pradeira. Á hora da fertilización da parcela e para complementar o que lle proporcionaba o propio gando durante o pasto, empregaban abono compostado durante 6 meses, que repartían por toda a finca. Ademais, os pasteiros contaban con sebes vexetais ou estaban próximas a bosques autóctonos como carballeiras.

Estes dous exemplos de ganderías con modelos de produción contraposto dan boa conta das diferentes prácticas que se poden realizar. Nesa liña, o estudo permitiulle a Goded concluír que o manexo ten un especial impacto sobre a biodiversidade das pradeiras, tanto no que se refire a aves como a plantas ou insectos.

A roturación da terra, a rotación anual de cultivo, o emprego de fertilizantes químicos e os xurros son as prácticas que máis reducen a biodiversidade

Á marxe do emprego de herbicidas ou fertilizantes químicos, que son as prácticas con maior impacto sobre a biodiversidade de especies, hai outras que tamén teñen ese efecto. Así, Goded estableceu que a roturación da terra e a rotación intensiva e anual de cultivos como o millo son das prácticas que máis merman a biodiversidade dos pastos.

O emprego de esterco ou abonos compostados, no canto de xurros, é outra das prácticas que permite unha maior variedade de especies. Outro dos factores que determina a biodiversidade dos pasteiros son os peches das parcelas e a ubicación das fincas. “As parcelas en ecolóxico, que ademais contaban con sebes vexetais ou estaban rodeadas de bosque autóctono, como carballeiras e soutos, foron nas que maior biodiversidade se daba”, explica a bióloga.

O inverno marca a diferenza

Nos censos que realizou durante os anos 2016 e 2017, Goded centrouse en contabilizar plantas e insectos durante a primavera e verán, épocas con maior presenza de ambos grupos nos pasteiros, mentres que o reconto de aves realizouno nas catro estacións. Precisamente no caso das aves, as maiores diferenzas entre os sistemas convencionais e os ecolóxicos detectáronse no inverno.

Durante o inverno, naqueles pastos onde non se labrou a terra para alternar o cultivo do millo, contabilizouse unha maior presenza de aves que se alimentaban de sementes e insectos. “Nas fincas onde non se roturaba a terra, e polo tanto había máis sementes de herbas, tamén se contabilizou máis cantidade de aves”, concreta a investigadora.

Figura-riqueza-especies-aves-biodiversidade-pradeiras-

Riqueza de especies de aves nas distintas estacións nas pradeiras en ecolóxico e convencional.

Entre as aves con maior presenza nos pasteiros do interior de Galicia, Goded destaca a presenza de carrizos e paporrubios, moi comúns nas chamadas áreas de mosaico, onde alternan os espazos de bosque autóctono con pradeiras.

Nas terras xestionadas por ganderías en ecolóxico, a investigadora detectou a presenza significativa de 5 especies: pimpín do norte, unha ave que chega no outono a Galicia procedente do norte de Europa e que se alimenta principalmente de sementes durante o inverno. Tamén a andoriña, que chega durante a primavera e permanece durante o verán, tiña unha presenza importante nestes prados. Xunto a eles, a lavandeira branca, o ouriolo ou o estorniño negro son máis habituais nestas fincas.

ciguena-blanca-biodiversidade-pradeiras-

Goded tamén detectou a presenza de cigüeñas nestas pradeiras.

Ademais, a investigadora constatou unha maior poboación de laverca e perdices naqueles pasteiros de maior superficie, case independente do manexo que se fixera delas, sempre que non fose intensivo. Por outra banda, abondan os ferreiriños negros e ferreiriños azuis nas parcelas próximas a masas boscosas.

No caso da vexetación, os recontos realizados por Goded detectaron unha media de 18 especies silvestres nas pradeiras xestionadas por ganderías ecolóxicas mentres que nas convencionais contabilizábanse 14 especies de plantas.

Figura-riqueza-especies-plantas-biodiversidade-pradeiras-

Riqueza de especies de plantas segundo os distintos tipos de manexo das pradeiras.

Entre as especies silvestres predominantes atópanse o trevo rosa. “Esta especie é unha importante fonte de alimento para moitos insectos, o que favorece que haxa máis variedades de polinizadores”, apunta a bióloga. Nos pasteiros ecolóxicos abundan ademais a Anthemis arvensis, coñecida comunmente como manzanilla bastarda ou dos campos, así como a Cerastium glomeratum.

Nos pasteiros en ecolóxico contabilízanse case o dobre de bolboretas que naqueles cun manexo propio de ganderías en intensivo

En canto ás bolboretas, que son outro dos indicadores da biodiversidade que Goded estudou, hai importantes diferenzas entres as fincas en ecolóxico e as convencionais. Así, nas parcelas cun manexo máis respectuoso co medio a bióloga contabilizou case o dobre de especies que naquelas máis intensivas. A investigadora chegou a contabilizar máis de 370 bolboretas nas fincas en ecolóxico fronte ás 200 que rexistrou de media nas parcelas en convencional.

mariposas-biodiversidade-pradeiras-

A Eurodryas aurinea foi unha das especies de bolboretas localizadas pola investigadora.

Ó igual que acontecía coas aves, Goded sinala a importancia que teñen tanto as sebes como a proximidade a masas boscosas autóctonas para garantir unha maior variedade de especies. “A ausencia de peches naturais ou de arames marca unha importante diferenza entre as fincas, pese a que teñan un manexo sostible. Estes elementos contribúen a incrementar a variedade das pradeiras”, comenta a investigadora.

Figura-riqueza-especies-mariposas-biodiversidade-pradeiras-

Diferenzas de reconto de bolboretas en predios cun manexo ecolóxico ou convencional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información