A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Un estudo con 3.500 vacas leiteiras demostra que os animais híbridos son máis rendibles nas ganderías

A investigación levada a cabo durante 10 anos pola Universidade de Minnesota, que acaba de ser publicada no Journal of Dairy Science, cuantifica en 0,28 euros por día de vida (0,55 tendo en conta a conversión de materia seca) o beneficio a maiores do gando cruzado polo método Procross con respecto a un rabaño holstein puro

Les Hansen, da Universidade de Minnesota, e un dos autores do estudo

O profesor Les Hansen, da Universidade de Minnesota, é un dos autores do estudo que vén de ser publicado

O maior estudo continuo do mundo no que se comparan vacas leiteiras cruzadas con holstein de raza pura amosa resultados concluíntes en relación aos beneficios que os cruzamientos achegan para incrementar a rendibilidade das explotacións: 33% máis de beneficio vitalicio, un custo en tratamentos de saúde un 26% inferior e 147 días máis de produción de leite.

“Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamiento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados. Especificamente, as razas holstein, montbeliard e vermella sueca son adecuadas para este cruzamento rotacional porque se seleccionaron historicamente por trazos que se complementan ben entre si”, conclúen os investigadores Amy Hazel, Brad Heins e Les Hansen.

As vacas holstein xeran nas explotacións de EEUU uns beneficios de 2.800 dólares por cabeza, mentres que as procross incrementan o rendemento vitalicio en 900 euros, até chegaren aos 3.700 dólares

Segundo as conclusións económicas desta investigación, levada a cabo pola Universidade de Minnesota en 7 granxas leiteiras de Estados Unidos e que acaba de ser publicada no prestixioso Journal of Dairy Science, o medio oficial da Asociación Americana de Investigadores Lácteos, o gando Procross, que se selecciona xeneticamente utilizando un sistema rotatorio de cruces de tres razas (holstein, montbeliard e vermella sueca), proporciona ganancias diarias que se sitúan, de media, entre o 13% entre os animais F1 (holstein x montbeliard) e o 9% dos F2 (holstein x montbeliard x vermella sueca).

Os resultados deste estudo proporcionan evidencias de que o cruzamento rotacional de 3 razas é unha alternativa rendible á cría de vacas holstein puras para un alto rendemento en rabaños estabulados intensivos destinados á produción de leite en climas temperados

Este ensaio empezou inscribindo a 3.550 vacas holstein puras en 2008, que se manterían nos seus rabaños comerciais, cruzando unha parte delas e mantendo puras á outra metade para deste xeito poder comparar en granxa o rendemento dun cruzamento de dúas e tres razas, baseado na xenética holstein (HO), montbeliarde (MO) e Viking Red (VR), concluíndo que estas tres razas eran altamente complementarias, polo que desde entón utilizáronse no desenvolvemento dun programa estruturado de cruzamento de tres vías, que se comercializa baixo a marca Procross.

Un 9% máis de beneficio diario

grafico comparativo Procross GALOs datos concretos do estudo a nivel de campo, no que se monitorizaron desde o ano 2008 ao ano 2018 os custos e beneficios tanto de animais puros como cruzados que compartían instalacións en 7 establos reais, indican que os cruces combinados de 2 razas (holstein e montbeliard) tiveron 47,3 centavos de dólar (13%) máis de beneficio diario e que os cruces combinados de 3 razas (holstein, montbeliard e vermella sueca) tiveron 34,2 centavos de dólar (9%) máis de ganancias diarias en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

As vacas procross xeran ingresos diarios por produción de leite un 1% inferiores ás holstein, algo que compensan de sobra cun aforro do 4% nos custos de produción

Para chegar a estas conclusións investigouse durante unha década unha ampla gama de parámetros de rendemento en milleiros de vacas no estudo, incluída a produción de leite, graxa e proteína, a esperanza de vida, a fertilidade e unha variedade de características de saúde e manexo.

O informe conclúe que o gando leiteiro cruzado que combina as razas holstein, montbeliard e vermella sueca é 0,34 dólares (0,28 €) máis rendible por día de vida que o holstein puro e 55 céntimos se se ten en conta o mellor índice de conversión de alimento.

Un rabaño de vacas cruzadas proporciona cada ano 100 euros máis de beneficio por cabeza que un de frisoas puras

Isto resultou en 173 dólares máis de beneficio anual por vaca para a combinación de 2 razas e 125 dólares máis no caso de tres cruces. Os factores que inflúen na mellora da rendibilidade son numerosos, pero pódense resumir na redución do 4% nos custos de produción, fronte a unha pequena perda nos ingresos diarios por produción de só un 1% en comparación coas vacas holstein puras, ás que, con todo, exceden en produción vitalicia.

Maior produción vitalicia de sólidos

Unha vaca holstein produce de media ao longo da súa vida uns 2.200 quilos de sólidos, cando a produción vitalicia dunha procross supera esa cifra en case 350 quilos. “A produción de graxa máis proteína ao longo da vida foi maior para as vacas Procross que para as súas compañeiras de rabaño holstein, o que se debe á súa maior vida útil nas explotacións”, din os autores do estudo.

Os cruzamientos permiten medrar máis rápido ás explotacións que queren aumentar o seu número de cabezas

A vida produtiva das vacas cruzadas é máis prolongada (147 días adicionais), o que deriva nunha maior produción vitalicia de sólidos (346 kg adicionais de graxa máis proteína), o que equivale a unha rendibilidade vitalicia un 33% maior para as vacas procross. “Este é un dato moi importante a ter en conta para os rabaños en expansión”, asegura Les Hansen, que o xoves pasado participou nun webinar para presentar as conclusións do estudo.

Mellor índice de conversión de alimento

O cálculo do beneficio diario e vitalicio comparativo realizouse ignorando as posibles diferenzas de eficiencia alimenticia, unha vantaxe adicional do gando cruzado. Pero foi algo que non se mediu neste estudo en particular, senón que se documentou nun ensaio separado, dado que “nas 7 granxas estudadas tanto as vacas cruzadas como as holstein puras atopábanse mesturadas, polo que non se puido medir a inxesta de alimento para cada vaca neste traballo”, explica. “Con todo, un estudo posterior levado a cabo na propia Universidade de Minnesota en 2019 monitoreou a inxesta de alimento e observou unha mellora de ata un 8% na eficiencia de conversión de alimento no gando Procross en comparación con animais holstein.

Os animais cruzados son un 8% máis eficientes que os holstein puros á hora de trasladar a inxesta a produción de leite

“Se aplicamos eses resultados ao custo do alimento durante a lactación das vacas no noso estudo, atopamos que o aumento da ganancia diaria para as vacas cruzadas aumenta de 0,34 dólares diarios (0,28€) a 0,66 (0,55€) en comparación coas súas compañeiras de rabaño holstein”, indica Les Hansen.

“Nunha era na que debemos observar coidadosamente os recursos utilizados, así como os custos de producir calquera alimento humano, estas son consideracións importantes”, engade, porque “producir aproximadamente a mesma cantidade de leite, graxa e proteína cunha menor rotación de gando, menos intervencións para manter a saúde e a fertilidade e potencialmente menos alimento é unha vantaxe importante neste gando cruzado”, defende.

Maior lonxevidade

grafico lonxevidade Procross GALTras facer un seguimento pormenorizado ás vacas puras e cruzadas das 7 granxas norteamericanas que participaron no estudo, os resultados son concluíntes a respecto da maior lonxevidade do gando cruzado: os cruces de 2 razas tiñan 158 días máis de vida produtiva no rabaño e os cruces de 3 razas estiveran producindo leite 147 días máis en comparación coas súas respectivas compañeiras holstein puras.

A vida produtiva dunha vaca procross é 147 días (4,8 meses) máis longa que a das súas compañeiras de rabaño holstein

De feito, o 16,3% das vacas holstein eran enviadas a matadoiro antes dos 45 meses en produción, mentres que esta porcentaxe de descartes reducíase ata o 12,4% no caso dos animais cruzados, onde aproximadamente o 29% das vacas seguían producindo leite dous anos despois do primeiro parto, fronte a só o 18% das holstein.

Grazas á maior lonxevidade das vacas cruzadas, isto fai que sexa necesario unha menor porcentaxe de substitución e, por tanto, tamén de recría, co que se aforran custos por esta vía, incrementando ademais os ingresos da granxa pola venda de tenreiros (ao xerarse excedentes de recría é posible dedicar un maior número de animais a venda a cebaderos) e o prezo no mercado deste tipo de animais cruzados é tamén maior (130 dólares fronte aos 100 dólares dos xatos holstein).

Menor custo de reposición

Ademais, a maiores da maior produción vitalicia e o incremento na venda de tenreiros, os beneficios vense amplificados polo feito de que as vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro.

Esta é outra das conclusións do estudo, xa que o prezo de venda no momento do sacrificio tamén resultou ser maior no caso dos animais procross en comparación coas vacas frisoas puras. En concreto, as vacas froito de cruces entre holstein e montbeliard proporcionaron 122 dólares máis de ingresos, que se incrementaban ata os 134 dólares no caso de vacas trihíbridas holstein, montbeliard e vermella sueca.

As vacas procross deixan un 14% máis de diñeiro cando acaban o seu ciclo produtivo e son enviadas ao matadoiro pola súa mellor condición corporal

A súa maior lonxevidade (158 días no caso de cruces de dúas razas e 147 días en caso de usar de 3 razas) foi a principal razón para un menor custo de substitución diaria das 2 razas (20,1 centavos de dólar) e das 3 razas (21,3 centavos) en comparación coas holstein puras. Os cruces de 3 razas tiñan ademais un menor custo de substitución (28 dólares por animal) debido á súa menor idade ao primeiro parto.

A mellor condición corporal das xocencas procross permite adiantar a súa inseminación. Ademais, mentres só o 37% das xovencas frisoas puras empreña na primeira inseminación, no caso das tenreiras cruzadas a porcentaxe de preñez cunha sóla dose de seme supera o 50%, unha tendencia que se mantén tamén nos seguintes partos.

Tratamentos de saúde

“O vigor híbrido dentro das especies de animais de granxa é maior para os trazos que afectan a aptitude, e eses trazos inclúen fertilidade, mortinatalidade, saúde e lonxevidade para as vacas leiteiras”, explican os autores do estudo. De feito, a mellora destes trazos explicaría en grande medida a diferenza de beneficio diario observado neste estudo para os cruces de 2 e 3 razas en comparación coas súas respectivas compañeiras de rabaño holstein.

O informe final deste importante estudo sobre cruzamentos acaba de ser publicado no Journal of Dairy Science

O custo dos medicamentos fora ignorado ata o de agora na maioría das investigacións anteriores sobre a rendibilidade da mestizaxe. Con todo, un menor gasto en tratamentos de saúde (6,7 centavos de dólar menos ao día no caso de cruces de holstein e montbeliard e 9 centavos menos no caso de holstein, montbeliard e vermella sueca) en comparación coas vacas hosltein puras do rabaño foi tamén un dos motivos importantes que contribuíron a un maior beneficio diario dos cruces neste estudo, pois mentras nunha vaca holstein o custo en tratamentos increméntase entre a primeira lactación e a terceira de 43 dólares a 109 dólares, nas vacas procross ese gasto sitúase en 33 dólares na primeira lactación e pasa a 81 na terceira. 

“O menor custo de substitución, o menor custo dos tratamentos de saúde e o maior valor dos tenreiros foron os tres elementos de ingresos e gastos máis influíntes que levaron a unha maior rendibilidade do gando Procross”, conclúen os investigadores da Universidade de Minnesota.

Un programa de reprodución estruturado desde 2014

ProCROSS Halland Törlan (131)-5914 Stina - Ulemo x VR Gibson x VH ServiceAs primeiras experiencias sobre cruzamentos en razas leiteiras empezaron a realizarse en California e Minnesota como un intento de frear o acelerado declive que a consanguinidade estaba a provocar en granxas comerciais de Estados Unidos, sobre todo en aspectos reprodutivos e de saúde.

Os informes positivos do cruzamento de tres vías implementado por estes primeiros produtores lácteos norteamericanos resultaron tan alentadores que desencadearon o lanzamento dunha empresa internacional en 2014 utilizando as tres razas involucradas: holstein, montbeliard e vermella sueca. Este método de cruzamento rotatorio, que leva o nome de Procross, está integrado pola compañía danesa VikingGenetics, a francesa Coopex Montbéliarde, e as estadounidenses Select Sires e Creative Genetics of California, quenes proporcionan a xenética das distintas razas para implementar os cruzamentos.

O programa Procross leva anos afianzado en distintos países europeos, como Holanda, Reino Unido ou Portugal e avanza tamén en ganderías de toda España

Unha das razóns do éxito do programa Procross débese á natureza complementaria das razas utilizadas. “Son tres razas que se complementan á perfección: a holstein ofrece características de produción e de ubre; a montbeliard achega fertilidade, condición corporal e forza; e a vermella sueca características de parto, saúde da ubre e fertilidade. Ademais, as tres razas son tamén complementarias pola súa estatura, o que axuda a brindar uniformidade de tamaño e facilidade de manexo”, destacan os investigadores da Universidade de Minnesota, a doutora Amy Hazel e os profesores Brad Heins e Les Hansen, autores principais do informe presentado a semana pasada.

Heterosis

Un dos factores principais no éxito deste cruzamento de tres vías é o fenómeno da heterosis, tamén coñecido como vigor híbrido. Isto confire un mellor rendemento á descendencia de animais non emparentados do esperado tendo en conta os índices de produción media dos pais. A razón de empregar tres razas e non dúas é precisamente a de manter no tempo os efectos positivos da heterosis, xa que usando só dúas razas o vigor híbrido reduciríase do 86% ao 67%. 

Todos estes factores positivos da heteroxis reflectíronse no rendemento do gando no estudo, cunha mellor saúde, fertilidade e esperanza de vida, todo iso contribuíndo á redución dos custos de produción do gando procross.

O vigor híbrido mantense ao redor do 86% nun programa de cruzamento de tres razas, mentres que descendería ao 67% se só se utilizasen dous

A raza holstein, pola contra, usada ata o de agora case como unha monocultura para a produción leiteira en todo o mundo, acabou xerando numerosos problemas debido aos altos niveis de consanguinidade, situados por encima do 8% en EEUU e que continúa aumentando en niveis anuais próximos ao 0,4%. 

“En 1990 a taxa de consanguinidade nas vacas holstein nos EEUU era do 4,4% pero foi subindo rapidamente até chegar ao 5,8% no 2011 e situarse hoxe xa no 8,6% como consecuencia de recriar masivamente de só cinco touros (Supersire, Mogul, Planet, Shottle e O-Man”, detallou o profesor Hansen. 

Esta práctica acabou provocando depresión endogámica (o efecto oposto ao vigor híbrido), un fenómeno que rouba silenciosamente os beneficios da mellora xenética, especialmente en trazos que non se perciben a primeira vista, como perda de embrión, escasa resistencia a enfermidades ou maior taxa de mortandade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *