Un ensaio demostra a posibilidade de producir cultivos agrícolas no medio de plantacións de eucalipto

Tras catro anos de investigación, a Cátedra Hijos de Rivera - UDC de Desenvolvemento Sostible demostra que mediante técnicas de agricultura rexenerativa pódense producir alimentos entre as fileiras dunha plantación de eucaliptos

Un ensaio demostra a posibilidade de producir cultivos agrícolas no medio de plantacións de eucalipto

A Cátedra Hijos de Rivera – UDC de Desenvolvemento Sostible leva catro anos traballando coa Fundación Galicia Sustentable no Concello da Laracha sobre modelos baseados nos principios da agricultura sintrópica para a rexeneración de chans.

Este estudo conseguiu demostrar que as técnicas de agricultura rexenerativa dan resultados moi notables na recuperación do chan en plantacións intensivas de eucalipto, recuperando a súa produtividade agroalimentaria. E que, ademais, dáse a viabilidade para cultivos de alimentos complementarios baixo as mesmas plantacións de eucaliptos.

As conclusións desta investigación revolucionan a concepción actual sobre as plantacións intensivas de eucalipto, que se presentan agora, nunha alta porcentaxe, como chans con potencial para o cultivo de diversidade de variedades agroalimentarias, abrindo novas perspectivas e posibilidades para o tratamento forestal dos terreos.

O estudo conseguiu demostrar que as técnicas de agricultura rexenerativa dan resultados moi notables na recuperación do chan en plantacións intensivas de eucalipto

Trasladando estes resultados ao mapa forestal de Galicia, por exemplo, este estudo permite constatar que polo menos o 75% das terras destinadas a plantacións de eucalipto na comunidade (máis de 250.000 e case 340.000 hectáreas) son susceptibles de ser recuperadas baixo estas técnicas de agricultura rexenerativa.

Esta investigación foi liderada por Melania Payán, Licenciada en Ciencias Ambientais pola Universidade de Huelva, coa contribución de Noelia López, Enxeñeira agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela, e de Sergio Quiroga, CEO da empresa galega Ecocelta.

Deixar que a natureza traballe

Esta investigación impulsada pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible estableceu un programa marco de traballo centrado na rexeneración de chans en plantacións intensivas de eucalipto seguindo principios de sintropía; unha forma de manexo agroforestal que se basea na aceleración da procura do equilibro, tendencia da propia natureza a evolucionar como un ecosistema, rehabilitando o chan, aumentando a produtividade e a súa complexidade.

Ángel Santiago Fernández Castro, director da Cátedra Hijos de Rivera- UdC de Desenvolvemento Sostible quixo sinalar o gran esforzo de investigación sostido ao longo destes catro anos e destacou os resultados como un fito de gran relevancia para a Cátedra. Agradeceu tamén a aposta dunha compañía como Hijos de Rivera por proxectos de longo percorrido que teñen un impacto real tan tanxible para a comunidade.

Esta fase inicial consistiu no aproveitamento de distintos tipos de biomasa que se achega como acolchamento das plantacións para favorecer a presenza de materia orgánica. En paralelo iniciouse a posta en marcha dunha sucesión de cultivos complementarios na plantación para a recuperación de macronutrientes fundamentais na fertilidade do chan. O traballo de secuencia de cultivos e achega paulatina de materia adáptase necesariamente aos ciclos e tempos naturais.

Trabállase na rexeneración de chans en plantacións intensivas de eucalipto seguindo principios de sintropía

O traballo diario da propia natureza, a secuencia de cultivos e a achega paulatina de materia orgánica permitiron que xa a partir do segundo ano se apreciasen resultados, tanto na liña da rexeneración de chan como, especialmente, na complementariedade de cultivos.

As análises en laboratorio mostraron un incremento constante de macronutrientes NPK (sodio, fósforo e potasio) e tamén o aumento da presenza tanto o carbono total como da materia orgánica. E constatouse a viabilidade da xermolación e dos transplantes.

Desta maneira, ademais da rexeneración do chan das parcelas, conséguese tanto cultivar alimento de forma complementaria, como mellorar a biodiversidade grazas á presenza de distintos cultivos nunha mesma parcela.

“As veciñas e veciños mirábannos con incredulidade cando comezamos a sementar baixo os eucaliptos, pero ao final viñan de visita para ver cos seus propios ollos as patacas xermoladas baixo os eucaliptos”, dinos Marcos Pérez, da Fundación Galicia Sustentable. Neste sentido, insistía en que “queremos e necesitamos un rural próspero” xa que é clave para a nosa subsistencia, para a xeración de enerxía e o abastecemento de alimentos.

As análises en laboratorio mostraron un incremento constante de macronutrientes e tamén o aumento de carbono total como da materia orgánica

Sinalaba ademais a dificultade engadida que supuxo para o proxecto encontrar uns terreos para realizar este estudo, algo que finalmente se resolveu cunhas parcelas na parroquia de Montemaior, grazas ao apoio do Concello da Laracha.

O alcalde da Laracha, Jose Manuel López Varela, manifestaba que este tipo de proxectos “son un impulso moi importante para o rural en termos sociais e económicos. A posibilidade de iniciar novas plantacións, novas fontes de produción e de xeración de riqueza son un aliciente fundamental para cumprir co obxectivo de asentar poboación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información